sábado, abril 25, 2015

Marea Ártabra reuniuse coa directiva da Delegación en Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia, co fin de coñecer de primeira man as impresións dos profesionais da arquitectura na cidade e intercambiar ideas e análises


Representantes de Marea Ártabra reuníronse o pasado martes coa directiva da Delegación en Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia, co fin de coñecer de primeira man as impresións dos profesionais da arquitectura na cidade. Por parte do COAG, participou o seu presidente, Ramón Montero, acompañado por José Romero, secretario. Os candidatos de Marea Ártabra Begoña Hermida, Miguel Ángel Fernández, Lupe Ces e Ismael González participaron no encontro que ofreceu una panorámica global da cidade de Ferrol, no amplo sentido do urbanismo e a habitabilidade da cidade.

Recimil unha oportunidade

O encontro comezou por un tema de fondo calado de debate social: o barrio de Recimil. Dende o COAG son partidarios de continuar co modelo de aluguer público, sempre desde a administración local, que é a máis inmediata ao cidadán. É evidente que o barrio necesita un proceso de rehabilitación, que sería desexable fose planificado por partes (bloque a bloque, por exemplo), e que non se limite a una limpeza de fachada. Dous son os aspecto básicos sobre os que pivotar este proceso: a cualificación enerxética máis alta posible, e a accesibilidade das vivendas. É evidente que este proceso de rehabilitación debe ser acompañado por una actualización de rendas, sempre considerando o seu carácter de vivenda social. Acompañando este proceso de rehabilitación, sería positivo incluír elementos que diversifiquen as tipoloxías de habitantes. Neste sentido, e dada a súa proximidade, una boa opción sería a planificación de espazos de residencia para universitarios.

A rehabilitación da Madalena

Outro punto quente que se debate na cidade e que está na axenda tanto de Marea Ártabra como do COAG e o Plan de Rehabilitación do barrio da Madalena (Documento en pdf 120 páx.). Desde o COAG non consideran esta ferramenta como un mal plan, si acaso como un pouco enfarragoso. O problema do Plan é que foi implantado en 2007, a punto de comezar a crise, que levou acompañada una baixada de axudas por parte da Xunta de Galicia. Isto é o que está a frear a rehabilitación do barrio da Madalena. Mentres outras cidades de Galicia si tiveron axudas importantes por parte da Xunta, Ferrol está a sufrir os recortes por ter chegado tarde ao proceso de transformación urbana que se viviu en Galicia.

As conexións entre barrios

Aos respecto do constrinximento dos barrios, como pode ser Caranza, encaixada sobre a avenida das Pías, faise una reflexión máis global, que nos indica que moitos dos barrios de Ferrol carecen da permeabilidade necesaria. É un punto principal de actuación para o Concello. Santa Mariña e San Xoán viven pegados, pero a súas conexións son mínimas. A este respecto, o Ministerio de Fomento ven de aprobar una actuación parcial na avenida d'As Pías, precisamente para intentar permeabilizar o espazo entre os barrios de Ultramar e Esteiro. Esta actuación é valorada moi positivamente, porque ven acompañada cunha cesión da titularidade da vía ao Concello de Ferrol. Deste modo, no futuro poderíase actuar sobre ela, sen as complicacións que carrexa ter que instar ao ministerio a efectuar as medidas oportunas.

Soterramento das liñas de alta tensión

Como demanda veciñal histórica do barrio de Santa Mariña e Caranza cabe destacar a obrigatoriedade do soterramento de liñas de alta tensión, que nunca foi satisfeito pese a ser incluso aprobado no pleno do concello en 2009. Esta demanda histórica entronca coa rehabilitación dos espazos dedicados aos mercados en Ferrol, todos nunhas condicións mellorables, pero especialmente lamentables no caso do Mercado de Caranza, que esixe unha actuación urxente de forma inmediata.

As murallas que non deixan ver o mar

Tamén foi interesante o debate sobre a muralla que rodea ao Arsenal Militar, que por unha parte está catalogada como patrimonio histórico, e por outra actúa como barreira física e psicolóxica para pechar a cidade ao mar. Nese sentido non hai que caer en ambigüidades nin en limitacións de perspectiva, xa que se analizamos todo o litoral da cidade, desde A Malata até Caranza, nestes momentos amósase inaccesíbel á cidadanía, agás Curuxeiras. Se comentou que sería interesante deixar que se puidera entrar nos espazos abertos do Arsenal e de Navantia, deixando o que son as instalacións con vixilancia para gardar a seguridade dos edificios. Ramón Montero manifestou a súa postura de non eliminar a muralla, mais si rebaixala en altura e intentar permeabilizar o espazo de Arsenal co obxectivo de que a cidadanía poida gozar dos espazos interiores accesibles. O mesmo caso para as instalacións de Navantia. Sen embargo, o espazo portuario que vai dende A Malata ao porto, ese si debe ser obxecto de recuperación para a cidadanía, posto que foi un dos argumentos para a construción do Porto Exterior.

Renovación da idea de cidade

O decrecemento demográfico da cidade é unha cuestión que preocupa moito ao colectivo de arquitectos. A análise que se fai é que basicamente a poboación que perde Ferrol móvese a Narón na busca de vivenda accesible, nova e sen trabas. Isto incide directamente na idea de que Ferrol ten un parque de vivendas antigo e sen a renovación que esixen os novos usuarios urbanos. Baixo esta premisa se lanza una cuestión nada banal: a renovación da idea de cidade. Desde a perspectiva do urbanismo é imprescindible poñerse prazos amplos e por medio da participación cidadá, promover un Plan Estratéxico (por riba do Plan Xeral de Urbanismo). Dito Plan Estratéxico, partiría dun diagnóstico da situación da cidade para planear que cidade queremos para os próximos 15-20 anos. É necesario que este proxecto se aborde desde múltiples perspectivas e non caiamos nos perigos de non dar cabida ao rural, por exemplo,  ou de promover valores alleos a Ferrol, aínda que moitas ferrolás e ferroláns non estean educados suficientemente nos valores propios da nos cidade.

Unha praza con fonte e arborado

Para rematar a reunión se abordou un tema interesante: a posibilidade de que a Praza de Armas volva a ser una praza limitada ao uso cidadán, eliminando o aparcadoiro actual e instalando arborado e fonte, como no seu día tivo, formulando incluso a posibilidade do traslado do Concello de Ferrol a outra ubicación.

Mareaartabra.gal | #MareaArtabra | @mareaartabra | info@mareaartabra.gal | Facebook

A Marea Ártabra é un proceso asambleario para acadar unha maioría social ferrolá, unha candidatura de unidade popular para as eleccións municipais.


Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

WEB: Mareaartabra.gal
TWITTER: @mareaartabra | #MareaArtabra
E-MAIL: info@mareaartabra.gal
FACEBOOK: Marea Ártabra
YOUTUBE: Marea-Ártabra

Local electoral:

Rúa Rochel, nº5 e Magdalena nº14.
Teléfono: 633 352 131

Enviado por:
Inácio Caranza
-inaciogz@gmail.com-
25 de abril de 2015 22:56
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon