A COG (CENTRAL OBREIRA GALEGA) acaba de nacer en Mercadona. Somos a confluencia de varias sensibilidades unidas polo obxectivo de conseguir unha representación sindical que defenda de maneira real e con eficacia os dereitos das traballadoras e traballadores. Chegou o fin do pacto que Mercadona ten cos sindicatos maioritarios para alternarse na “okupación” do Comité de Empresa. Chegou o fin da esperpéntica situación grazas á que eses “sindicatos” defendían os intereses da empresa, convertidos nun apéndice do Dpto. de RR.HH. Algúns de nós sabémolo ben xa que procedemos deses sindicatos, de onde nos tivemos que marchar ante a prohibición expresa que nos impuñan de facer sindicalismo para seguir con eles.
Pedímosvos o voso apoio para que os traballadores e traballadoras de Mercadona poidamos dispoñer dun sindicato ao que acudir cando teñamos un problema ou unha dubida, ou simplemente sintamos a necesidade de sentirnos apoiadas e apoiados coa certeza de falar con sindicalistas honrados e convencidos de que defender os seus compañeiros e compañeiras é o seu deber por riba de todo.
Durante a precampaña sufrimos o ataque brutal e desapiadado dos “sindicalistas” enviados da empresa co único obxectivo de que non puidésemos montar unha candidatura. As mentiras e difamacións foron moitas. Cunha ausencia total de escrúpulos, estes suplantadores de sindicalistas intentaron desacreditar persoalmente aos candidatos da COG, a pesar de que é sabido que algúns levamos varios anos sufrindo as consecuencias da represión da empresa, só por defender a nosa dignidade e intentar mellorar as condicións laborais dos compañeiros.
Un dos seus “argumentos” máis repetitivos é que somos “radicais”. Pero, iso que significa? Nós, o que defendemos é o seguinte:
1.—Respecto escrupuloso do convenio. Non é un bo convenio, pero é que eles nin sequera se preocupan en que a empresa o aplique correctamente.
2.—Respecto do Estatuto dos Traballadores, pois ningún convenio pode estar por debaixo, só melloralo.
3.—Respecto á dignidade e aos dereitos básicos dos traballadores, incluído o de poñerse enfermo.
4.—Respecto á conciliación “real” da vida persoal e familiar coa laboral. Porque temos familia e unha vida á parte da nosa xornada laboral. Non somos propiedade de Mercadona.
5.—Respecto a liberdade sindical. Respecto á liberdade de opinión e de expresión. A ditadura xa hai anos que caeu neste país e ningún modelo de “calidade total” pode volver impoñela.É isto ser uns radicais?
A nós nunca nos verás testificando contra un compañeiro nun xuízo, a nós nunca nos verás prometendo regalos para influír no voto, nós nunca seremos os recadeiros da empresa, nunca acudiremos aos mandos contarlles as queixas que vós nos comuniquedes revelando a vosa identidade... Na COG non vai haber liberados ao servizo da empresa. O traballo sindical realizarase entre todos, coa vosa participación, con visitas continuas, asembleas, panfletos informativos... Outros non poden dicir o mesmo.
É un momento histórico para as traballadoras e traballadores de Mercadona. Nas vosas mans esta ter, por fin, unha verdadeira representación sindical que non dependa directamente da empresa, se non de vós. O voso voto decidirá entre un “Comité da empresa e para a empresa” ou un “Comité ao servizo das traballadoras e traballadores de Mercadona”.
As votacións: día, horario, mesas, informacións, ...
ELECCIÓNS SINDICAIS (9 de outubro)
HORARIOS DE VOTACIÓN POR TENDA
—C. C. Espacio Coruña: 9:30-10:00Os interventores da COG garantirán que o voto sexa totalmente confidencial e secreto.
—Ronda de Outeiro: 9:30-10:00
—Rianxo: 10:00-10:30
—Xeneral Sanjurjo: 10:30-11:00
—Boiro: 11:00-11:30
—Fene: 11:00-11:30
—Papagaio: 11:30-12:00
—Freixeiro (Narón): 12:00-12:30
—Abesadas (Ribeira): 12:00-12:30
—Carballo: 12:45-13:15
—Noia: 13:00-13:30
—Canido: 13:00-13:30
—A Gándara: 14:00-14:30
—Bertamiráns: 14:00-14:30
—Casa do Camiño (Cee): 14:30-15:00
—C. C. Novo Milladoiro: 15:00-15:30
—Santa Marta: 17:00-17:30
—Oleiros: 17:00-17:30
—A Sionlla: 18:00-18:30
—O Seixo (Perillo): 18:00-18:30
—C. C. Marineda: 18:00-18:30
Aínda que asinaras outra candidatura, podes votar a COG.
O reconto non se realiza por tendas. Haberá unha única urna que percorrerá toda a provincia e onde se depositarán os votos de tódalas tendas. Só se abrirá ao remate da xornada para o reconto global.
Poderás acudir votar en calquera tenda da provincia, aínda que non sexa a túa. Revisa os horarios nos que pasará a urna polas tendas.
Para Contactar:
Conta no facebook como órgano de difusión de información dos traballadores e traballadoras de Mercadona organizados arredor da COG. Sindicalismo real e combativo en contra do medo.
https://www.facebook.com/pages/Secci%C3%B3n-Sindical-da-COG-en-Mercadona/951497661533900
Correo-e: cogmercadona@gmail.com
Un moi interesante Boletín Electoral de 4 páxinas, en formato pdf | Acceder/Baixar.
______________________
1 comentarios so far
Un resultado que pode ser cualificado de histórico da COG (Central Obreira Galega) nas eleccións sindicais de MERCADONA en A Coruña.
Resultados electorais nas eleccións sindicais de MERCADONA na provincia de A Coruña:
UXT: 7 delégaos (176 votos)
COG: 5 delegados (122 votos)
CCOO: 4 delegados (89 votos)
As compañeiras e compañeiros da COG queremos dar as grazas a todas e todos as compañeiras e compañeiros que confiaron na candidatura da COG, grazas a todas e todos os que creedes que outro sindicalismo é posible e necesario, grazas a todos @s valentes que asinaron e apoiaron esta candidatura dos traballadores e traballadoras.
Foi moi duro, foi moi difícil, pero conseguimos un gran resultado froito do traballo e do exemplo.
Non vos imos defraudar, seremos coherentes, consecuentes, valentes, e sempre nos teredes o voso lado. Sin vos non somos nada, xuntos somos xigantes!.
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon