venres, xuño 26, 2015

"O informe dos 5 presidentes significa afondar na consolidación da axenda neoliberal" di Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe)


"O informe dos 5 presidentes significa afondar na consolidación da axenda neoliberal" di Lidia Senra, eurodiputada de AGEe. | Os presidentes das 5 principais institucións europeas presentaron esta semana unha proposta para afondar na Unión Económica e Monetaria. | A "Autoridade Nacional da Competitividade", unha entidade neoliberal  para forzar e manter a precariedade laboral das traballadoras/es.

O pasado luns 22 de xuño os presidentes da Comisión Europea -Jean-Claude Juncker-, do Cumio do Euro  -Donald Tusk-, do Eurogrupo -Jeroen Dijsselbloem-, do Banco Central Europeo -Mario Draghi- e do Parlamento Europeo -Martin Schulz-, fixeron público o informe Realizar a Unión Económica e Monetaria europea.

Este texto, en total consonancia co neoliberal Plan Juncker - o Fondo Europeo de Inversións Estratéxicas (FEIE)-, avoga por afondar na Unión Económica e Monetaria (UEM) a partir do vindeiro 1 de xullo a través dun proceso que propoñen completar antes do 2025. A análise deste documento é tamén un dos puntos da orde do día da xuntanza do Consello Europeo que está a ter lugar no día de hoxe en Bruxelas.

Centrándonos en tres aspectos fundamentais do informe, dende Alternativa Galega de Esquerda en Europa Lídia Senra valorou como "especialmente preocupante" o feito de que o Fondo Europeo de Inversións Estratéxicas "independentemente de como o estea vendendo a Comisión Europea", o que está a procurar é fixar e asentar a polémica fórmula das dinámicas de colaboración público privadas, "que adoitan saír ao final moito máis caras para o erario público que a inversión pública directa, xa que a cidadanía vese na obriga de asegurar a ganancia  privada, é dicir, socialízanse as perdas potenciais pero privatízanse as ganancias, como acontece por exemplo co proxecto Castor no Estado español".

Ademais, cómpre lembrar que, segundo se especifica no Plan Juncker, a selección de proxectos levados adiante baixo esta fórmula, en troques de ser realizada por institucións públicas, será decidida polos denominados "expertos", "que sempre respostan aos intereses da industria privada", matizou a eurodeputada galega.

Senra criticou tamén a reiteración do mantra neoliberal da "competitividade", recollido específicamente no apartado do informe titulado "Afondar actuando", onde se plantexa "impulsar a competitividade e converxencia estrutural poñendo en marcha  políticas orzamentarias responsábeis a nivel nacional", é dicir, traducíu Senra,  "seguir con medidas de austeridade, seguir adelgazando os orzamentos públicos e, polo tanto, afondar nunha dinámica de perda de servizos públicos, destrución de postos de traballo, aumento da pobreza e da exclusión social. Iso si, nada se di de buscar solucións para resolver a débeda que nos afoga sobre todo aos pobos do Sur".

Por último, este libro de recetas neoliberais cas que cociñar as políticas económicas da zona euro cita a configuración dunha "Autoridade Nacional de Competitividade", identificando expresamente que este organismo "non debe armonizar as prácticas e as institucións encargadas de fixar os salarios nos Estados", o que, dende o punto de vista sociolaboral "significa negar a posibilidade de chegar a fixar un salario mínimo a nivel europeo e, polo tanto, a competitividade seguirase baseando na precarización e no dumping social", explicou a eurodeputada galega.

Polo tanto, este organismo afondará na actuais dinámicas de deslocalización da produción, buscando sempre as condicións salariais máis baixas e facendo entrar en competición ás traballadoras/es entre si, "dando carta de natureza ás rebaixas salariais en aras de poder competir; iso si, un tipo de competitividade que leva á destrución da economía real dos países, eliminando a pequena e mediana empresa, autónomos/as, labregas e labregos, etc".

Aliás, segundo se especifica no documento presentado a principios de semana e debatido hoxe no Consello, estas autoridades da competitividade serán unha vez máis órganos ao servizo do interese privado que escaparán do control dos Parlamentos, xa que están contemplados como "independentes dende o punto de vista operativo (...) e terán a capacidade de dar orientacións ás autoridades durante as negociacións salariais". Aliás, afondando inda máis na dinamitación das regras da negociación colectiva como a coñecemos até o momento, o informe establece tamén que os interlocutores sociais "deberán ter en conta" as orientacións destas autoridades durante as negociacións salariais.

Bruxelas, 25 Xuño 2015.
---
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL).
|
Tlf: 609 845 861
|
lidia.senra@europarl.europa.eu



Máis información en
:
Foto: The 5 presidents of the EU institutions.  [EurActiv France]

Enviado por:
Senra Rodríguez, Lidia
-lidia.senra@europarl.europa.eu-
25 de junho de 2015 18:30

________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon