En Santiago de Compostela, este 24 de setembro de 2014, membros da Rede Galega pola Defensa do Dereito á Saúde, realizaron unha rolda de prensa, para pedir unha reforma fonda ou no caso contrario, retirada, do Real Decreto Lei 16/2012 de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde no marco da xuntanza informal do Consello Interterritorial de Saúde.
A Rede Galega pola Defensa do Dereito á Saúde, integrada por Amnistía Internacional, Médicos do Mundo, Foro Galego de Inmigración, convocaron unha Rolda de Prensa informativa á tarde deste mércores, na Praza do Obradoiro, ao mesmo tempo que se desenvolvía a Xuntanza informal do 'Consello Interterritorial de Saúde', no que participa a Ministra de Sanidade e @s conselleir@s das diferentes Comunidades Autónomas do Reino de España, no Hotel San Francisco de Santiago.
A Rede Galega demanda unha "reforma integral" da lei para que as persoas teñan a cobertura necesaria
Unha profunda reforma ou no caso contrario a retirada do Real Decreto lei 16/2012 de Medidas Urxentes para Garantir a Sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde, que supuxo entre outros cambios a exclusión do dereito á atención sanitaria ordinaria para o colectivo de persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa.
No transcurso da Rolda de Prensa informativa fixeron pública a carta dirixida por Amnistia Internacional e apoiada polo resto de organizacións e entidades convocantes , á Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, (tamén se remitíu unha carta similar ao resto de Conselleir@s de Sanidade das diferentes Comunidades Autónomas) instándolles, baseándose en diferentes pronunciamentos de organismos internacionais do máis alto nivel incumpridos até o de agora polo Estado Español , a que en vindeiras xuntanzas do Consello Interterritorial de Sáude se aborde a necesidade de reformar o Real Decreto 16/2012 e de cumprir cos compromisos e recomendacións internacionais para garantir o dereito á saúde de todas ás persoas.
Denuncia
A Rede Galega pola Defensa do Dereito á Saúde denunciou que un millón de persoas se quedou sen acceso á sanidade pública de forma normalizada logo da aprobación do citado Real Decreto Lei 16/2012 que limita a atención sanitaria a inmigrantes sen papeis.
Criticaron que malia que a gran maioría de persoas non amparadas son inmigrantes en situación "irregular", profesionais ligados á Rede segue atendendo as persoas que acoden á consulta. A este tipo de pacientes, cando acoden a urxencias, se lles fai asinar un compromiso de pago polos servizos, ou en ocasións pásaselles unha factura posterior.
@s membros da Rede explicaron que moitas comunidades desenvolveron un plan alternativo para ofrecer atención sanitaria, como Galiza co 'Plan Galego da Protección da Saúde Pública'. Sobre este, dixeron que se trata dun parche, porque nel segue sen recoñecerse o dereito á saúde.
Denunciaron que distintos organismos internacionais chamaron a atención á administración española, por vulnerar a súa obrigación de proporcionar atención en saúde á poboación do seu territorio, independentemente da súa situación administrativa. Estes tratados vulnerados están asinados polo Reino de España e que ano tras ano se lle recorda que os incumpren.
Información baseada na enviada por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
23 de setembro de 2014 23:03
http://www.plataformadspferrol.blogspot.com/
________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon