sábado, setembro 06, 2014

Posicionamento da CIG diante do novo pacto social entre CCOO, UGT, Patronal e Goberno Español -


UN NOVO PACTO SOCIAL EN MARCHA

Vén de asinarse, o 29 de xullo (en pleno verán como fai o Goberno coas leis complicadas), un documento por parte de CCOO, UGT, CEOE e PP (Goberno) denominado “Acuerdo de propuestas para la negociación tripartita para fortalecer el crecimiento económico y el empleo” no que, unha vez máis, estas dúas centrais sindicais renuncian a defender os intereses da clase traballadora e déitanse coa patronal e o Goberno.

Nun extraordinario exercicio de cinismo e hipocrisía, pretenden facernos crer que a través do que eles chaman “diálogo social” o capital e o goberno van aceptar pactar con eses dous sindicatos unhas medidas reais favorábeis ao crecemento económico e á creación de emprego. Tómannos por parvos.

A experiencia demóstranos que nada positivo conseguimos, os traballadores e traballadoras, dos diferentes Pactos Sociais, asinados por CCOO e UGT, ao longo dos últimos corenta anos, todo o contrario, estes pactos serviron para que o capital fose desregulando o mercado laboral, rebaixando o poder adquisitivo dos nosos salarios, precarizando as condicións laborais, debilitando e desmobilizando á clase traballadora.

Pois ben, se o pacto social non foi favorábel para a clase traballadora en momentos de crecemento económico e cun movemento obreiro e unha esquerda máis fortalecidos que na actualidade, é impensábel que poida resultar positivo un pacto social nun momento como o actual en que o capital ten o Goberno e a lexislación laboral ao seu favor, ten á clase traballadora atemorizada debido aos altos índices de desemprego e, a maiores, ten decidido facer competitiva a economía, e incrementar as súas marxes de beneficio, pola vía do recorte dos salarios. Con este panorama e, o que é máis grave, con CCOO e UGT en plan submiso e desmobilizador, que necesidade ten a patronal e o goberno (PP) de pactar absolutamente nada con estas dúas centrais sindicais que non sexa a paz social e a aceptación por parte delas das políticas de recorte de dereitos e de afondamento no modelo neoliberal, que viñeron impondo nestes anos?

Proba disto é, que se se analiza o contido do citado documento, en todo canto se refire á Unión Europea, á política de emprego, formación profesional, negociación colectiva, protección social, modelo produtivo, política fiscal, etc., non se cuestiona o modelo neoliberal da UE, nada se fala das causas da crise económica e moito menos de retirar as sucesivas contrarreformas laborais e modificar unhas medidas económicas que están a recortar dereitos, destruír emprego e tecido produtivo, xeneralizar a perda de salario e precarizar as condicións laborais, en definitiva, unas políticas que están a debilitar á clase traballadora mentres o capital incrementa os seus beneficios e o seu poder.

Resulta aínda máis insultante, se cabe, que CCOO e UGT nos falen da aceptación por parte do goberno (PP) da vía do “diálogo social”, cando está a impor proxectos de lei, vulneradores de dereitos e de recorte das liberdades públicas, como poden ser a lei do aborto, a lei electoral, o código penal ou a lei de seguridade cidadá.

Estamos pois ante un documento, como en ocasións anteriores, cargo de palabrería barata, no que non aparece ningunha proposta concreta favorábel á clase traballadora, no que se acepta con absoluta normalidade a situación actual de perda de dereitos e deterioro das condicións de vida da maioría social como se non tivese pasado nada nos últimos anos e non existisen culpábeis. En definitiva, un pacto social no que CCOO e UGT renuncian á mobilización, a dar o debate ideolóxico e a loitar por un cambio de modelo económico realmente favorábel aos interese da clase traballadora.

Unha vez máis, as direccións de CCOO e UGT confunden a defensa dos seus intereses coa defensa dos intereses da clase traballadora e a cambio de certas prebendas non teñen problema en colaborar coa estratexia da oligarquía española e do PP de transmitir á sociedade, a un ano vista das próximas eleccións municipais e xerais, unha imaxe positiva, pero falsa, da recuperación económica e da creación de emprego, obviando as causas reais da crise económica, os seus responsábeis e a grave situación económica, social e laboral na que están a grande maioría de traballadores e traballadoras como consecuencia das súas políticas antisociais.

Desde a CIG facemos un chamamento á toda a clase obreira galega a non aceptar este xogo de tronos a conta dos nosos intereses e de precarizar as noas condicións de vida, a retirarlles o apoio nas empresas ás centrais sindicais asinantes deste documento e desta traizón e a seguir mobilizándose contra as políticas antiobreiras do capital e do PP, pola conquista dun sistema económico realmente ao servizo da clase traballadora galega e no que soberanamente poidamos decidir o noso presente e futuro.

DEFÉNDETE. NON DEIXES QUE XOGUEN COS TEUS INTERESES.

Galiza, setembro de 2014

Confederación Intersindical Galega
http://www.galizacig.com/

cig.prensa@galizacig.com

Rúa Miguel Ferro Caaveiro 10,
Santiago de Compostela
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon