mércores, outubro 21, 2015

"Os documentos secretos da sala de lectura do TTIP non mostran o que en realidade se negocia", di Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)


A eurodeputada de AGEe accedeu esta mañá á sala de lectura do TTIP no PE para revisar documentos relativos a agricultura e alimentación | Alerta da estratexia combinada de tratados de liberalización comercial en conxunción ca reactivación da Organización Mundial do Comercio | "Os documentos secretos da sala de lectura do TTIP non mostran o que en realidade se negocia" di Lidia Senra


A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, accedeu esta mañá por segunda vez [1] á sala de documentación confidencial da Asociación Transatlántica de Comercio e Inversión (ACTI), tratado de liberalización comercial máis coñecido pola súas siglas en inglés, TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership).

En consonancia ca sensación desprendida da primeira consulta, realizada o pasado mes de xuño, a selección de documentos a disposición das eurodeputadas/os  "pon de manifesto que realmente as cousas importantes non están nesta sala", valorou a eurodeputada galega. A grandes rasgos, podemos concluír que a documentación revisada hoxe "non permite saber exactamente en que punto están as negociacións e que se está a debater en materia de agricultura", constituíndo "unha mostra máis das graves eivas en materia de democracia das que adoece esta Unión Europea".

A eurodeputada galega apuntou a posibilidade de que este pronunciado escurantismo na documentación referida a agricultura se deba precisamente a que "hai moito en xogo: a alimentación, o principio de precaución, os postos de traballo directos e indirectos e, en definitiva, todo o que conleva a actividade agraria a nivel da UE e dos EEUU".

En relación ao avance das políticas de liberalización comercial e a destrución de políticas públicas en eidos como o agrícola, Lídia Senra aproveitou tamén para destacar a "fonda preocupación" en canto ao feito de que se estean a retomar as negociacións de acordos de liberalización comercial no marco da Organización Mundial do Comercio (OMC), como así confirman a propia OMC e o Parlamento Europeo.

Estas negociacións ficaron practicamente paradas no ano 2006, logo de fortísimas mobilizacións por parte dos movementos sociais, entre os que cabe salientar o movemento agrario global La Vía Campesina Internacional, que exerceu unha forte oposición á inclusión da agricultura e a alimentación na OMC.

Aliás, dita sinerxia de reactivación da Organización Mundial do Comercio, apunta Senra, podería gardar relación directa ca forte oposición que a cidadanía está a manifestar contra o TTIP, de tal xeito que se estea a pretender "retomar" a estratexia dunha organización global que pilote a liberalización comercial a escala planetaria.

Ademais, córrese o risco de que os tratados bilateriais e multilaterais asinados dende a paralización da Ronda de Doha no ano 2006 sexan insertados na OMC, conlevando a fixación das cotas de poder acadadas polas empresas transnacionais ao abeiro das políticas socioeconómicas neoliberais impulsadas na década dos 80 polo denominado Consenso de Washintgon.

Dende AGEe valoramos que "hai que poñer o foco de novo na OMC e seguir avanzando na oposición a este tipo de acordos, chámese OMC, chámese TTIP, CETA ou TISA", xa que "trátase de acordos e ferramentas capitalistas neoliberais para favorecer os intereses das grandes corporacións en detrimento da cidadanía e da sociedade en calquera parte do mundo".

Recuperamos, xa que logo, a consigna do ano 2006 "A agricultura e a alimentación fóra da OMC", e reiteramos "A agricultura  e a alimentación fóra da OMC, fóra dos tratados de liberalización comercial, e baixo o control dos pobos no marco da soberanía alimentaria".

---

Debate entre a Comisión de Agricultura do PE e o Comisario de Agricultura da CE [03/12/2014]

TEMA DA INTERVENCIÓN:

Valoración da segunda consulta de documentos confidenciais do TTIP

ENLACE Á INTERVENCIÓN:

https://www.youtube.com/watch?v=lt3J11lFRzY&feature=youtu.be
__________

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
20 de outubro de 2015 16:33

___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon