mércores, novembro 05, 2014

O Colectivo Ártabra 21 chama a participar nas mobilizacións das Marchas da Dignidade do 6 e 29 de Novembro - #6NRuadaDignidadeFerrolterra - #29NeuVOU #29NOcupaObradoiro


MOBILICEMO-NOS COAS MARCHAS DA DIGNIDADE POR UN OUTRO MODELO SOCIAL SUSTENTÁBEL, DEMOCRÁTICO, PARTICIPATIVO, XUSTO E SOLIDARIO

Este outono chegou quente, parecía que se prolongaba o verán, mais o comezo de novembro levou-nos á cruda realidade, as borrascas coa chuvias, tronadas e sensación de frío, ... indican-nos que é necesario pensar en quen está vivindo unha situación límite nas súas condicións de vida. Ferrolterra, Eume e Ortegal, comarcas avellentadas, en declive industrial e demográfico, necesitan un revulsivo social, necesitan despertar, saír á rúa e reivindicar, construír, poñer as bases para transformar. Crianzas na escola sen apenas almorzar, zapatos furados e mollados, sen a roupa adecuada, ... pais e nais nas casas sen actividade laboral remunerada, prestacións esgotadas, nin renda básica de subsistencia elemental. Apoios familiares, Cáritas, Cociña Económica, ... en definitiva caridade, ... fai falta un estado social de Solidariedade, de compartir, de criar estrutura solidaria e xustiza social, comunitaria ou pública, mais colaborativa e corresponsábel. Iso de se nos tocan a un tocan-nos a tod@s, onde está?. Están tocando a moitas e moitos miles, mais non se albisca solución. O naval tocado apunto de afundir-se, polas políticas ocultas dos diferentes gobernos que moitos vemos: cargar-se o naval público, un sector clave para as nosas comarcas. Algúns medios de comunicación amosan-nos un réxime corrupto, esgotado, insolidario, inxusto, ... gobernado por unha casta de políticos mediocres e ladróns, que en vez de servir ao pobo, comportan-se como samesugas insaciábeis. Mentres a esquerda social e política está cega, muda, xorda, ... cando non lixada por elementos oportunistas, arribistas e corruptos, seguen-se ocupando das súas pequenas leiras, para non perder espazo político, ou competindo por un pequeno espazo nunha institución, sen dar-se conta de que o que hai que facer e gañar e transformala en beneficio dos intereses e necesidades do pobo.

A situación de desemprego, nas comarcas do noroeste galego, non por non novidosa, non deixa de ser preocupante, sobre todo por falta de perspectivas de futuro, de esperanza. Non hai proxectos, nin planos de futuro, desde os poderes públicos, para que as cousas cambien para mellorar a situación da poboación. Por poñer só un exemplo, en datos facilitados pola última Enquisa de Poboación Activa [1], da cidade de Ferrol (redondeados en centenas), dun total de 60.100 persoas maiores de 16 anos, as persoas que teñen un emprego ou o buscan, son unhas 30.200, é dicir mais ou menos a metade, das cales están empregadas só 21.200, e sen emprego 9.100 persoas (unha taxa de desemprego superior ao 30%) [2]Estes datos de pouca actividade e de desemprego son moi alarmantes, sobre todo se parece que se están convertendo en crónicos. O concello de Ferrol, agoniza non só polo seu declive (industrial, urbanístico e demográfico) senón que principalmente pola ferida do desemprego e a precariedade, ao resto dos concellos das comarcas, pasa-lles outro tanto.
                        
Desde as Marchas da Dignidade de Ferrolterra veñen denunciando esta situación, mais sobre todo queren estar mobilizad@s contra esta situación, o paro e a precariedade non debe ser o noso estado natural, non queremos esta situación, queremos mellorar e vivir con dignidade, queremos Pan, Traballo e Teito.

Este inverno, non queremos pasar frío, non queremos pasar fame, non queremos vivir na pobreza enerxética, non queremos que as nosas amizades e familias teñan que seguir pagando (precarizando-se) por que os poderes públicos, os partidos do sistema, a casta política, só actúe e viva para enriquecer-se, empobrecendo-nos á grande maioría da poboación.

A casta dos grandes empresarios agora anuncian-nos que se pode crear emprego [3], precarizando aínda máis á maioría da poboación, recortando-nos servizos públicos e dereitos, e que só enriquecendo-se eles, pode-se criar "emprego". Malditos unha e outra vez, malditos, ... Non lles chega con facer-nos pasar un inverno de morte, fame, enfermidades e moita precariedade. Agora queren seguir gobernando as nosas vidas, decidindo cando temos que comer e cando non, ... Preparemos a loita este outono, e combatamos no inverno e a primavera será nosa, hai que botalos !! pero con "b", botalos dos gobernos, incapacita-los para tomar decisións por todos nós, hai que botalos das nosas vidas e que devolvan o roubado, con intereses e comisións, ...

Para máis miseria esta-se negociado o Acordo Transatlántico de Comercio e Inversións (TTIP nas súas siglas en inglés), entre EUU e a Unión Europea onde se pretende entregar o control das nosas vidas, dos nosos bens, das nosas terras, dos nosos servizos públicos, ... ás grandes corporacións multinacionais [4].

Limitan o acceso á xustiza, impoñendo as taxas xudiciais, recortan en sanidade, educación, dependencia, … ; privatizan os servizos públicos, a xestión da auga e venden os nosos servizos de saúde e hospitais a fondos de inversións e corporacións multinacionais; impoñen a LOMCE que é o mesmo que o conservadorismo rancio e o neoliberalismo entren nas aulas contaminando ás nosas crianzas; e lexislan para deteriorar aínda máis á universidade pública pretendendo expulsar, pola vía de falta de recursos económicos, á clase traballadora dos estudos universitarios; teñen preparada unha Lei Mordaza, din de "seguridade cidadá", para criminalizar a protesta e limitar a liberdade de expresión, folga e manifestación;  pretendían roubar o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo, mais non puideron; ...

Organícemo-nos, concienciemos, mobilícemo-nos, a situación xa é insoportábel para miles de familias, ... loitemos por unha renda básica, contra a pobreza enerxética, por unha vivenda digna e contra a exclusión social. Denunciemos, fagamos visíbel o que "están sufrindo de xeito indignante a outra cara da corrupción e o latrocinio das elites". A outra cara do réxime corrupto, son as miles de persoas vítimas do sistema de ladróns, do sistema político que permite que miles, centos de miles e millóns de persoas vivamos na precariedade, sen futuro, coa ameaza da pobreza crónica, de malvivir da caridade.

Os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) veñen demostrar que as políticas de precarización, desprotección social e empobrecemento da clase traballadora que está levando a cabo o goberno do, polo de agora, Reino de España e o da Xunta de Galicia, e mesmo os dos concellos, están expulsando a milleiros de persoas do seu chamado mercado laboral, "destruíndo o que queda de traballo digno e estábel e xerando empregos miserábeis que están facendo cada vez máis frecuente a figura do traballador ou traballadora que, malia ter un posto de traballo, segue na pobreza e a exclusión. Lonxe de mellorar a situación de emerxencia social, non deixan de profundala cun transfundo obsceno de escándalos de corrupción que desbasten sobre todo ás vítimas deste réxime que se ve forzado a facer redadas masivas de políticos".

As nosas propostas teñen que saír á rúa: ningunha persoa en paro sen prestación; nin un desafiuzamento máis, parque público de vivendas, vivenda digna e adecuada para tod@s; non á emigración forzosa da mocidade; acabar coa criminalización das persoas inmigrantes, recoñecendo a súa contribución a fomentar a diversidade e riqueza do noso País, e tamén recoñecendo os seus dereitos como calquera outra cidadá máis; como medida moi urxente: non consentir que haxa familias que se queden sen os recursos enerxéticos necesarios para a supervivencia; establecemento dunha renda básica, incondicional e universal; garantir que ningún neno e nena carezan de alimentación, vestimenta adecuada, acceso ao material escolar, acceso a auga e a enerxía; garantir a protección e os coidados esenciais ás persoas maiores; garantir o dereito à saúde a través dos sistemas públicos de prevención e dun sistema sanitario público e universal, sen repagos, nin copagos; ... participar nas mobilizacións das Marchas da Dignidade do 6 e 29 de Novembro.

#6NRuadaDignidadeFerrolterra
PARTICIPA, EN FERROL, O XOVES 6 DE NOVEMBRO, ÁS 6 DA TARDE DESDE A PRAZA 10 DE MARZAL (entre As Pías e as Casa Baratas) e remate sobre as 7 da tarde, cunha Asemblea Popular Aberta na Praza Amada Garcia (Diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia).
#29NeuVOU #29NOcupaObradoiro
O 29N en Compostela en “Ocupemos o Obradoiro”, cinco columnas das Marchas da Dignidade sobre Santiago de Compostela. E no resto dos territorios e nacións do Estado, o 29N cinco millóns de persoas na rúa contra o réxime corrupto, polo PAN, TRABALLO e TEITO.

Ferrol, a 4 de Novembro de 2014

Colectivo Ártabra 21 | Correo-e: artabra21@gmail.com |
Sitio-e: http://artabra21.blogspot.com.es/. | Somos.

Notas.-
[1] Datos da última EPA (Enquisa da Poboación Activa) correspondente ao terceiro trimestre de 2014, publicada polo IGE (fonte do INE) o 23 Outubro do mesmo ano.
http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/OperacionsConxunturais/EPA.html
[2] Hoxe agardamos que se publiquen os datos de paro rexistrado que só van variar un pouco, dado que non todo o mundo se rexistra e tamén polo sistema de contabilizar, pois por exemplo non se contabilizan as persoas que cobran subsidio para maiores de 55 ou mesmo as persoas desempregadas que están realizando cursos de formación.
http://www.ige.eu/
[3] O Consello Empresarial pola Competitividade (CEC), integrado polos grandes empresarios de España, propón novas reformas para crear 2,3 millóns de emprego en catro anos e asegura que a taxa de paro podería reducirse así ao 14,2 % en 2018.
http://www.europapress.es/economia/laboral-00346/noticia-economia-macro-grandes-empresas-proponen-medidas-situar-paro-debajo-11-2018-20141103113013.html
[4] Acordo Transatlántico de Comercio e Inversións (TTIP nas súas siglas em inglés), entre EUU e a Unión Europea.
http://www.mrafundazioa.org/es/articulos/este-tratado-comercial-transatlantico-es-un-ataque-frontal-contra-la-democracia
https://stop-ttip.org/
http://noalttip.blogspot.com.es/
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon