luns, abril 06, 2015

O mes de marzo pechouse cun novo repunte da contratación temporal en Galiza


O mes de marzo pechouse cun novo repunte da contratación temporal en Galiza. | Só o 9,2% dos novos contratos foron rexistrados baixo algunha modalidade de contratación indefinida


Os datos do paro rexistrado amosan un repunte da contratación temporal en Galiza en marzo, xa que só un 9,2% dos novos contratos foron rexistrados baixo algunha das modalidades de contratación indefinida, porcentaxe que no mes anterior chegou até o 9,6%. Un total de 252.137 persoas figuran apuntadas no SEPE como desempregadas no noso país, un 2,10% menos que en febreiro, o que equivale a 5.412 desempregados/as menos. Por primeira vez a taxa de cobertura do desemprego baixou do 50%.

Na media do Estado español o descenso no número de desempregados/as foi do 1,33%, o que equivale a 60.124 persoas paradas menos, segundo os datos de paro rexistrado que veñen de facilitar os servizos de emprego.

A redución do desemprego produciuse en todos os sectores, sendo a maior caída na construción, cun 3,74% de parados/as menos, seguido da industria, onde o desemprego descendeu un 2,78%; a continuación situouse o sector servizos, cunha caída do 1,88%. No conxunto do Estado tamén se reduciu o desemprego en todos os sectores, aínda que dun xeito máis uniforme, nunha porcentaxe que atinxiu o 1,6%.

Con respecto á contratación, os contratos rexistrados en marzo nas oficinas do SEPE foron 63.842, dos que 57.963 foron novos contratos. Estes datos amosan a elevada temporalidade no emprego, xa que tan só o 9,2% do total de contratos se rexistrou baixo algunha das modalidades de contratación indefinida vixente; no mes anterior a porcentaxe de indefinidos fora lixeiramente superior, chegando ao 9,6%.

Aínda que xa van tres anos con caídas do desemprego durante o mes de marzo, nesta ocasión a Semana Santa tivo unha incidencia notable, o que lle da un cariz distinto aos datos ao tratarse dun feito meramente conxuntural; proba disto é a elevada temporalidade da contratación que reflicten as estatísticas.

Ao mesmo tempo, o feito de que nos atopemos en época preelectoral, co conseguinte incremento da obra pública, tamén tivo incidencia nos datos e traduciuse nun descenso do desemprego no sector da construción.

Precariedade e temporalidade

Dende a CIG advirten que o problema desta situación é que factores que son meramente coxunturais poidan tapar os graves problemas de fondo que se manteñen no "mercado de traballo" en Galiza, cun elevado número de parados/as sen ningunha prestación; no mes de febreiro a taxa de cobertura do desemprego descendeu ata o 49,5%; é a primeira vez que este parámetro baixa do 50%. isto significa que máis da metade das persoas desempregadas non perciben ningún tipo de prestación; e das que a perciben, menos da metade reciben a contributiva.

En canto á afiliación á Seguridade Social, rexistrouse un medre do 0,6% con respecto ó mes anterior, o que equivale a 5.300 afiliados/as máis, porcentaxe semellante ao descenso do desemprego.

Para o secretario confederal de Emprego e Industria, Miguel Malvido, estes datos amosan ás claras a nova realidade existente no mundo do traballo no noso país, caracterizada por unha cada vez maior desigualdade e por un incremento constante das persoas en risco de exclusión social. “A precariedade e a temporalidade no mercado laboral galego oon deixa de medrar mes a mes”, afirma Malvido, quen denuncia ademais “a baixa calidade do emprego, non só nos novos contratos, senón tamén nos que xa existían”.

Fonte: Avantar | 06.04.2015

Enlace relacionado ao xornal dixital Praza Pública:
O paro segue a baixar máis do que aumenta o emprego en Galicia. | 06.04.2015 | Ir á Web.
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon