Tres anos despois de tentar cambiar a lei a través da ILP que o PP bloqueou coa súa maioría absoluta, e máis de 6 anos despois de autotutelar os nosos dereitos a diario parando desafiuzamentos, recollendo familias a través da Obra Social, arrincando dacións e alugueres sociais á banca, soportando multas, represión e unha campaña de estigmatización constante dende os poderes fácticos e políticos do Estado Español. As eleccións xerais abren a posibilidade dunha nova correlación de forzas que permita superar a complicidade da banca e as subministradoras cos gobernos do PP e o PSOE. Complicidade que ocasionou leis inxustas, estafas, desafiuzamentos e cortes de subministracións.
Dirixímonos a toda a cidadanía, para que coñeza estas demandas enmarcadas na campaña: Sen as 5 da PAH, Eu non vos voto:
1.- DACIÓN EN PAGO RETROACTIVA: Poñer fin ás débedas para sempre, a débedas ilexítimas, garantir o dereito para volver a empezar. Rescatemos a persoas, non á banca.
2.- ALUGUER ALCANZABLE: O aluguer como unha opción de vida segura, estable e a un prezo alcanzable.
3.- STOP DESAFIUZAMENTOS: Nin unha familia máis na rúa.
4.- VIVENDA SOCIAL: Poñer fin aos pisos baleiros en mans da banca creando un parque público de aluguer. Non se entende que haxa xente sen casas e casas sen xente.
5.- SUBMINISTRACIÓNS GARANTIDAS: Non máis cortes de auga, luz e gas.
Son 5 demandas de mínimos, necesarias, urxentes, destinadas a rescatar á cidadanía. Desde 2009 puxemos propostas de solución sobre a mesa a todos os partidos e todos os niveis da Administración. Demostramos que perdendo o medo podiamos vencer a Bancos, financeiras e fondos voitres. Fomos nós quen en ausencia de gobernos valentes organizámonos e combatido polos nosos dereitos.
As PAH e colectivos Stop-desafiuzamentos Galegos presentamos no Parlamento Galego o día 10 de novembro estas 5 propostas lexislativas, dentro desta campaña que deu comezo en todo o estado o día 8 de setembro.
Recentemente comezamos a recibir propostas de reunións con formacións políticas. Dende os colectivos galegos, e dado que entramos de cheo nun ciclo electoral que comeza con eleccións Estatais ao Congreso e ao Senado, rematando en primavera con unhas eleccións autonómicas queremos comunicar:
1º) As formacións políticas que se amosen sensibles coas 5 propostas da PAH, en política de vivenda, faránnolo saber por escrito antes do día 14 de decembro. Explicando no mesmo o nivel de compromiso con estas propostas.
2º) Os colectivos pah-stop galegos consideramos que as propostas lexislativas da PAH son razoables e asumibles por calquera formación política e as condicións que expoñemos tamén entran dentro da lóxica preventiva dun colectivo cidadá que non quere ser utilizado en campaña electoral para beneficio de ningunha formación política.
3º) Ante os presentes tempos electorais e partidarios, dende o colectivo das PAHs e STOP DESAFIUZAMENTOS galegas consideramos que participar nas presentes eleccións coma axente activo e sobre todo en forma de correa de transmisión publicitaria, non é o noso papel.
Recibide unha fraternal aperta.
NEN CASAS SEN XENTE, NIN XENTE SEN CASA.
30 de Novembro de 2015
PAHs/STOPs da Galiza
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon