O sector pesqueiro sinalou en Cangas as claves que AGE levará ao Parlamento galego e europeo. | Esta xornada de análise articulouse en torno a oito mesas temáticas desenvolvidas por máis de quince representantes directos do sector. | A grave situación de contaminación nas rías, a merma de postos de traballo e a desigualdade de xénero, algúns dos temas abordados.
Hoxe tivo lugar a segunda das sesións da xornada "As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro", que deron inicio onte, venres 6, no Auditorio Municipal de Cangas.
Ademais de para dar a coñecer na voz do propio sector as claves principais do marisqueo, a pesca e a acuicultura na Galiza, sinalar as principais problemáticas e debater conxuntamente na procura de solucións, esta xornada tivo o obxectivo tamén principal de funcionar como un espazo de encontro entre o sector, ca participación do deputado de AGE Juan Fajardo e a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, "co fin de artellar un grupo de traballo amplo con xente do sector para trasladar as iniciativas aos Parlamentos galego e europeo".
Na quenda de hoxe analizamos a primeira hora "O marisqueo na Galiza. Situación, retos e propostas",encetando este espazo ca mariscadora e vicepatroa da Confraría de Pontevedra, Marina Buceta, quen narrou como tradicionalmente na ría de Pontevedra "eramos case todas mulleres", mais non foi até 1999 cando comezaron a "estar aseguradas", marcando un punto e aparte o ano 2000, "no que empezamos a ter inquedanzas", xa que non contaban con elementos de xestión básicos, como as cotas ou as tallas, "vendíamos como podiamos". Foi tamén nestes inicios do século XXI cando as mariscadoras conseguiron ter unha lonxa na que poder vender, "foi un cambio radical, melloramos, logramos ter carto na man", valorou Buceta.
Sen embargo, proseguiu, "actualmente somos 400 mulleres, pero no 2000 eramos 800, moitas abandonaron". E é que o futuro, "nunca o vin tan negro". Demasiados son os ataques ao ecosistema galego e ás actividades produtivas, froito do desleixo dunha Administración política pouco concienciada co coidado da biodiversidade do noso país: "con tanta contaminación que hai na ría, alí case non hai animal que viva, os verquidos fecais son o que máis nos afecta".
Buceta explicou que hai xa 3 anos que as mariscadoras de Pontevedra non meten berberecho, "e a ameixa tamén está morrendo, vémola toda coa boca aberta". Esta situación provocou que a día de hoxe practicamente so podan traballar en Ameixal e Combarro. "Temos moitas praias afectadas e as bateas do fondo da ría tamén o están", polo que non poden vender produto fresco. "Non podemos vivir así, gañamos no verán e no Nadal e o resto son todo meses mortos, hai xente que non pode afrontar pagar o seguro", alertou.
Pola súa banda, Rafael González, mariscador a flote na ría de Ferrol, coincidiu con Buceta en que "isto cada vez vai a peor", e exemplificou a situación sinalando que na zona das Pías, malia a abarcar medio millón de metros cadrados, "de zona produtiva haberá 200.000". Mención a parte mereceu a ría de Ferrol, "afectada por unha contaminación bestial, recheos e lodos por todos lados". A isto engádese a presenza dunha fábrica de colas "que bota metais pesados á ría, plomo... E iso vai para o fondo e mata todo", reiterou. González esixiu solucións para a Ría de Ferrol, onde na actualidade marisquean unhas 500 persoas, "pero poderiamos chegar a ser 1000", se o se tomara en serio o coidado da ría. En relación ao controvertido porto exterior de Ferrol, Gonzalez foi contundente: "nin solución do paro nin nada. Os ecoloxistas avisaron do que podía pasar, e pasou. A ría está infrautilizada e golpeada por todos os lados".
Pechou esta primeira mesa adicada ao marisqueo José Luís Lorenzo, representante do colectivo da navalla de Cangas, un grupo que deu inicio no ano 1996 integrado por 25 persoas. "Daquela non tiñamos nin idea, guiábanos o grupo de Fisterra que xa funcionaba. Empezamos a cegas e por presións porque a maioría eramos ata daquela furtivos". A principal preocupación nos inicios foi manter o recurso de forma sostíbel, "había que seguir as cotas, non esquilmar todo". Polo que decidiron implicarse directamente, "vixiabamos as praias... Fixemos unhas normas con sancións para a sobrepesca, o furtivismo… custou traballo e man dura", recoñeceu. Para González, un dos principais problemas aos que se enfrentan na recollida da navalla son as biotoxinas, causantes de peches cautelares na ría "dun día para outro e sen distinción de especies", o que implica semanas sen traballar e grande frustación, xa que, realizadas as analíticas, "a navalla nunca dá (positivo por biotoxinas)". Os problemas aos que se está a enfrontar o colectivo repercuten tamén ás veces en tensións internas, fronte ao que González apelou á unidade do sector, ao tempo que salientou botar en falla "asesoramento das Administracións, que nos informen de por que fan así, non simplemente ditar normas".
A sesión de tarde desta xornada de sábado deu comezo ca mesa "A invisibilidade das mulleres no mundo da pesca. As mariscadoras a pé: un modelo de organización", integrada por cinco mulleres.
Pencha Santasmarinas Raposo, muller feminista que ten asumido distintas responsabilidades na Consellería de Pesca da Xunta de Galicia -entre elas a de Xefa do Servizo de Organización no Sector Marisqueiro-, abríu a súa intervención analizando o xeito mesmo no que adoita describirse o sector: "as mulleres no mundo da pesca eran invisibles. Cando eu cheguei á pesca, referíanse sempre aos mariscadores, cando a maioría son mulleres, mariscadoras. Nós mesmas nos invisibilizamos cando falamos de nós en masculino". Porén, o marisqueo a pé en Galiza lévano mulleres, inda que tamén elas están a ser eliminadas paulatinamente, "mariscadoras a pé había 12.000 no ano 2003, hoxe quedan 4.000 e pico; armadoras 243, redeiras 324... En total, 20.000 mulleres están relacionadas co mar en Galiza e non se fala nunca delas", sentenciou. Santasmarinas denunciou a "marxinalidade" na que se atopaban as mulleres cando ela se incorporou ao traballo na Xunta de Galicia. As mariscadoras e redeiras "son unhas namoradas desta profesión, moitas non gañaban case nada e érano porque lles gustaba, e o eran desde pequenas", daí a importancia "de loitar porque fora unha profesión", salientou, pola convocatoria de cursos específicos para mulleres, conseguir que percibiran a mesma retribución económica que os homes, e ir superando obstáculos. Nesa estratexia resultou fundamental fomentar "que se relacionaran entre elas". "Comezamos a crear agrupacións de mariscadoras para erradicar o furtivismo interno e consolidouse, o seguinte paso foi que as mariscadoras cotizaran á Seguridade Social", analizou Santasmarinas.
A primeira destas agrupación foi creada en Arcade que, como sinalou Consuelo Vidal Carvajal, ex presidenta da Agrupación de Arcade, presente tamén nesta mesa na tarde de hoxe, "foi o lugar pioneiro. Empezamos a organizarnos no 94".
Logo de tantos anos de loita e experiencia, a conclusión para Pencha Santasmarinas é clara: "Hai que procurar que as mariscadoras non dependan da Administración, porque a Administración non sempre está disposta a defendelas. Teñen que elas por si mesmas saber defenderse."
Así o subscribíu punto por punto Geli Martínez, redeira do cerco de Cangas e seguinte ponente nesta mesa. "Pasamos de ser invisibles a estar organizadas. Comprendín que tiñamos que abrirnos e decidimos entrar na Federación, saín elixida e collín o cargo de presidenta", explicou. Agora, pelexa cada día ca diversidade de problemáticas asociadas á multidisciplinar práctica profesional das redeiras. As redeiras do palangre, apuntou, que desenvolven a súa laboura maioritariamente en Burela e Malpica , "traballan a prezos moi baixos, ademais teñen un alto nivel de intrusismo, e aí non hai regras de ningún tipo. Traballan para efectos navais". O problema do intrusismo, lembrou, afecta tamén ás redeiras de artes menores, presentes en toda Galiza. As redeiras do cerco, sen embargo, non padecen o intrusismo "porque o noso traballo non se pode levar para a casa", ironizou Martínez, "tes que saber e ter unha formación para facer este traballo". Para ela, todas as redeiras deberían manexar as distintas variedades para "poder vivir de redeiras", e sinala a importancia de que esta actividade puidera contar con unha cualificación profesional. "En Cangas intentamos diversificarnos e hoxe temos tal carga de traballo que non damos feito", argumentou. O aumento desta carga produtiva levounas tamén a tomar conciencia da necesidade de prestar atención á saúde laboral desta actividade, "temos xornadas de traballo moi grandes e monótonas, e o noso traballo lévanos a ter moitos problemas de cervicais", e de seren tomadas en conta medidas retributivas que se axusten ás características desta profesión, como "solicitar un coeficiente redutor" que estableza unha idade de xubilación axeitada.
Cangas, 7 Novembro, de 2015
Máis información: Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez
Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
7 de novembro de 2015 19:46
____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon