O 8 de maio asasinaban no CHOU a Isabel Fuentes, veciña de Verín que se atopaba ingresada en Ourense dende o 3 de abril por mor dunha agresión previa atribuída nun primeiro momento a un ataque na súa vivenda e que a mantiña inconsciente. O 8 de maio o seu marido, Aniceto Rodríguez, asasinouna nun hospital público rematando co que, agora xa o sabemos, iniciara un mes antes facendo pasar por un ataque ao fogar o que fóra unha agresión machista.
Isabel Fuentes converteuse así na primeira vítima mortal do feminicidio en Galiza no 2015 e nun símbolo tráxico de todo o que funciona mal no sistema en relación á protección das mulleres que sofren violencia machista. Non se adoptaron medidas cautelares de protección polo que o seu marido puido entrar na habitación e matala. Foi asasinada pola súa parella, polo mero feito de ser muller, mais tamén como consecuencia da ineficacia duns poderes públicos que non a protexeron.
Os protocolos e mecanismos de protección das mulleres agredidas fallaron. Ante as sospeitas dos axentes policiais de que se tratase dun caso de violencia machista tendo ao marido como principal sospeitoso tal e como o trasladaron á xuíza pedindo incluso o traslado de Isabel Fuentes a dependencias médicas vixiadas con visitas restrinxidas en todo o momento a resposta da xuíza foi que non se contaba con "indicios firmes, testemuñas, antecedentes de violencia ou mala relación entre os esposos" e que se trataba de "meras conclusións fundadas en conxecturas ás que chegaron os axentes encargados da investigación pero de todo punto insuficientes".
É inexplicábel que a xustiza ignore a complexidade dos casos de violencia machista onde os "antecedentes de violencia ou mala relación entre esposos" en moitas ocasións só poden coñecerse cando a vítima se decide a denunciar a violencia que sofre, tantas veces silenciada socialmente e vivida dende unha culpabilidade que a invisibiliza. En ocasións nunca se coñece ata que a vítima é asasinada.
As explicacións públicas que coñecemos, fundadas en que a experiencia e a petición dos axentes policiais son meras "conxecturas" sitúanos a todas no campo da desprotección fronte ás agresións onde non só se cuestiona o relato das mulleres que sofren violencia senón mesmo o de aqueles que detectan e denuncian que se trata dun caso de agresión machista. A consecuencia desta desprotección no caso de Isabel Fuentes foi o seu asasinato nun espazo onde debera estar protexida polas institucións e a xustiza e onde ficou, coma xa o estaba antes no fogar, soa ante o seu agresor.
Ante esta situación dende Ourense un grupo de mulleres comprometidas na loita polo dereito das mulleres a vivirmos sen violencia decidimos dar o paso de iniciar unha campaña de denuncia ante o poder xudicial e o Estado pola desprotección sufrida por Isabel Fuentes, que é a desprotección que sufrimos todas cando somos agredidas, e que en ocasións, demasiadas, acaba coas nosas vidas.
Nós, mulleres agredidas por unha sociedade machista, reclamamos ao poder xudicial e ao Estado a responsabilidade de non ter actuado para protexer a Isabel Fuentes cando todos os indicios indicaban que estaba a sufrir violencia machista e demandamos do poder xudicial e dos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza medidas efectivas de protección das mulleres fronte ás agresións e asunción de responsabilidades por parte de quen corresponda no caso do asasinato de Isabel Fuentes.
ASINA CONTRA O FEMINICIDIO
A MMM como organización convocante e participante da campaña "POR UNHA VIDA SEN VIOLENCIA. POR ISABEL FUENTES. POR TODAS", convidámoste a asinar nesta páxina para dar o teu apoio á presentación da reclamación e denuncia ás administracións pola desprotección que sufrimos as mulleres fronte á violencia machista.
Por ela, por todas.
http://feminismo.info/feminicidio/
--
Marcha Mundial das Mulleres de Galiza
"As mulleres decidimos"
Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
http://www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
https://twitter.com/MMMGaliza
Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.
Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
14 de junho de 2015 14:25
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon