xoves, febreiro 12, 2015

A Alernativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) di que para rematar co enquistamento da violencia na República Democrática do Congo as multinacionais e potencias estranxeiras deben saír do país


Para rematar co enquistamento da violencia na RDC multinacionais e potencias estranxeiras deben saír do país. | Senra sinalou que a situación de países como o Congo están provocadas fundamentalmente polo interese en espoliar os seus recursos naturais. | Demandou unha atención especial para as mulleres e as nenas residentes en países en conflito.


Durante a sesión plenaria do martes 10 de febreiro, a Alta Representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade e tamén Vicepresidenta da Comisión Europea, Federica Mogherini, interveu cunha declaración sobre os asasinatos nas recentes mobilizacións cidadás contra a reforma electoral na República Democrática do Congo (RDC).

Na súa intervención, a Alta Representante propuxo o envío dunha misión de observación a Kinshasa para informar sobre este novo repunte da situación de violencia estrutural na que está sumida a RDC, neste caso  por mor da intención do Goberno de emendar a actual Lei Electoral -reforma que implicaría retrasar as eleccións locais previstas para este ano e as presidenciais previstas para o ano 2016[1]-, proposta xa retirada debido ás protestas sociais e ao escándalo internacional que supuxeron o asasinato de máis de corenta persoas durante as mobilizacións cidadás, criminalmente reprimidas dende o Goberno congolés.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, titular tamén do Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica na Asemblea Paritaria Unión Europea-África, Caribe, Pacífico, puxo novamente enriba da mesa a necesidade de que as institucións europeas, neste caso a Comisión e o Parlamento, deixen de eludir a imprescindíbel visibilización das causas das distintas problemáticas abordadas polas institucións comunitarias, analizando o porqué do enquistamento das crises sociais e humanitarias, como acontece na RDC dende fai ducias de anos, aliás da durísima etapa como colonia belga.

Así, durante a súa intervención Lídia Senra resaltou, “unha vez máis”, que “cada conflito que analizamos ou debatemos neste Parlamento sempre está directamente ligado cos intereses das compañías transnacionais e das potencias occidentais no saqueo dos recursos destes países”.

De feito, a mesma Mogherini expresou na súa intervención que a propia UE vén sendo “un socio forte e coherente da RDC nos últimos quince anos” . Tan “coherente” que, como tamén sinalou onte Mogherini, “no 2006 a UE proporcionou a maior parte da financiación para a organización das primeiras eleccións democráticas na historia do Congo e da República Democrática do Congo”, é dicir, as mesmas eleccións nas que o actual presidente, Joseph Kabila, polo tanto o último responsábel dos máis de corenta asasinatos perpetrados en xaneiro, foi elixido. Deixando inda máis claro a inxerencia da UE na RDC, Mogherini non dubidou en amosar na súa intervención o seu “total apoio ao exército congoleño e ás tropas da ONU da MONUSCO”, despregadas no territorio dende 2010.

Abondando na responsabilidade que potencias e empresas estranxeiras teñen no caso concreto da RDC, Lídia Senra sinaloulle á Alta Representante que “non se escapa” a clara importancia estratéxica deste país africano “pola súa enorme dimensión xeográfica, por contar con grandes reservas de minerais como diamantes, ouro, coltán, cobre; reservas de petróleo, auga, terra....”. Dito potencial, como resumiu a eurodeptuada galega, converte ao Congo nun país “tremendamente rico mais tremendamente empobrecido”.

Para Senra, se realmente se queren solucionar este tipo de crises enquistadas, e que moi habitualmente atopamos nos países empobrecidos polas grandes potencias, “hai que comezar a falar seriamente de que as multinacionais e as potencias estranxeiras teñen que saír”, é dicir, “teñen que deixar que sexan os propios pobos os que decidan sobre os seus recursos e sobre a súa economía”.

Por último, Senra subliñou tamén que “nos casos de conflito, normalmente as mulleres e as nenas sempre levan a peor parte, polo que cómpre prestar unha atención especial”. Con respecto ao Congo, a situación é tan extremadamente grave que a miúdo dende os medios de comunicación faise alusión a este país africano como “a capital mundial das violacións”, e ás violacións no Congo como “a epidemia silenciosa”.

En Bruxelas, a 11 Febreiro de 2015

Pode-se acceder a intervención de Lidia Senra no debate en sesión plenaria, do 10 de Febreiro, sobre a represión gubernamental na República Democrática do Congo, no Canle de AGEe en Europa: Acceder.

Foto: Familias desprazadas preto dun centro de desprazados na cidade de Goma, na provincia de Kivu Norte (República Democrática do Congo). 27/12/2012 Unicef.

---

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu

Máis información en:
Información baseada na enviada por:
AGEe Europa
ageeneuropa@gmail.com
11 de fevereiro de 2015 18:23
___________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon