luns, febreiro 16, 2015

Taxa non !, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
16.02.2015

Os veciños deberían saber que nos recibos que xa estaban a pagar a Emafesa figura o canon do saneamento da Xunta de Galicia, destinado a financiar os gastos de explotación, e as inversións nas infraestruturas de xestión, mantemento e depuración das augas residuais de Galicia.

Pois ben, mercede á complicidade do actual goberno municipal co xestor privado de Emafesa (Urbaser), en busca do maior negocio deste último, as costas da sufrida veciñanza ferrolá van ter que pagar dúas veces polo mesmo concepto: o canon de saneamento de Augas de Galiza e a taxa de depuración de Emafesa. Gravadas con unha nova taxa para financiar a explotación do sistema de saneamento e depuración, para maior beneficio desta empresa privada.

Isto debese a que o actual grupo de goberno ten asinado un convenio con Augas de Galicia onde se contempla unha encomenda de xestión na que o concello a través de Emafesa se fai cargo de todolos gastos de mantemento e xestión da EDAR de Cabo Prioriño. (Non debería poder ser que a veciñanza de Ferrol teñan que soportar todo o custo de xestión desta infraestrutura e a Xunta de Galicia a través do canon da auga, que xa esta a cobrar, non participe no financiamento da depuración da nosa ría).

Hai que ter en conta tamén que vinte mil das trinta e tres mil vivendas de Ferrol non están aínda conectadas á rede de saneamento e que van ter que pagar esta taxa igualmente.

O Concello ten anunciado que a veciñanza da zona rural e os que viven na bacía do rio Sardiña estarán exentos de pagar este novo recibo por non ter conexión á rede de saneamento. Entón porqué o resto da cidade que non ten nestes momentos conexión a rede, non fica tamén exento do pago do recibo?

O que amosa a xestión municipal neste asunto é a total supeditación do goberno aos intereses dunha empresa privada que obterá pingües beneficios a costa da cidadanía de Ferrol, nunha cidade "non o esquezamos" onde a taxa de paro, o empobrecemento, a emigración e a crise demográfica alcanzan cotas insostíbeis que poñen en perigo a supervivencia da propia cidade. E que agora por riba se vai ver gravada cunha taxa anual por fogar duns 70 euros de media.

Temos que ter tamén presente que o sistema de saneamento implantado é "obsoleto" e "custoso", que consiste basicamente nunha depuración intensiva e unitaria (mestura de augas residuais e pluviais), o que implica ademais unha depuración insuficiente e insustentábel, cuns moi altos consumos enerxéticos e custos de mantemento que teremos que soportar todos e todas.

Tódalas xentes, forzas políticas e sindicatos que loitan por un Ferrol mellor están xa a traballar pola necesaria remunicipalización do servizo de augas, porque só dende a xestión pública e integral do ciclo da auga poderemos garantir a necesaria transparencia e eficiencia no servizo, e evitar este tipo de abusos onde se poñen os intereses empresariais por riba dos intereses de todos e todas.

O próximo xoves día 19 de febreiro temos que berrar na praza do noso Concello ben alto e claro: Taxa non!

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
13 de fevereiro de 2015 19:43
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon