venres, decembro 04, 2015

Desde a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) valoran positivamente os últimos acordos do Parlamento Galego en materia de atención á infancia ao tempo que sinalan eivas que aínda non foron subsanadas

Tags


ASOCIACIÓN GALEGA CONTRA O MALTRATO A MENORES (AGAMME) VALORA POSITIVAMENTE O ACORDO ADOPTADO POLO PARLAMENTO GALEGO EN MATERIA DE ATENCIÓN Á INFANCIA MALTRATADA AO TEMPO QUE SINALA RETOS PENDENTES


O pasado martes 1 de decembro  o conxunto dos grupos parlamentarios galegos adoptaron un acordo respecto das medidas que a Xunta de Galicia deberá levar a cabo para cubrir as amplas lagoas existentes a día de hoxe na atención ás vítimas menores de idade por parte da administración.

O texto, que AGAMME espera sexa o punto de partida dunha nova perspectiva por parte do goberno galego na organización dos servizos destinados a atender a nenos, nenas e adolescentes vítimas, inclúe os seguintes puntos:

Considerar dentro do actual sistema de protección á infancia a todas as vítimas menores de idade aínda que non se atopen en situación de desamparo.

Garantir que todos os nenos, nenas e adolescentes teñan a consideración de vítimas de violencia machista cando as súas nais o sexan.

Aprobar un protocolo de coordinación interinstitucional de obrigado cumprimento, en colaboración coas demais administracións, que deberá garantir o carácter científico de todas as medidas e actuacións, priorizar o interese superior da persoa menor de idade, asegurar a especialización dos e das profesionais que interveñen na atención a vítimas menores de idade, garantir a coordinación multisectorial, asegurar que os servizos de atención á infancia maltratada sexan públicos.

Impulsar a creación dunha quenda de oficio de avogacía especializada en atención ao maltrato infantil.
Promover a investigación e o debate científico nas universidades galegas en materia de maltrato infantil (etioloxía, estatística, socioloxía, criminalística, avaliación, tratamento, repercusións na saúde,…)

Demandar ao Goberno do Estado que garanta que todos os nenos, nenas e adolescentes teñan a consideración de vítimas de violencia machista cando as súas nais o sexan.

A próxima lexislatura pode ser, polo tanto, crucial para que o acordo se cumpra de maneira plena, o cal implicará esforzos orzamentarios e organizativos importantes.

Porén, e a pesar do balance positivo, quedan no tinteiro algunhas cuestións sobre as que non podemos deixar de chamar a atención.

Un dos grandes problemas que deben enfrentar os nenos, nenas e adolescentes na actualidade é a obstaculización do seu acceso á xustiza  debido a clixés que actúan de maneira pexorativa sobre a súa credibilidade. A asociación constata, tanto a través do seu traballo diario como na colaboración con outras entidades, a pervivencia de métodos non científicos na avaliación do testemuño de vítimas menores de idade e na toma de decisións polos órganos xurisdicionais. É o que se coñece como síndrome de alienación parental, “a única enfermidade mental -ironiza unha coñecida experta na materia- que se dá únicamente no ámbito xudicial e que se cura por orde dun xuíz”. Segundo os seus ideólogos, a suposta síndrome só atopa a súa cura a través da terapia da ameaza, para cuxa materialización os nenos e as nenas deberán ser sometidos a coaccións e ameazas reiteradas, moitas das cales se cumpren, a través de terapeutas, xuices e forzas da orde. O obxectivo de todo este aparato é lograr que desapareza o rexeitamento do neno, nena ou adolescente cara a persoa a quen acusa de terlle causado o maltrato. A pesares do intento dalgúns dos grupos da oposición, este punto non puido ser aprobado no pleno do Parlamento Galego.

O outro asunto crucial que o pleno tampouco chegou a consensuar é o que atinxe á necesidade de remodelar os equipos de avaliación forense e os equipos psicosociais, pois na actualidade non existen na administración galega equipos específicos de atención a nenos, nenas e adolescentes vítimas. Como ben é sabido, na xustiza a constitución da proba é un asunto fundamental. O testemuño infantil só é posible recollelo e avalialo se se posúe formación, estratexias e experiencia na materia, e así o manifesta Nacións Unidas a través da súa Observación Xeral nº 12 do Comité de Dereitos do Neno e da Nena. É polo tanto unha carencia imperdoable que está a supoñer que unha boa parte dos delitos cometidos contra menores de idade e cuxa única proba posible é o testemuño do propio neno ou nena están a quedar sen posibilidade de enxuizamento.

Por outra banda, AGAMME vén reclamando á administración que os equipos están dotados de maneira insuficiente, o cal se traduce en tempos de espera prolongados durante os cales as vítimas menores de idade adoitan permanecer sen medida de protección. Ademais, o paso do tempo dificulta ás vítimas a recuperación de detalles contextuais concretos que logo lles son exixidos para dar por bo o seu relato. É dicir, que se remata por achacar á vítima o defecto que o propio sistema fabricou.

Están en xogo dereitos fundamentais, tales como o dereito a tutela xudicial efectiva, o dereito a non recibir trato denigrante ou o dereito dos nenos, nenas e adolescentes a seren escoitadas. Polo tanto, este é só un paso. É preciso un traballo de fondo que teña como obxectivo unha xustiza cualificada neste eido e unha administración sensible cara ás necesidades das vítimas menores de idade. É o primeiro paso cara un cambio de paradigma na consideración das persoas menores de idade como suxeitos de dereitos por parte da sociedade no seu conxunto e especialmente naqueles sectores que teñen responsabilidades na toma de decisións respecto da vida dos nenos, nenas e adolescentes do noso país.

--
http://www.agamme.org/

https://www.facebook.com/Agamme.org


 

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
4 de dezembro de 2015 10:47

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon