sábado, novembro 01, 2014

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, presentou ante a Fiscalía Especial para Delitos Económicos Relacionados coa Corrupción, escrito para que se investiguen dentro das causas abertas pola mala xestión da Caixa Galicia e posteriores entidades derivadas, as irregulares operacións financeiras con Reganosa e a responsabilidade do ex-director xeral da Caixa, José Luís Méndez López que na actualidade segue sendo membro do Consello de Administración da mencionada empresa regasificadora

Tags


O Comité Cidadán de Emerxencia, presentou ante a Fiscalía Especial para Delitos Económicos Relacionados coa Corrupción a seguinte comunicación.

Fiscalía Especial para Delitos Económicos Relacionados coa Corrupción
C/ Manuel Silvela Nº 4
28010 Madrid

Manuel A. Rodriguez Carballeira, Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol , Humberto Fidalgo Couce, membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Vicepresidente de ADEGA-Trasancos e Luz Mariña Torrente López, en representación da Plataforma de Veciñ@s O Cruceiro de Mea, actuando na súa representación.

EXPOÑEN:

Tendo coñecemento que esta Fiscalía está investigando diversas operacións irregulares realizadas polos responsábeis de diferentes entidades bancarias, entre as que se atopa Caixa Galicia e Nova Caixa Galicia e que produciron importantes quebrantos a estas entidades financeiras. Operacións que segundo o FROB serían "operacións de financiamento e refinanciación para a adquisición de inmóbeis ou participacións en sociedades ... Ademais inclúen operacións de cancelación de débedas. e operacións de investimento (situacións precarias desde o punto de vista económico ou patrimonial, por exemplo)".

Queremos poñer no seu coñecemento, por si fosen constitutivos de delito, os seguintes feitos:

1.- Crédito de Caixa Galicia e BBVA no ano 2005 para construír a planta de gas de Reganosa.

Pois ben o 23 de outubro de 2005 na cidade de Ferrol asinábase entre representantes da empresa Reganosa e os representantes das entidades bancarias BBVA e Caixa Galicia a concesión dun crédito de 416 millóns de euros, para a construción dunha planta de gas no interior da Ría de Ferrol, que segundo Jose Luís Branco (director territorial do BBVA) "supón o proxecto de financiamento máis voluminoso do mercado español", mentres que Jose Luís Mendez, director de Caixa Galicia outro dos asinantes subliñaba que "con esa operación Reganosa colle velocidade de cruceiro"?.

2. No ano 2006 Roberto Tojeiro Diaz pignora á Caixa Galicia un 15´9% da súa participación na sociedade mercantil Reganosa. Segundo algúns medios de comunicación esta operación tivo un custo para Caixa Galicia de 7.6 millóns euros. É importante sinalar que, de ser certa esta cantidade, non se correspondería co valor das participacións ofrecidas en peza.

Naquel ano Roberto Tojeiro Diaz era presidente do Consello de Administración de Reganosa e á súa vez pertencía ao Consello de Administración da Corporación Caixa Galicia cuxo presidente era José Luís Méndez López.

3.- En setembro do 2010, pouco antes da fusión das dúas caixas galegas, o grupo empresarial Tojeiro (Gadisa, Forestal do Atlántico, Imegasa, ...) recupera as accións pignoradas de Reganosa e nomea a José Luís Mendez López membro do Consello de Administración de Reganosa, cargo no que se mantén na actualidade. Jose Luís Méndez López, exdirector de Caixa Galicia saíu da entidade logo de levala á creba, con máis de 18 millóns de euros.

4.- A planta de gas Reganosa é unha instalación ilegal, perigosa e inútil que expón á poboación da Ría de Ferrol a un risco innecesario e supón un delito continuado en canto produce un sobrecusto ao sistema gasista de 60 millóns de euros cada ano. O Tribunal Supremo en Sentenza firme de 11 de Maio de 2012 confirma a ilegalidade da planta de gas de Reganosa.

SOLICITAN

A esta Fiscalía que investigue a operación da concesión dun préstamo para a citada instalación por parte de Caixa Galicia, así como a actuación do exdirector xeral desta entidade, José Luís Méndez López na pignoración e posterior recuperación das participacións de Reganosa.

Ferrol a 31 de Outubro de 2014

Asinado.-. Manuel A. Rodriguez Carballeira, Humberto Fidalgo Couce e Luz Marina Torrente Lopez.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Enviado por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
31 de outubro de 2014 16:32

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon