domingo, setembro 14, 2014

A 'Marea Ártabra' presentouse en Ferrolterra, para construír, dende abaixo, alternativas de gobernos municipais nas comarcas do noroeste galego




Construír, dende abaixo
A 'Marea Ártabra', iniciativa política que pretende "construír, dende abaixo," unha alternativa cidadá nas vindeiras Eleccións Locais de Maio de 2015,  presentou-se en Ferrol este sábado 13 de Setembro, pasadas as 12 do mediodía na Galería Sargadelos.  Montserrat Garel e Miguel Castro, presentaron a marea cidadá no nome das 72 persoas que asinan inicialmente o manifesto. Acompañaron o acto numerosas persoas, entre as que se encontraban, maioritariamente, asinantes do manifesto que se presentou na rolda de prensa. Activistas sociais e culturais, artistas, escritores, traballadores/as do ensino, ecoloxistas, antigos sindicalistas e concelleir@s que hai tempo estiveron sentad@s nas bancadas do Pazo Municipal ferrolán, apoian á 'Marea Ártabra'. Tamén estiveron presentes unha importante representación das organizacións políticas que xa amosaron o seu apoio á marea cidadá (ANOVA-IRMANDADE NACIONALISTA, ESQUERDA UNIDA e ESPAZO ECOSOCIALISTA GALEGO).

Alternativas de gobernos municipais nas comarcas
Na propia posta en escena, amosaba-se as aspiracións de que a 'Marea Ártabra' sexa a referencia para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal. Na foto do xornalista Raúl Salgado publicada en Ferrol 360, observa-se que ao redor das palabras 'Marea Ártabra', aparece o nome dos diferentes concellos (Ares, Cariño, Narón, As Pontes, ...) das comarcas que conforman o noroeste galego.

Unitaria
Na convocatoria manifestan que a 'Marea Ártabra' é a súa "resposta a tanta agresión", e o seu "berro a tanto silencio contido", seguen: "Setenta e dúas voces, setenta e dúas cidadás e cidadáns van poñer a palabra que vai rachar co silencio que nos queren impoñer, o chamamento para a incorporación á marea cidadán que cómpre artellar. Setenta e dúas memorias nunha soa: a memoria e a voz do pobo da comarca de Ferrolterra".

Anunciada a primeira Asemblea Cidadá
A primeira Asemblea Cidadá Aberta da 'Marea Ártabra' será o xoves 2 de Outubro, ás 8 da tarde no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño.

Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Para contactar
Presentou-se o manifesto que se pode ler nun blogue que abriron no seguinte enderezo: http://mareaartabra.blogspot.com.es/  ou mareaartabra.org. Tamén hai un enderezo de correo electrónico: mareaartabra@gmail.com.

A Marea Ártabra nas redes sociais
:
Logo da marea cidadá:
A noticia nalgúns medios:
  • Ferrol 360 | A Marea Ártabra emerxe en Ferrol e xa apunta ás municipais de maio | RAÚL SALGADO | @raulsalgado | Ferrol | Sábado 13 setembro 2014 | 13:07 | Ir á Web.
  • Praza Pública | A Marea Ártabra chama a cidadanía a "tomar a palabra" nunha "oportunidade única" | Redacción | @prazapublica | Sábado 13 setembro 2014 | Ir á Web.
  • La Voz de Galicia | Marea Ártabra busca «aire novo» para Ferrolterra | A asemblea constituínte celebrarase o 2 de outubro coa mirada posta nas eleccións municipais | ANA F. CUBA FERROL / LA VOZ 13/9/2014 16:44h | Ir á Web.
  • Diario de Ferrol | Marea Ártabra toma forma e inicia a súa andadura cara ás municipais | REDACCIÓN FERROL | Actualizado 14 Setembro 2014 - 00:17 h. | Ir á Web.
Algunhas fotos que circulan polas redes sociais

___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon