xoves, febreiro 05, 2015

"... na fronte unha estrela, no bico un cantar ...", Anova fai un chamamento a participar o domingo 8 de febreiro na manifestación nacional pola nosa lingua, convocada pola plataforma 'Queremos Galego' - Buses desde Ferrolterra - Anotarse


ANOVA APOIA A MANIFESTACIÓN DE QUEREMOS GALEGO

Unha política lingüística de respecto aparente, de non intervención no conflito lingüístico e nas súas causas, de falsa e perversa equidistancia, aquela construción ideolóxica que recibiu o nome de bilingüismo harmónico, ese foi o modelo que impuxeron os diferentes gobernos do PP de Galicia ata a chegada de Núñez Feijóo á Presidencia. De feito, favoreceuse así a imposibilidade de que a Lei de Normalización Lingüística se materializase nun Plan Integral de Normalización. Este darwinismo lingüístico, en última instancia, naturalizou o proceso de substitución lingüística, non foi capaz de detelo e revertelo. Nin sequera quixo.

En 2004, ante unha difusa necesidade de adoptar algunha medida que frease a perda na transmisión, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Un plan pouco ambicioso pero talvez imprescindible para socializar a conciencia da necesidade e establecer algunhas garantías protectoras. Eran 445 medidas tímidas, pero algún avance significarían se chegasen a ser executadas. No plano político, escenificábase un consenso práctico sobre o idioma, que simbolicamente debería ter certa importancia. Pouco despois, na etapa do goberno bipartito, a política lingüística foi ben intencionada pero insuficiente e ás veces errática. A timidez non superou as barreiras da base material, que é a que determina o conflito. Abonde con lembrar que o decreto do bipartito prevía a posibilidade dun reparto ao 50% de galego e castelán no ensino. Nunca chegou nin a suscitarse a posibilidade de plans de inmersión ou doutras medidas de probada eficacia pedagóxica.

Nese escenario, Feijoo e o Partido Popular gañan as eleccións en marzo de 2009. E arrincan cun discurso que se alicerza no obradoiro conceptual da Fundación FAES, no caldeiro do lixo ideolóxico da ultradereita española. Faino mediante o recurso aos significantes baleiros: liberdade, imposición, dereito a decidir... A perversión da linguaxe para atacar a propia lingua. O Plan Xeral de Normalización, cuxas medidas nin sequera chegaran a implementarse, quedou suprimido de facto, mesmo criminalizado. O discurso uniformizador e ultra do PP e do goberno obrigou ás múltiples sensibilidades normalizadoras a recuar e a acudir ao consenso perdido como horizonte, mesmo sabendo que aquel consenso significaba a perpetuidade dunha política de laissez faire, de deixar facer ao proceso substitutorio. O Presidente Núñez e os seus gobernos pasarán á historia como artífices dunha indisimulada involución en todos os ámbitos, tamén no dos avances legais, que era o único reduto en que as políticas oficiais ofreceran algo nos últimos trinta anos. Adóptanse por primeira vez medidas contra o proceso de normalización e contra a lingua. O Goberno de Galicia é o primeiro, e talvez único, goberno da historia da humanidade que lexisla explicitamente contra a súa lingua. É dicir, lexisla abertamente contra o seu pobo, contra as persoas usuarias desa lingua, contra as falantes. Desas primeiras medidas, salientamos apenas dúas: a eliminación da esixencia dunha proba de galego para acceder a un posto de traballo na administración e o Decreto de Plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, que reduciu a presenza do galego no ensino, eliminouno das materias científicas e enviouno ámarxinalidade. Esta radicalización uniformizadora e totalitaria da política lingüística do Partido Popular, que sempre fora ineficaz pero nunca tan extremadamente agresiva, agudiza o proceso de substitución e afonda con saña nas causas da perda de transmisión e, por tanto, de falantes. A última enquisa do IGE amosa unha perda de falantes de 13 puntos. Non deixa lugar, pois, a interpretacións optimistas.

A responsabilidade histórica destes gobernantes é inmensa. A súa acción de goberno, as súas medidas lexislativas e o seu repugnante discurso, que contou e conta co apoio de intelectuais orgánicos e de medios de produción simbólica e de comunicación, todos colaboradores necesarios, é equiparable ao peor dos delitos de traizón É un crime de lesa patria.

Mais, a pesar da gravidade da situación, non caeremos na trampa de espallar a mala nova da morte do idioma. Non é así. Nós sabemos que a lingua galega está viva, é rendible e opera con extraordinaria riqueza en todos os ámbitos en que lle é dado situarse, a pesar de todos os obstáculos. Somos moi conscientes de que o futuro nos pertence. Por unha razón sobre moitas outras: o galego é a lingua común de toda a cidadanía de Galicia, independentemente do uso activo que cadaquén faga dela. Todas e cada unha das persoas que vivimos en Galicia usuarias, activas ou pasivas, a todas nos pertence esta lingua de usos vivos en igual medida. Iso quere dicir que esta nosa construción colectiva superará a indecencia e a vileza dos personaxes que aínda ostentan o goberno desta vella nación. Non en van, as clases populares designamos, proxectamos e construímos o futuro co valor creativo da nosa lingua.

A lingua galega vive, e vivirá máis de mil primaveras. Farao conquistando os espazos que quere ocultarlle un poder ilexítimo. Farao esixindo e conquistando o dereito sen restricións a vivirmos a totalidade das nosas vidas usándoa en todas as situacións comunicativas posibles. Como calquera falante de calquera lingua do mundo. Por todas as razóns expostas, e máis, Anova fai un chamamento a todo o Pobo Galego para que apoie a manifestación do próximo 8 de febreiro en Compostela, convocada por Queremos Galego, para que participe nesta mobilización e para que, alén de resignacións catastrofistas, exprese en común o orgullo de posuír unha lingua de uso para todos os ámbitos da vida. É unha conquista material coa que Anova se compromete, inseparable do proceso de rebelión cívica e creba democrática que dea lugar a un novo espazo de socialización e convivencia.

Por iso levamos na frente unha estrela, e esa estrela é a lingua de nós.

Galiza, febreiro de 2015

#PorRosalía #PorCurros #PorNós #NaFronteUnhaEstrela #NoBicoUnCantar

http://anova.gal/


BUSES DESDE FERROLTERRA

O prazo máximo para anotarse mañá venres, 6 de febreiro,  ás 12hs.

MAIS INFO. EN:
http://www.queremosgalego.org/2015/01/27/autobuses-para-o-8-de-febreiro/

Saída perante a Casa do Concello de Narón (Pza de Galiza s/n) ás 9:45 h.

Paradas:
Ferrol – Avenida de Esteiro, diante do local comarcal da CIG, ás 10h.
Caranza, Fene e Vilar do Colo.
Prezo: Colaboración voluntaria coa plataforma Queremos Galego de 3€ por persoa.

Apuntarse en: local da CIG 981358750 / 981352676 / 663075074 (até as 12 do mediodía do venres día 6 de febreiro).

Enviado por:
Anova-IN
-anova@anova.gal-
4 de fevereiro de 2015 17:33
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon