domingo, outubro 19, 2014

Comeza desde Ferrol unha rebelión interna en CCOO: a utilización das chamadas "Tarxetas Opacas" nun fraude de máis de 15,5 millóns de euros, coa implicación de seis conselleiros de CCOO, din que foi a pinga que colmou o vaso


Aínda que as denuncias e protestas polo que está sucedendo no seo de Comisións Obreiras, xorden desde todos os recunchos do Estado. Desde Ferrol parte unha rebelión interna en CCOO que pretende canalizar ese descontento e que se transforme nunha forza que provoque cambios no seo da central sindical, para "un sindicalismo combativo, de clase e democrático". Comeza a difundir-se un manifesto 'GAÑEMOS CCOO' para os traballadores e as traballadoras!. A utilización das chamadas "Tarxetas Opacas" nun fraude de máis de 15,5 millóns de euros, coa implicación de seis conselleiros de CCOO, din que foi a pinga que colmou o vaso. O sector crítico de CCOO e outros afiliad@s de diferentes sectores da central sindical, din que "é o momento de dar unha resposta colectiva e organizada fronte aos que están destruíndo un sindicato construído durante décadas co sacrificio da clase obreira" e fan un chamamento a sumar-se ao manifesto, difundir-lo e enviar resolucións e cartas de protesta á Executiva Confederal. Desde Ferrol Terra asinan e impulsan o manifesto nos nove primeiros postos: os membros da Comisión Executiva de CCOO Estaleiros Navantia Xaquín García Sinde,  Javier Losada Martínez, Carmen Sixto Beceiro e Vicente Ferrer Casal; os membros da Comisión Executiva de CCOO de Industria de Ferrol  Jorge Porto Arribí e Diego Costoya Calvo; Luis Cortegoso Fernández, delegado CCOO en Maderas del Noroeste; Francisco Funcasta Fraga, presidente Comité de Empresa de Pull&Bear e José Manuel Jurado Cardona, membro Comité de Empresa de Pull&Bear.

¡A PINGA QUE COLMOU O VASO!
¡Fóra os arribistas e os corruptos de CCOO!
¡Basta de paz social e desmobilización!

¡GAÑEMOS CCOO para os traballadores e traballadoras!

1. A fraude de 15,5 millóns de euros perpetrado por conselleiros e directivos de Caixa Madrid e Bankia coas "tarxetas opacas", é o último exemplo da corrupción que carcome o capitalismo español. As consecuencias da implicación de seis conselleiros de CCOO, que se apropiaron de case 800.000 euros en dez anos, son de tal envergadura que comprometen o futuro da nosa organización.

2. Aínda que a Comisión Executiva Confederal de CCOO aprobou unha resolución suspendendo cautelarmente de militancia aos seis representes do sindicato en Bankia, non podemos esquecer as declaracións do secretario xeral de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, nas que afirmaba non sentirse decepcionado polo até hai pouco membro da Executiva Confederal Rodolfo Benito, entendendo que non actuara "de forma ilegal nin en beneficio propio", e que a súa decisión de dimitir "hónralle".

3. En lugar de defender os intereses de miles de familias desafiuzadas e estafadas coas preferentes, os conselleiros do noso sindicato participaron no saqueo dunha caixa de aforros pública. Si o compañeiro Toxo considerou que non era un comportamento ilegal nin en beneficio propio, nós dicimos que foi unha utilización nauseabunda das siglas de CCOO e unha proba máis do profundo abismo que separa a moitos dirixentes do noso sindicato da dura realidade que constitúe o día a día da clase obreira.

4. É un insulto á intelixencia dos traballadores e dos afiliados de CCOO, que tanto Toxo como a Comisión Executiva Confederal pretendan alegar que descoñecían o que ocorría en Caixa Madrid e en Bankia pois, desgraciadamente, trátase da práctica habitual coa que se conducen nas súas relacións cos bancos, cos gobernos central e autonómicos e a CEOE. A súa obsesión por actuar como "homes de Estado", arrástraos, inevitablemente, a compartir obxectivos comúns cos grandes poderes que teñen nas súas mans as rendas da sociedade, os partidos que se alternan no goberno, os banqueiros e os grandes empresarios. A cambio, reciben xenerosas subvencións do Estado e participan en decenas de consellos de administración.

5. Estes casos de corrupción na cúpula de CCOO son o froito inevitable da súa política de paz social e consensos, de desmobilización, de asinar acordos que nos fan perder dereitos e conquistas sociais. Para impoñer esta política pactista, foi necesario promover aos órganos de dirección a moitos elementos dereitistas e faltos de escrúpulos, como ocorreu co anterior secretario xeral José María Fidalgo, hoxe comodamente instalado na contorna do PP baixo o abrigo de José María Aznar, ou con Mª Jesús Paredes, ex secretaria xeral da federación de banca, cuxo marido, Francisco Baquero Noriega, foi conselleiro de CCOO en Bankia e gastou da tarxeta opaca ¡266.400 euros! Este proceso fíxose a costa de marxinar a moitos sindicalistas honestos ou, até, de poñelos aos pés dos cabalos nas súas empresas.

6. Como sindicalistas e afiliados que defendemos as tradicións combativas de CCOO, non podemos permanecer pasivos ante unha situación que pode acabar conducindo á destrución do noso propio sindicato. As dimisións ou suspensións de militancia dos pillados nas patacas son completamente insuficientes. Os máximos dirixentes confederais son á súa vez os máximos responsables políticos desta situación. Xa que logo, esiximos a dimisión de toda a Comisión Executiva Confederal de CCOO, xunto coa de todos os cadros implicados dunha ou outro xeito en corruptelas.

7. Para salvar e defender a CCOO debe celebrarse un debate democrático en todo o sindicato que dea o protagonismo aos afiliad@s e que culmine nun congreso extraordinario con delegad@s elixidos directamente pola base.

8. O único xeito de combater a corrupción é practicando un sindicalismo combativo, de clase e democrático. @s abaixo firmantes chamamos a todos os afiliados e afiliadas de CCOO, a todo o movemento obreiro, a loitar por GAÑAR CCOO PARA OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS. Sumar a este manifesto, difúndeo, envía resolucións e cartas de protesta á Executiva Confederal. É o momento de dar unha resposta colectiva e organizada fronte aos que están destruíndo un sindicato construído durante décadas con de o sacrificio da clase obreira. As xenuínas Comisións Obreiras son hoxe máis necesarias que nunca.

¡Vivan as CCOO!

¡Fóra os arribistas e os corruptos do noso sindicato!

GAÑEMOS CCOO PARA OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS.
Sumar-se a este Manifesto enviando o nome e apelidos, localidade e federación á que se pertence a: GanemosCCOO@gmail.com.

Sitio-e de GAÑEMOS CCOO para impulsar e asinar o manifesto | Ir á Web.

Foto de Luís Polo publicada no Diario de Ferrol.

Enviado por:
Inácio Caranza
-inaciogz@gmail.com-
18 de outubro de 2014 08:10

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon