mércores, maio 20, 2015

Aprobada por ampla maioría no Parlamento Europeo unha resolución que insta aos Estados a desbloquear a “Directiva de Maternidade” - Lídia Senra: “O bloqueo da Directiva de Maternidade é un ataque directo á nosa soberanía como mulleres”


Lídia Senra: “O bloqueo da Directiva de Maternidade é un ataque directo á nosa soberanía como mulleres”. | Aprobada por ampla maioría no Parlamento Europeo unha resolución que insta aos Estados a desbloquear a “Directiva de Maternidade”. | O Consello Europeo mantén bloqueada esta Directiva dende o ano 2010 e a Comisión Europea anunciou a súa intención de retirala.


En outubro de 2010 o Parlamento Europeo votou a favor de ampliar o permiso por maternidade do mínimo de 14 ao mínimo de 20 semanas, con dereito a recibir o salario íntegro. É a Directiva 92/85/CEE, máis coñecida como  “Directiva de Maternidade”. 

Sen embargo, os gobernos dos Estados membros, representados no Consello EuropeoXefes/as de Estado, Presidente da Comisión Europea e Presidente do Consello Europeo-, mantéñena bloqueada inda a día de hoxe, case cinco anos despois, polo que a propia Comisión anunciou a finais do 2014  a súa intención de retirala.

Diante desta situación, dende a Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do Parlamento Europeo impulsouse unha resolución para instar aos Estados a retomar as negociacións e fixar as súas posicións, documento aprobado na mañá de hoxe polo Pleno do Parlamento Europeo con 419 votos a favor –incluído o de AGEe-, 97 en contra e 161 abstencións.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, amosouse positiva por este paso adiante cara o desbloqueo, xa que “as mulleres conseguimos facer deste obxectivo un obxectivo de todo o Parlamento”, máis quixo chamar a atención sobre o feito de que o bloqueo concreto desta Directiva “é tremendamente significativo porque danos unha proba clarísima do carácter estrutural do machismo nas sociedades actuais, incluída a europea, que tanto se gaba de ser defensora dos dereitos e liberdades”.

Para Senra, “estamos asistindo a como determinados Estados, gobernados por determinados partidos, están a negar á metade da súa poboación, que somos as mulleres, dereitos conqueridos a base de moitos anos de loita”.

Nunha situación de crise social e depauperamento dos dereitos laborais como a que estamos a padecer neste momento na UE, onde “o impacto dos recortes en materia social e laboral está afectando máis duramente ás mulleres”, para a eurodeputada galega a posición do Consello e da Comisión “deixa ben claro que non nos consideran traballadoras en igualdade de dereitos que os homes”.

A día de hoxe, proseguiu, “son milleiros as mulleres galegas que se vén obrigadas a decidir entre ser nais ou traballadoras fóra do fogar, non é isto acaso un síntoma claro do ‘fracaso’ dos nosos gobernos?”.

Nun sistema capitalista, onde a propia supervivencia das persoas está vinculada ao feito de obter unha remuneración periódica e estable, "o bloqueo de directivas como esta é un ataque directo a nosa soberanía como mulleres”, sentenciou a eurodeputada galega.

Estrasburgo, 20 Maio 2015.

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL).
|
Tlf: 609 845 861
|
lidia.senra@europarl.europa.eu



Máis información en
:
Información baseada na enviada por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
20 de maio de 2015 19:06

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon