Este sábado 17 de Outubro, finalizaba a Caravana Feminista da Marcha Mundial das Mulleres, no marco da IV Acción Internacional en Europa, cun significativo e emotivo acto en Lisboa, no Día internacional contra a pobreza.
No transcurso da Caravana Feminista, por Europa, produciron-se dúas moi interesantes Declaracións Políticas do Comité Internacional da Marcha Mundial das Mulleres, reunidas na cidade Suíza de Xenebra, do 23 ao 29 de maio e outra do seu último encontro en Quebec, Canadá, do 12 ao 15 de setembro deste mesmo ano.
A Caravana Feminista, comezaba hai meses, o 8 de Marzo deste 2015, no Curdistán, onde "constataron a situación política e a estratexia do Estado Turco de desestabilizar a rexión para eliminar as alternativas ás políticas fascistas e neoliberais de Erdogán e o goberno turco", a Marcha Mundial das Mulleres "solidarízase coa loita das mulleres e do pobo kurdo pola paz e a construción dunha sociedade xusta".
No seu paso por Galiza, entre o 5 e p 11 de Outubro, pasou por Ferrol, San Sadurniño, Narón, Betanzos, Compostela, Vilar de Barrio, Allariz, Ourense, Vigo e Tomiño. Onde se realizaron grande cantidade de actos e mobilizacións onde se difundiu a mensaxe desta acción internacional.
Nas xornadas finais que tiveron lugar en Lisboa para finalizar a 4ª Acción Internacional en Europa e da Caravana Feminista que partiu do Curdistán o 8 de Marzo e ten percorrido toda a Europa, contou coa presencia de activistas da Alemaña, Albania, Argélia, Áustria, Bélxica, Bosnia, Brasil, Canada, Curdistán, Francia, Grecia, Italia, Moçambique, Polonia, Servia, Suiza, Togo, Tunisia, Turquia, Ucrania, Catalunya, Galiza, Euskal Herria, e de várias outras partes do Estado Español. Estivo tamén presente a Coordenadora internacional da Marcha Mundial das Mulheres, a mozambicana Graça Samo.
Para avanzar na construción de alternativas para a vida dos pobos e das mulleres, seguiremos Marchando até que todas sexamos libres.
As fotos foron enviadas pola delegación de EU Narón que participou na chegada da Marcha Mundial das Mulleres a Lisboa, unha delegación onde participou Belén Aneiros responsable da Area da Muller de EU Narón que amosou unha vez mais o seu apoio a Marcha Mundial das Mulleres, manifestando que "é necesario seguir denunciando a situación discriminatoria que continúan a sufrir as mulleres en todo o mundo", resaltando o caracter do movemento como "antiimperialista, anticapitalista, e antipatriarcal". Agardan "que a chegada a Lisboa sea o comezo do camiño cara un horizonte de igualdade".
A Marcha Mundial das Mulleres, na súa páxina internacional vai publicando en Inglés, francés e Español, os boletíns do transcurso da Caravana, os contactos coas diferentes loitas, reivindicacións e construcións sociais, por todos os territorios desde Kurdistán e Turquía, despois pasaron por Grecia, Rumanía, Bulgaria, Kosovo, Serbia, Bósnia-Herzegovina, Croacia, Austria, Suiza, Francia, ..., proximamente publicaran o boletín dos últimos meses e o seu feche en Lisboa, mais agora podedes acceder ao moi interesante boletín dos primeiros tres meses da Caravana Feminista: | Boletíns |.
Web Galega:
http://www.feminismo.info/
Marcha Mundial das Mullerer en Portugal:
http://marchamundialdasmulheres.blogspot.com.es/
Web internacional:
http://www.marchemondiale.org/
Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións oriéntanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan arredor da mundialización das solidariedades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecemento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.
Información baseada na enviada por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
18 de outubro de 2015 22:18
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon