terça-feira, abril 07, 2015

Espazo Ecosocialista Galego apoia ás mareas e iniciativas municipalistas de unidade popular que se van construído de abaixo cara arriba, movementos e candidaturas coas que se poderá construír o verdadeiro instrumento galego de cambio político - Análise crítico dos procesos de unidade popular


Espazo Ecosocialista cre irreversible a política da participación cidadá e ve nas mareas o xermolo para o novo instrumento de cambio

Espazo Ecosocialista Galego ten manifestado reiteradamente o seu apoio sen ambivalencias ás iniciativas democráticas e cidadás que durante os últimos meses téñense ido vertebrando ao longo do país

Na resolución aprobada pola Conferencia Política de Espazo Ecosocialista sobre a construción de alternativas nos concellos, celebrada o 8 de novembro de 2014 afirmabamos:
Reiterar unha vez máis que para Espazo Ecosocialista estamos diante dunhas eleccións de marcado carácter político pois forman parte do episodio de cambio nos que se ten que dilucidar o resultado dun proceso constituínte aberto de facto e tamén porque os seus resultados van a ser determinantes no proceso de reconstrución que vive a esquerda democrática.

De feito son as eleccións que poden servir para pechar o marco aberto simbolicamente polo movemento 15M durante as pasadas eleccións municipais. Trátase, nese senso, dunhas eleccións nas que o importante non serán so as actas de concelleiros/as que se obteñan, senón a perspectiva de cambio que se lle dea as mesmas.

Necesitamos procesos cidadás e inclusivos, onde os partidos que decidan somerxerse no medio das augas da Marea o fagan ‘diluíndose’ e cedendo a súa soberanía as cidadás. Non se trata de se a converxencia se produce nos marcos da esquerda ou dos do nacionalismo, pois situando a proposta programática na esquerda e sendo o carácter nacional o factor político para vertebrar hexemonías, a chave neste momento esta no factor democrático. Non abonda coa mera unidade como elemento agregativo de siglas, senón que cómpre a cooperación política entre espazos culturais e cidadáns”.
Os membros de Espazo Ecosocialista, como cidadáns e sen consignas previas, comprometémonos con eses espazos democráticos municipalistas aceptando as decisións da maioría e construíndo con tres únicas liñas vermellas: un programa de cambio e de transformación real; unha metodoloxía "radical democrática", isto é, que todo se faga por primarias abertas na que todos participen e acepten os seus resultados; e que a forza resultante ten que presentarse ás eleccións como unha alternativa para o cambio, non como unha proposta política que logo se converta en chave para que goberne outro partido.

É máis, durante estes meses, Espazo Ecosocialista puxo o seu funcionamento en ‘stand by’ para non interferir nas decisións que as xentes das distintas mareas ían tomando en cada concello.

Para o Equipo Coordinador Nacional de Espazo Ecosocialista o resultado, tendo en conta as condicións previas e as dificultades que apareceron durante o proceso, é importante e ilusionante. Medio centenar de iniciativas cidadás, nas cidades e nas grandes vilas, estanse a construír desde un novo xeito de entender a política.

Somos conscientes das ‘limitacións políticas’ e das ‘miserias persoais’ que acompaña a todo proceso, máis si este pretende explorar novas vías. Lamentamos que o sectarismo e as malas practicas dos aparatos de algún partido impidan un resultado máis integrador e aperturista.

Saúdamos os niveis de confluencia acadados arredor da Marea Atlantica (A Coruña), Compostela Aberta ou Marea Pontevedra; congratulámonos dos niveis de participación cidadá acadados por Ames Novo, Lugo Novo ou Iniciativa Cidadá de Mugardos.

Pola contra as limitacións do proceso en Vigo, as divisións en Ferrol ou a saída en falso de Ourense son exemplos do que non debería volver a ocorrer. Reafirmámonos na aposta elixida e temos claros que os erros e resultados como estes descorazonadores non teñen que ver coa nova política e as súas metodoloxías senón co abuso que algúns, que nunca creron nas mesmas, fan delas.

Para Espazo Ecosocialista as primarias abertas á cidadanía non son só unha ferramenta máis da nova política, son a liña divisoria entre a esquerda corporativa a esquerda libre, son o núcleo central da nova democracia.

As primarias son ademais o conector que permitirá a esquerda construír unha hexemonía social, para posteriormente unha electoral, ao facilitar a relación respectuosa cos movementos sociais en tanto en canto sociedade autoorganizada e abrir a porta ás novas axendas fronte as axendas marcadas polo sistema (e seguidas pola esquerda corporativa).
As primarias son unha ferramenta para democratizar a política. Pero para iso necesita de aprendizaxe, de cultura cooperativa, de buscar os consensos necesarios para que elección se faga en termos de proposta política e non de competición de egos. Tamén poñendo nun plano secundarios os intereses de parte. En suma de madurez democrática.

A súa deturpación por defecto (endogamismo partidario) ou por exceso (desideoloxización programática) son problemas que obviamente necesitan ser resoltos pero non invalidan o valor das mesmas.

O proceso emprendido é irreversible e Espazo Ecosocialista comprometese a non volver a construír ferramentas de cambio, por moi unitarias que aparenten, senón se fan en base aos principios da radicalidade democrática e a participación.

Coincidimos coa declaración do Encontro de Mareas realizado en Pontevedra o pasado 15 de marzo cando din:
Somos candidaturas municipalistas, de unidade cidadá, e soberanas nas nosas decisións; pero non somos  candidaturas localistas senón que temos visión nacional.

Somos candidaturas de cambio local, pero entendemos tamén que existe un cambio global que non debemos perder de vista.

Somos candidaturas democráticas e contrarias a manter estruturas como as deputacións, pero somos conscientes da importancia que estas teñen na vida diario dos nosos concellos
.”
Estamos convencidos que soamente desde un proceso real de empoderamento cidadá e construído de abaixo cara arriba candidaturas poderase construír o verdadeiro instrumento galego de cambio político que transitoriamente AGE intentou cubrir.

Espazo apoia e participa dunha vintena de Iniciativas Municipalistas

Activistas de Espazo teñen traballado para que este proceso culminará con candidaturas de confluencia e nova política. Lamentablemente en algúns sitios onde temos presenza non puido ser e en coherencia coa nosa proposta política non participaremos en ningunha lista nin presentaremos ningunha propia.


Compostela, 4 de abril de 2015

Reunión do Equipo Coordinador Nacional de Espazo Ecosocialista

Correo-e: espazo@espazoecosocialista.org

Teléfono: 692212166

Web: http://espazoecosocialista.org

Conta no facebook nacional:
https://www.facebook.com/EspazoEcosocialistaGalego

Conta no twitter:
https://twitter.com/ESPAZO_gal

Conta no facebook Ferrolterra:
https://www.facebook.com/EspazoFerrolterra

Enviado por:
MANEL CARDOSO SANTIAGO
-manelcard@gmail.com-
7 de abril de 2015 20:46

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon