sábado, decembro 20, 2014

Concentración en Solidariedade coas 23 traballadoras e traballadores do xornal comarcal 'Diario de Ferrol'



O pasado venres 19 de Decembro, pola mañá, tiña lugar na Praza do Concello de Ferrol, diante do Palacio Municipal, unha Concentración en Solidariedade coas 23 traballadoras e traballadores do xornal comarcal 'Diario de Ferrol', que neste momento están nun ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) e que na actualidade ven ameazados os seus postos de traballo. Na mobilización participaron representantes de diferentes organizacións políticas, sindicais, socias e culturais da cidade. Desde Ártabra 21 queremos amosar o noso apoio a súa xusta loita. A continuación transcríbemos o comunicado do colectivo afectado:
O cadro de persoal de Diario de Ferrol vólvese ver obrigado a saír á rúa para denunciar a situación laboral que vén sufrindo nos últimos meses. Ás débedas contraidas pola empresa, Editorial La Capital, súmase desde hai meses unha dinámica perigosa e terribelmente prexudicial para os traballadores: os continuos retrasos no cobro das nóminas.

A situación, non moi diferente á doutras empresas da comarca, é sangrante tendo en conta que a totalidade do cadro de persoal de Diario de Ferrol está afectado por un expediente de regulación temporal de emprego desde o 1 de xullo de 2013. Neste tempo, e co fin de colaborar en que a empresa saíse cara adiante nunha conxuntura complicada pero temporal, os traballadores fixemos un esforzo enorme aceptando unha redución da xornada do 30%. A empresa asegurou sempre que esta medida permitiría garantir a viabilidade do grupo mentres non se pechase unha operación financeira que estaba perto de asinarse e que, aliás, permitiría resistir cando menos dous anos sen a necesidade de tomar outras medidas drásticas. Para darlle máis credibilidade perante as entidades bancarias e o Igape, que se comprometeu a avalar o 50% da operación, pedíronnos un novo esforzo: prorrogar o ERTE un ano máis. E fixémolo, mais pouco despois esa operación que estaba case feita, nas palabras da propia empresa, evaporouse.

Os 23 traballadores que formamos o plantel de Diario de Ferrol consideramos que xa fixemos dabondo e que temos que dar a coñecer a nosa situación. Somos conscientes, pois é o noso día a día, de que moitas empresas da zona están a pasar por dificultades e os seus traballadores por un auténtico calvario. Sempre nos solidarizamos con eles. O que fai grande ás empresas é, sen dúbida, a súa forza de traballo, os seus recursos humanos. E se os seus traballadores cumpren diariamente, as empresas teñen a obriga de corresponder. Neste caso noso, non o fan.
Fotos de Secundino Garcia Casal.
________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon