venres, maio 01, 2015

Pese aos discursos triunfalistas do Goberno sobre a fin da crise, os traballadores/as chegamos ao 1 de Maio de 2015 sen notar absolutamente ningunha recuperación nas nosas condicións de traballo e de vida - 1º de Maio

1º DE MAIO: UNIR A CLASE OBREIRA E FORTALECER AS FILAS COMUNISTAS!

Pese aos discursos triunfalistas do Goberno sobre a fin da crise, os traballadores/as chegamos ao 1 de Maio de 2015 sen notar absolutamente ningunha recuperación nas nosas condicións de traballo e de vida. O único que repunta nalgunha medida son os beneficios dos monopolios, explícano perfectamente datos como que a clase obreira en España realizamos gratis cada semana un total de 2.967.100 horas extraordinarias segundo cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Esta cifra supón que a patronal está aforrando o pago de case 75.000 empregos a tempo completo (40 horas semanais) que cobren con estas horas a custo cero. Prepárase un novo Pacto Social, unha vez máis, que non traerá nada bo á clase obreira. Mantense en preto dos 6 millóns a cifra real de parados/as, con previsión de continuar polo menos 4 anos máis, e aumenta o emprego lixo, e as propias cifras absolutas de desemprego para a muller traballadora e a mocidade obreira.

O roubo de vivendas a familias traballadoras e o continuado ataque ao sistema público de pensións, sanidade, educación e coidados entre outros, completan un panorama sombrío para a clase obreira nos próximos anos.

TRABALLAR SEN SOLDO

Nos portais de traballos multiplícanse as ofertas de emprego sen soldo, a cambio de teito e comida, mentres a patronal e os seus medios de comunicación plantexan descaradamente abolir o salario mínimo, abaratar aínda máis o despedimento e privatizar a prestación por desemprego para converter a nosa miseria en negocio redondo para aseguradoras, ETTs e axencias privadas de colocación. A redución do prezo da forza de traballo é o pan de cada día e, así, a maioría de soldos xa non permiten chegar a fin de mes. Utilízase, especialmente, a sobreexplotación da forza de traballo migrante con esta fin.

Baixo o ditado dos monopolios e as súas unións e tratados imperialistas (UE-OTAN-EUROPOL), destrúense sectores enteiros da produción como a construción naval e a minaría do carbón, mentres o Estado e a Xustiza da patronal encarceran e perseguen a sindicalistas e folguistas por todo o Estado. Son máis de 150 anos en penas de cárcere e multas por defender os dereitos da clase obreira, por reivindicar a organización e a loita sindical clasista diante das medidas do único capitalismo posíbel. Non deixaremos sos aos centos de compañeiros e compañeiras represaliadas. É necesaria a máis ampla mobilización dende os centros de traballo, dende as nosas organizacións sindicais e dende o Partido Comunista para responder con forza que a represión NON PASARÁ!.

O imperialismo aumenta de forma constante o gasto militar e xeneraliza os seus escenarios de guerra por zonas cada vez máis amplas do planeta.

BASTA XA DE FALSAS ILUSIÓNS!

Para intentar retrasar a constitución da Fronte única da clase obreira e o pobo traballador, os monopolios lánzannos falsas alternativas con amplo apoio dos grandes grupos mediáticos, consignas e falsas esperanzas dirixidas á “xente” “indignada”, sobre as posibilidades de rexenerar e humanizar a ditadura capitalista que eles chaman “a nosa democracia”.

Os e as traballadoras non podemos confiar outra vez máis, en quen vén  salvar e refundar o capitalismo vendéndose como os portadores dun “cambio” (de fachada) e postulándose como relevo do desprestixiado e podrecido bipartidismo. Basta de falsas ilusións! Son o mesmo can con distinto colar. Non podemos confiar na “nova” socialdemocracia para que siga administrando a miseria, as mesmas políticas antiobreiras e antipopulares, traizonando as súas propias promesas fraudulentas como o fixo o goberno Syriza en Grecia, que non dubidou en sacrificar unha vez máis á clase obreira grega capitulando diante das imposicións do imperialismo europeo e dos monopolios.

O único camiño para a clase obreira é loitar como fai a clase obreira en Coca Cola, loitar como nas concas mineiras, e como outros tantos exemplos que brinda a diario a clase obreira, en definitiva loitar como loitaron en Chicago.

O único camino para a clase obreira é acumular forzas baixo bandeira propia, agruparse, UNIR AS LOITAS, organizarse e prepararse nos seus centros de traballo, nas súas Asembleas, nas súas organizacións sindicais, nos seus Comités de Unidade Obreira (CUO) para sumar forzas e superar  a división sindical que debilita e merma a capacidade de loita do Movemento obreiro. Para defender os nosos dereitos necesitamos fortalecer o noso Partido Comunista, porque a única posibilidade de recuperar os nosos dereitos é acabando coa explotación, construíndo o noso propio Poder e iso só pode facelo a clase obreira organizada, organizando consigo ao conxunto do pobo traballador empobrecido  e explotado, e baixo a dirección política do seu propio Partido de clase.

UNIR AS LOITAS PARA ALCANZAR VICTORIAS!!
NON! Á REPRESIÓN DA LOITA OBREIRA E SINDICAL
TRABALLADORA, TRABALLADOR, ÚNETE AO PARTIDO COMUNISTA
Unid@s somos fortes. Organizad@s, invencíbeis
En cada centro de traballo, en cada barrio,
Partido Comunista! Mocidade Comunista!

Enviado por:
Comunistas da Galiza P.C.P.E.
-comunistasdagaliza@gmail.com-
30 de abril de 2015 20:46
_______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon