martes, decembro 02, 2014

Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agame) demanda un Plan Integral de Prevención da Violencia contra a Infancia tras o parricidio de S. Juan de Arena

Unha vez máis o asasinato de dúas nenas, presuntamente a mans do seu proxenitor, sacude a nosa sociedade. Sucédense as reaccións das autoridades pero de novo será en van, pois o dano que se causou ás dúas nenas xa non ten volta atrás. Non é suficiente lamentarse polo ocorrido, hai que actuar dende agora mesmo para a prevención da violencia contra os nenos e as nenas e facer posible a súa protección.

É por este motivo que a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) demanda ao goberno central a redacción dun plan que propoña abordar de maneira integral a problemática da violencia exercida contra os nenos e as nenas. Na liña do que a nosa asociación ven esixindo aos poderes públicos desde hai catro anos, a petición formulada fai fincapé na necesidade de coordinación interinstitucional, formación específica de profesionais, dotación de medios humanos e materiais suficiente e adaptada ás necesidades dos nenos e das nenas.

O plan deberá incluír modificacións lexislativas que fagan efectivos os dereitos recoñecidos na Convención dos dereitos do Neno e da Nena ratificado polo Estado español en 1990, pero cuxa presenza é aínda moi limitada na realidade dos nosos xulgados; unha nova redacción da lei de enxuizamento civil en todo aquilo que atinxe aos nenos e nenas afectados por procedementos de familia (custodia, réxime de visitas, execución de sentenzas,...) pois o trato que reciben na presente lei é similar ao dunha propiedade, renda ou pensión. En definitiva, a revisión da xurisprudencia, pois todas aquelas sentenzas que non motivaron xuridicamente o interese superior do neno e da nena, que non permitiron ao neno ou nena expresar libremente a súa vontade ou que se basearon en prácticas non científicas deben ser borradas do noso ordenamento xurídico.

Da mesma maneira, deberase planificar unha campaña educativa de longa duración dirixida á poboación en xeral, pero de maneira moi especial a todos aqueles corpos profesionais que entran en contacto habitualmente con nenos e nenas. O obxectivo desta campaña deberá ser por unha parte inculcar a total intolerancia coas múltiples caras da violencia exercida contra os nenos e as nenas. O outro grande obxectivo será educar para crer ás vítimas. Hai uns catorce anos entraron no noso sistema xudicial unha serie de teorías non científicas que se propoñen desacreditar ás vítimas de violencia no ámbito familiar. Estas teorías aducen intereses materiais ou persoais para o que se coñece como denuncia falsa e que popularmente se describe como moi habitual mentres que as estatísticas nos din que é practicamente inexistente neste tipo de casos. De feito, o problema real contra o que hai que loitar é a escasa denuncia, a invisibilidade da violencia que se comete no seo da familia. Os poderes públicos non só non impediron a xeneralización destas prácticas no sistema xudicial senón que alentaron a súa perpetuación permitindo e financiando (aínda nos nosos días) a formación de xuíces-zas, fiscais, equipos forenses, equipos de menores, etc. na aplicación destas técnicas. É pois o momento de esixir ao goberno a corrección deste flagrante erro, facendo pública a desacreditación destas prácticas non científicas, castigando disciplinariamente a súa aplicación por parte de calquera profesional público e comezando un labor de reeducación para a "desprogramación" de todo o aparato xudicial.

En canto ao suceso que nos ocupa, AGAMME lembra que existía unha denuncia de malos tratos e unha petición de medidas de alonxamento que se desestimaron porque non se produciron lesións. Non considera correcto a nosa asociación que se excuse o Tribunal Superior de Xustiza de Asturias en que a nai non se opuxo en 2013 ao contacto das nenas co pai, culpabilizando a unha muller que non foi atendida como vítima de violencia de xénero cando denunciou a súa situación en 2013. Como ben alertaba no seu informe do ano 2006 a Fiscal de Sala de Violencia de Xénero, un dos problemas maiores que presentan os procedimentos con mulleres vítimas é que elas mesmas desisten da acusación: a violencia no ámbito familiar é complexa e require un coñecemento especializado para poder comprender as reaccións das vítimas. Porén, o que é cuestionable respecto á violencia contra unha persoa adulta non o é respecto á violencia contra os nenos e as nenas. Cada unha das persoas e institucións temos unha responsabilidade cara os nenos e as nenas vítimas, non é posible mirar cara a outro lado.  Por iso é necesario e urxente crear procedementos adaptados ás súas necesidades, con profesionais capaces de detectar as situacións de risco, con ferramentas xurídicas que permitan a súa protección e o disfrute dos seus dereitos recoñecidos na Convención, con un sistema xudicial libre de prexuízos disposto a escoitar e crer ás vítimas.

É preciso que se depuren responsabilidades, pois a rendición de contas é básica para o mantemento do estado de dereito. Non debemos esquecer que en agosto deste mesmo ano o Estado Español foi condenado pola ONU (CEDAW, Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller) por non ter actuado con dilixencia na protección das vítimas de violencia de xénero mulleres, nenos e nenas nun caso practicamente idéntico, acaecido en Madrid en abril de 2003. Nas conclusións do ditame da ONU faise referencia á existencia dun "patrón de actuación que obedece a unha concepción estereotipada do dereito a visita baseado na igualdade formal que,  no presente caso, (...) minimizou a situación de nai e filla como vítimas de violencia de xénero, colocándoas nunha situación de vulnerabilidade". Conclúe tamén advertindo ao Estado español da súa "obriga de investigar a existencia de erros, neglixencias ou omisións por parte dos poderes públicos que poidan ter ocasionado unha situación de desprotección das vítimas".

AGAMME fará chegar sendos textos informativos ao Comité de Derechos Do Neno e da Nena e ao Comité para a Eliminación da Discriminación contra a Muller, ambos pertencentes á ONU, así como ao Comisario de Dereitos Humanos da UE co fin de facerlles coñecer a reincidencia das nosas institucións en patróns que contribúen a perpetuar as situacións de violencia exercidas contra os nenos e as nenas.

--
http://www.agamme.org/

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
2 de dezembro de 2014 12:36

________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon