Davide Rodríguez: "Hai que devolver ao pobo os servizos que o Capitalismo está privatizando" . | O alcalde e Manzaneda alentou a practicar a "insubmisión política" e "devolver os espazos populares á xente do común". | Deu a coñecer o éxito das veciñas/os e o Concello na loita pola remunicipalización do servizo de comedor escolar do CEIP Manzaneda.
No marco da xuntanza Reformas territoriais, austeridade e tratados de libre comercio: Que alternativas? Que alianzas?, convocada pola Rede de autoridades locais progresistas de Europa (REALPE) e o Grupo da Esquerda Unitaria Europea -Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) -no que Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) está integrada-, o alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez (Anova Irmandade Nacionalista), expuxo hoxe no Parlamento Europeo en Bruxelas unha análise en clave galega sobre o impacto a nivel municipal da aplicación das medidas de austeridade impostas pola Troika, facendo fincapé en propostas de traballo e acción cas que enfrontar o capitalismo neoliberal dende o ámbito local.
Rodríguez, que encetou a súa intervención agradecendo que as persoas participantes nesta xuntanza da rede Realpe tiveran debullado “de xeito tan humano” os problemas que se están a sufrir a nivel municipal, criticou duramente a Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local -coñecida tamén como a “Lei Montoro”-, “unha lei que se basea en recortar dereitos e privatizar servizos a favor do Capitalismo e sempre na contra das e dos habitantes", unha lexislación que foi recorrida diante do Tribunal Constitucional por aproximadamente 2.000 municipios e que mesmo foi cuestionada polo Consello de Estado ao respeito do seu encaixe constitucional.
O alcalde de Manzaneda puxo de manifesto a obviedade da estratexia de privatización que está a instaurar nestes momentos o Partido Popular no Estado español, sinalando que "no noso país, Galiza, temos un presidente que é especialista en privatizar servizos públicos, e os que non dá privatizado, destrúeos directamente", ao tempo que lembrou que a nivel estatal Mariano Rajoy, "é máis do mesmo".
O CEIP de Manzaneda como exemplo de loita
Para ilustrar as estratexias de loita contra a privatización e a prol da remunicipalización dos servizos públicos na Galiza, Davide Rodríguez deu a coñecer en Bruxelas o exemplo paradigmático do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) de Manzaneda, un centro escolar ende estudan 23 nenos e nenas, no que este ano a Consellería de Educación pretendeu suprimir o servizo de comedor "para traer un cátering dende unha cidade que está a 200km de Manzaneda", adxudicándollo ademais á empresa Serunión, nestes momentos investigada pola Fiscalía logo de ter sido denunciada tras térense detectado larvas de vermes na comida subministrada en distintos comedores escolares.
Fronte a esta situación, "dende o propio Concello, con moita presión social e moito apoio político, conseguimos remunicipalizar outra vez o servizo", relatou, "e agora as nosas nenas e nenos están comendo comida de calidade, cociñada in situ e con produtos mercados na nosa terra".
Rodríguez pechou a súa intervención arengando a "entrar nas institucións" e, unha vez dentro, "aplicar os principios políticos que aplicamos nas nosas organizacións", para deste xeito transformar a realidade institucional, "devolver ao pobo estes servizos que o Capitalismo está a privatizar", e "facer das nosas institucións unhas institucións accesíbeis, próximas, e debidamente financiadas".
"Practiquemos a insubmisión política a estas leis que nos están a impor", reivindicou o alcalde de Manzaneda, convidando aos membros de corporacións locais presentes neste encontro a establecer "bases e medidas de democratización política", así como "prácticas e espazos de decisión da xente", baixo o principio do compromiso de "devolver os espazos populares á xente do común".
Bruxelas, 23 de Abril 2015.
REFORMAS TERRITORIAIS, AUSTERIDADE E TRATADOS DE LIBRE COMERCIO: QUE ALTERNATIVAS? QUE ALIANZAS? | 23.04.2015 | Ir a Web.
VOCEIRO: Davide Rodríguez, alcalde de Manzaneda.
ENLACE Á INTERVENCIÓN:
https://www.youtube.com/watch?v=fyA7Q1euWIo&feature=youtu.be
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL).
| Tlf: 609 845 861
| lidia.senra@europarl.europa.eu
Máis información en:
| Tlf: 609 845 861
| lidia.senra@europarl.europa.eu
Máis información en:
- http://lidiasenra.com/
- http://www.europarl.europa.eu/
- https://twitter.com/LidiaSenra
- https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez
- http://www.youtube.com/channel/UCJtR1TGcqGxleFqIDmKICBQ
- http://www.guengl.eu/
AGEe Europa
ageeneuropa@gmail.com
23 de abril de 2015 17:28
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon