xoves, xuño 04, 2015

Entrega do Premio Semente 2015: Verdegaia concede o premio “Semente” a D. Ramón Regueiro e a súa familia - Enlaces e Vídeo


Entrega do Premio Semente 2015 (Verdegaia). |Verdegaia concede o premio “Semente” a D. Ramón Regueiro e a súa familia. |A colaboración destes veciños foi crucial para salvagardar a Fraga de Menáncaro do proxecto urbanístico que pretendía destruíla. |Demandan do novo governo local que se axilice a protección oficial desta fraga.

Co gallo do Día Mundial do Ambiente, 5 de xuño, a asociación ecoloxista Verdegaia acordou outorgar este ano o premio “Semente”, relacionado coa mellor actuación ambiental, a D. Ramón Regueiro e a súa familia, pola súa crucial contribución na defensa e conservación da Fraga de Menáncaro localizada na parroquia ferrolá de Serantes e sobre a que se pretendía construír unha urbanización de luxo que destruiría irreversibelmente esta valiosísima masa arbórea autóctona, na que se poden atopar algúns exemplares de carvallos centenarios.

De non ser pola participación activa desta familia, que mesmo chegou a interpoñer un Recurso Contencioso perante o TSXG contra a aprobación do citado proxecto urbanístico, fallando a favor destes veciños, hoxe estaríamos a lamentar a perda dunha das últimas representacións de bosque atlántico que, con grande dificultade, sobreviven no concello de Ferrol polo severo proceso de eucaliptización ao que se ven sometendo este territorio desde hai décadas.

Con este simbólico premio Verdegaia, ademais de querer darlles publicamente as grazas, tamén quere facerlles unha merecida, aínda que modesta, homenaxe a estes veciños exemplares. O día 5 convidarémolos a un xantar nun restaurante de Ferrol, no transcurso do cal lles faremos entrega dun diploma conmemorativo en agradecemento.

Agardamos que o novo governo local, unha vez constituído, tamén se comprometa a revisar o PXOM para recalificar os terreos onde se atopa a fraga de Menáncaro como Solo Rústico de Especial Protección, outorgándolle ao mesmo tempo unha figura de protección oficial de carácter local que garanta a conservación desta masa arbórea de xeito definitivo.

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
4 de junho de 2015 09:32
___________

Enlaces de interese:

http://menancaro.blogspot.com.es/

http://fragademenancaro.blogspot.com.es/

http://menancaroexpress.blogspot.com.es/


https://youtu.be/OibpGiKjtnY

______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon