Lídia Senra: “Co acordo da COOP21 os gobernos fracasaron, as multinacionais gañaron e o planeta perdeu”. | A eurodeputada de AGEe cualifica este acordo de “egoísta” ao situar os intereses das potencias occidentais por riba dos dereitos humanos. | O texto final adoece dun perfil fondamente “continuista” que segue a fomentar a “mercantilización do clima e da Natureza”.
Durante a realización da actual sesión plenaria do Parlamento Europeo en Estrasburgo, as conclusións do Cumio Mundial do Clima celebrado en París entre o 30 de novembro e o 11 de decembro -Coop21[1]- están a ser obxecto de valoración por parte da Eurocámara.
Para a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, o acordo acadado “segue sen dar respostas ao cambio climático”. Efectivamente, custa confiar nun compromiso de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro que non é vinculante para os Estados. “É un acordo egoísta”, abondou, xa que sitúa unha vez máis os intereses da gran industria e das potencias occidentais por riba dos dereitos das persoas e dos pobos e, en particular, dos pobos costeiros do Sur, xa que “algúns nos pequenos países do Pacífico xa están tendo que ser realoxados porque a subida das augas xa levou o seu territorio”, lembrou a eurodeputada galega en alusión ás refuxiadas/os climáticos.
O texto aprobado “segue apostando pola mercantilización do clima”, analiza Senra, xa que mantén instrumentos de capitalización de recursos naturais fondamente criticados como, por exemplo, o mercado de bonos de carbono, “que permite que quen ten diñeiro pague para seguir emitindo gases de efecto invernadoiro”.
Aliás, este acordo elude asumir a clara necesidade dunha transformación total dos modelos de consumo, desenvolvemento, industrialización da agricultura e modelo de comercio mundial que están impulsando, é dicir, un conxunto de modelos “despilfarradores de enerxía e de recursos”.
Este pacto é, polo tanto, un consenso internacional “para continuar coa especulación financieira sobre a Natureza, coa industrialización da agricultura, co acaparamento dos recursos naturais e os acordos de libre comercio”, eixos que fan circular cada día toneladas de alimentos e mercadorías, provocando que o actual sistema alimentario industrial a nivel mundial sexa o responsábel do 50% de tódalas emisións de gases de invernadoiro malia a ser un sistema “innecesario” perfectamente prescindíbel, xa que estes produtos “poden conseguirse en circuítos curtos”, reiterou a eurodeputada galega.
Polo tanto, á vista dos resultados da COOP21, “os gobernos fracasaron, as multinacionais gañaron e o planeta perdeu”, valorou Lídia Senra, “pero os pobos seguirán adiante coas súas loitas até conseguir outro desenvolvemento, baseado no consumo responsábel, nas enerxías renovábeis, na soberanía alimentaria, nos circuítos curtos de comercialización, na relocalización da produción, na mobilidade sustentábel e na desinversión en combustíbeis fósiles”.
Estrasburgo, 16 Decembro 2015.
[1] 21ª Conferencia das Partes (COP) da Convención Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático (CMNUCC) | Ir ao Doc.(5 páxinas en formato pdf).
Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
16 de dezembro de 2015 15:07
__________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon