xoves, abril 02, 2015

Non só Reganosa é ilegal e perigosa, senón que a ampliación da planta de gas, sería aumentar a burbulla enerxética en perxuizo da maioría da poboación - O Comité Cidadán de Emerxencia denuncia e advirte de que está en perigo a nosa seguridade e a nosa vida, mais tamén que con estas decisión políticas, continuará irremediabelmente a destrución medio ambiental da nosa Ría e o expolio das arcas públicas en beneficio duns poucos

Tags

Comunicado público do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol sobre o anuncio da ampliación de Reganosa

Ante as noticias difundidas por Reganosa e a Xunta de Galicia sobre unha posible ampliación da capacidade de almacenaxe e regasificación de Reganosa o CCE quere aclarar á cidadanía de Ferrolterra o seguinte:

A demanda de gas para a xeración eléctrica e para consumo convencional está en descenso continuado desde o ano 2008. A produción anual da planta de gas de Reganosa ven diminuíndo progresivamente desde a súa posta en funcionamento (informe de Enagas 2014). O ratio de utilización da planta de Mugardos segue diminuíndo cada ano. De feito durante o ultimo ano 2014 foi do 28.6%.

A pesares da escasa produción de Reganosa, de que a demanda de consumo de gas non se prevé que suba senón que baixe, os promotores de Reganosa pretenden duplicar a capacidade de regasificación da planta, argumentando unha necesidade ficticia de gas para xustificar un aumento da capacidade de produción. Non hai mais motivo que acadar unha maior retribución fixa, xa que o sistema gasístico do estado español, retribúe ás empresas gasísticas en función da capacidade de produción outorgada, non da produción real.

A Xunta de Galicia do PP como socia de Reganosa, avala a ampliación da planta de Reganosa que non se sustenta en dato algún, inflando a burbulla enerxética, e o chamado Déficit enerxético (avaliado actualmente en 30.000 millóns de euros): unha estafa á cidadanía que fai que paguemos a enerxía máis cara de Europa.

As empresas do sector enerxético, coa complicidade dos gobernos veñen realizando a construción de infraestruturas enerxéticas, lonxe de calquera tipo de planificación razoable, sumando unha capacidade de xeración eléctrica que duplica as necesidades do pais e deberán ser pagadas pola cidadanía. Segundo estudosos do tema, o volume de beneficio do oligopolio das 5 empresas enerxéticas nos últimos 10 anos, acada os 40.000 millóns de euros.

A planta de gas de Reganosa é unha instalación ilegal (segundo sentencia do Supremo de Maio de 2012), perigosa porque ameaza a vida de miles de persoas e innecesaria, porque nos custa perto de 60 millóns de euros/ano, de déficit contable. Dende a súa posta en funcionamento levamos pagado 500 millóns de euros: a pretendida ampliación suporía o incremento do custo para nós, cidadáns e cidadás debido a que o déficit da instalación tamén aumentaría.

A Xunta de Galicia de Feijoo, un dos artífices do desmantelamento industrial (sector naval) que conduciu a que esta sexa a comarca de máis paro de Galicia, acorda subvencionar a Reganosa. Hai que lembrar que un dos socios principais, Gas Natural-Fenosa, constrúe os gaseiros en Asia. A Xunta de Feijoo é co-responsable, xunto ao Grupo Tojeiro, da destrución ambiental da nosa Ría. Agora autoriza a ese mesmo grupo industrial a seguir envelenándoa con decenas de miles de toneladas de verteduras sen depurar (Forestal do Atlántico), e a utilizar fraudulentamente un sistema de regasificación nocivo (Reganosa) e non previsto no proxecto.

A planta de gas de Reganosa constitúe un caso flagrante de corrupción politico- financeira, unha estafa á cidadanía. A impunidade destes grupos económicos só é posible pola complicidade de institucións como a Xunta de Galicia e do goberno central. Esta instalación incumpre a normativa máis básica de seguridade industrial e medio ambiental, os problemas que formula son insubsanables, por iso o CCE esixe o desmantelamento da planta de Reganosa.

A pretendida xustificación dun novo negocio do GNL como é o bunkering a barcos que navegan cara as zonas ECA é unha manipulación clara debido ás dúbidas que os armadores están manifestando para substituír os combustibles tradicionais polo GNL, e en calquera caso si fose exitosa no futuro esta alternativa de propulsión supoñería un maior tráfico de gaseiros cargados pola ría aumentando consecuentemente os riscos para a cidadanía.

É unha irresponsabilidade que o conselleiro de industria e o presidente de Reganosa, anuncien tamén a posibilidade no futuro da navegación pola ría de Ferrol de calquera tamaño de buques gaseiros, incluíndo, supoñemos, os de tipo Q-max e Q-flex, xa que a perigosidade que agora xa supón a navegación de gaseiros cargados, calquera situación de risco en relación á marea, veríase incrementada ao navegar buques de maior tamaño. O desprezo pola vida e a seguridade da poboación da nosa ría de Ferrol é patente con estas declaracións.

Ferrol, a 1 de Abril de 2015

Foto Vista Reganosa-Forestal del Atlántico versis Ferrol

O 11 de Maio de 2012 ditou-se a Sentenza polo Tribunal Supremo, onde a planta xa foi declarada ilegal, en sentenza inapelábel. O 15 de Setembro de 2014, foi admitido a trámite, polo Tribunal Supremo, o Recurso de Casación contra a decisión da Xunta de Galicia e o Concello de Mugardos que denegan a nulidade do novo PXOM en execución da mencionada Sentencia.

Tras a Sentenza do Tribunal Supremo, que declara ilegal a localización de Reganosa, temos que esixir o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!
10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas?

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Información baseada na enviada por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
1 de abril de 2015 19:59
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon