martes, setembro 22, 2015

Entre o 13 ao 15 de novembro, terá lugar no Ateneo Ferrolán o Congreso "Ferrol-Galiza-Cuba, historias comúns" - Información e solicitude de participación


Congreso "Ferrol-Galiza-Cuba, historias comúns" no Ateneo Ferrolán, do 13 ao 15 de novembro de 2015"


Ao longo dos séculos XIX e XX os territorios de Ferrol, Eume e Ortegal mantiveron unha enorme relación coa illa de Cuba, lugar de destino de milleiros de homes e mulleres da nosa zona. Alí viviron experiencias como a guerra de independencia, a intervención norteamericana, as crises económicas, ditaduras e revoltas políticas, até chegar á revolución cubana no final da década de 1950. E boa parte daquela emigración, agrupada nas grandes sociedades de emigrantes como o "Centro Gallego e Hijas de Galicia" ou en pequenas sociedades artelladas arredor dos lugares de orixe, intervirán na Galiza mediante as sociedades de instrución e colaborando decisivamente na creación de institucións como a Real Academia Galega ou na elaboración de símbolos nacionais como a bandeira ou o himno galego. As remesas de cartos que enviaban foron fundamentais tamén para o desenvolvemento económico do país e para o nacemento de moitas iniciativas industriais e comerciais. Ao cabo, a nosa cultura local estivo inzada de referencias cubanas achegadas pola xente que vivía en Cuba e aquela que con mellor ou peor sorte retornou á terra.

Nunha época de cambio na illa caribeña, cando Galiza recibe emigrantes mais lamentablemente tamén a nosa xente ten aínda que emigrar, o Ateneo Ferrolán convoca un Congreso baixo o título “Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns” co obxectivo de promover investigacións sobre as relacións entre as bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba a través do fenómeno da emigración. Ao cabo, a finalidade última da xuntanza de persoas investigadoras e a difusión dos seus traballos sería a de tentar contribuír ao coñecemento dunha historia compartida aos dous lados do Atlántico e avaliar a importancia e protagonismo da emigración da nosa zona na historia de Cuba e tamén na propia historia da Galiza.

O Ateneo Ferrolán organiza os vindeiros días 13 a 15 de novembro o Congreso baixo o título "Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns".

O Congreso vai desenvolverse nos locais do Ateneo Ferrolán, e irá acompañado de diferentes actividades complementarias:
  • Unha exposición bibliográfica, hemerográfica, fotográfica e de outros obxectos sobre as relacións entre Cuba e Ferrol, Eume e Ortegal.
  • Unha exposición en paneis sobre as relación entre a emigración a Cuba e o desenvolvemento das reivindicacións da lingua e a cultura galega.
  • Unha publicación central sobre a relación entre Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba, e afondando no protagonismo de xente das nosas bisbaras na adopción dos símbolos de Galiza.
  • Outras actividades culturais e de lecer relacionadas coa emigración e as relacións entre Ferrol, Eume, Ortegal e Cuba.
Para propoñer algún traballo de investigación é preciso encher a folla inscrición que se pode baixar nesta ligazón:

http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2015/09/convite-participacion-no-congreso.html

A organización do Congreso está aberta a todas as propostas que suxiran as investigadoras e investigadores mais considera necesario sinalar como aspectos de especial interese o papel da muller na migración a Cuba, a participación da emigración na vida política e social de Cuba (en épocas como a independencia ou a revolución cubana e en áreas significativas como o sindicalismo ou o xornalismo), as transferencias culturais entre Galiza e Cuba (arredor da música, a arquitectura ou a gastronomía, por exemplo), a influencia da emigración en Cuba na formación da identidade nacional galega, a tarefa desenvolvida na Galiza polas sociedades de instrución dos emigrantes ou a repercusión económica e social dos investimentos e remesas dos emigrantes na súa terra de orixe.

Para participar no Congreso é preciso encher a xa citada folla de inscrición cos datos da persoa ou persoas que desexen presentar algún traballo de investigación ao Congreso, e un breve resumo ou explicación do contido do traballo e envialo á secretaría do Ateneo Ferrolán antes do 30 de setembro de 2015.

---

Un lugar de encontro para a cultura.
Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.
www.ateneoferrolan.org

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.:  +34 981 357 970 |
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | FERROL (A Coruña)

BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/

Tamén no Facebook: http://www.facebook.com/pages/Ateneo-Ferrolan/134569549934117

Séguenos en Twitter: @ateneoferrolan

Fai unha achega pola cultura https://achegas.ateneoferrolan.org Campaña de APOIO e DEFENSA do Ateneo. Patrimonio da cidade

http://salvemosoateneo.blogspot.com.es/p/o-ateneo.html

Faite soci@! Colabora con nos!
Para axudas e aportacións económicas:
CC en Cajamar-Cajarural Cooperativa. Titular Ateneo Ferrolán.
ES72-3058-6402-9527-2000-5350


Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
eliseo@nodo50.org
-eliseo@nodo50.org-
21 de setembro de 2015 18:08
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon