sábado, maio 23, 2015

24 de maio Día Internacional das Mulleres pola Paz - Marcha Mundial das Mulleres de Galiza


COMUNICADO DA MMM DE GALIZA NO 24 DE MAIO DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES POLA PAZ


Aínda que van xa 33 anos dende que se instaurou este día que estamos a reivindicar, seguimos vendo a faciana da violencia dos conflitos armados a diario. Neles as mulleres sufrimos unha dobre violencia, xa que ás agresións que hai implícitas nas guerras, temos que sumarlle a violencia de xénero. Somos usadas como armas de guerra: somos usadas para matar, usadas para ser violadas e así facerlle dano ao inimigo, xa que nos consideran da súa propiedade. Un caso actual desta violencia é o das nosas irmás secuestradas por Boko Haram, onde 214 das 293 mulleres que liberaron están embarazadas. Estas mulleres foron usadas como obxectos sexuais e foron vítimas de todo tipo de agresións e humillacións, mentres a ONU e a Comunidade Europea permanecen impasíbeis ante este terrorismo estando máis preocupados por que esas mulleres e criaturas non cheguen as súas costas, botando man, unha vez máis, de todo o seu potencial militar enviando fragatas para protexelas dos que, máis que coma seres humanos as tratan coma lixo; no canto de buscar solucións reais: deixar de concibir aos países en conflito coma un mercado onde saquear materias primas e colocar stocks e novos deseños da súa próspera industria armamentística que o único que provoca é avivar a lacra belicosa, deseñada e creada de xeito interesado por parte do capitalismo, patriarcal occidental.

Por estas e por máis razóns é polo que non parece que lles afecte o máis mínimo que só no 2014, Boko Haram secuestrara a 2000 nenas e mulleres.

Pero esta violencia non é a única que se xera nas guerras, hai outras moitas agresións que nos tocan maioritariamente a nós, xa que non hai que esquecer, por exemplo, que na fuxida das zonas de conflito, entre o 75% e o 90% da poboación que migra son mulleres e crianzas. Ou que a pobreza xerada por conflitos armados a sofren, na súa maioría, as mulleres.

As mulleres feministas e pacifistas mantemos firme a nosa vontade dun desarme mundial, tanto físico como psicolóxico. Si, queremos tamén a desmilitarización mental da sociedade. Basta xa dese “se queremos a paz, preparémonos para a guerra”. A única loita que aceptamos para conseguir a paz é a resistencia civil activa da poboación contra estes conflitos armados. Animamos e apoiamos que se condenen, que se visibilicen e que se denuncien todo este tipo de violencias.

Por suposto, este cambio pola paz non será posible sen unha feminización que pase por todos os ámbitos, dende o social ata o institucional. Non hai procesos políticos nin sociais de paz se non hai mulleres neles.

Nunca nos cansaremos de reivindicar a paz, de opoñernos á cultura da morte e de berrar contra toda a destrución que estes conflitos deixan tras de si. Queremos construír, queremos vivir. Queremos a paz.

Marcha Mundial das Mulleres de Galiza

"As mulleres decidimos"


Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
http://www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
https://twitter.com/MMMGaliza

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
22 de maio de 2015 17:30
__________________

Foto: Mulleres de Negro é unha Rede Internacional de mulleres feministas, pacifistas e activistas contra a violencia e a guerra. Nace en Israel co encontro de mulleres israelís e palestinas traballando conxuntamente a prol da paz e como rexeitamento ao conflito bélico que enfronta aos seus pobos. Consolídase como Rede durante a guerra dos Balcáns cando as mulleres dos distintos territorios que conformaban a ex Iugoslavia deciden reunirse proclamándose insubmisas aos seus gobernos e iniciar unha actividade solidaria internacional contra a violencia e a guerra. Na actualidade, Mulleres de Negro teñen presenza en países de: África, Europa, América do Norte, do Sur e Centro-américa, Asia e Oceanía.
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon