martes, decembro 08, 2015

Diante das Eleccións Xerais do próximo 20 de decembro, Comunistas da Galiza-PCPE quere dirixirse expresamente aos que sufristes en primeira persoa as consecuencias da grave crise económica e social que está atravesando o noso país


CHAMAMENTO DIANTE DAS ELECCIÓNS XERAIS DO 20D COMUNISTAS DA GALIZA-PCPE


Aos traballadores e traballadoras, aos e ás estudantes, aos e ás pensionistas e xubilados, ao xornaleiro, ao pequeno agricultor e gandeiro, aos homes e mulleres do mar, aos e ás profesionais autónomos, ás e aos propietarios de pequenos negocios.

Diante das Eleccións Xerais do próximo 20 de decembro, Comunistas da Galiza-PCPE quere dirixirse expresamente aos que sufristes en primeira persoa as consecuencias da grave crise económica e social que está atravesando o noso país.

Os e as militantes de Comunistas da Galiza-PCPE pensamos que a nosa proposta debe ser coñecida por quen foi vítima de despedimentos, de recortes nos salarios e nas pensións, de incrementos nas horas de traballo, de retrasos na idade de xubilación, da perda da vivenda, dun encarecemento progresivo da educación ou a sanidade, dun empeoramento nos servizos públicos, dunha fiscalidade que se ceba co máis feble ou dunhas políticas agrícolas e pesqueiras destinadas a favorecer, xunto co resto de iniciativas lexislativas, fundamentalmente ás grandes empresas.

Os candidatos e candidatas de Comunistas da Galiza-PCPE sufrimos os mesmos ataques, pero tamén nos temos mobilizado contra eles, buscando organizar a defensa dos intereses das familias traballadoras. Xamais enganamos a quen falou con nós. Xamais mentimos a quen compartiu con nós un piquete ou unha asemblea. Sempre afirmamos que baixo as actuais condicións só é posíbel conter os ataques do goberno do capital, resistir fronte á voracidade das grandes empresas e ir arrincando vitorias concretas que permitan preparar a transformación radical, revolucionaria, que necesita o país.

Ningunha das demais candidaturas se dirixirá a vós coa claridade que o fai Comunistas da Galiza-PCPE. Queremos obter representación o próximo 20D? Si! Pero non a costa de xogar coas vosas ilusións e esperanzas. Non podemos prometer que, se ganamos as eleccións, todo será un camiño de rosas, pero que haxa deputados e deputadas comunistas é imprescindíbel para restar forza aos partidos que queren xestionar o que hai pero non se plantexan cambialo.

A xestión do capitalismo faise baixo a lóxica do capitalismo. Non existen fórmulas máxicas para acabar coa explotación dentro do capitalismo. Por iso non queremos xestionalo. Non pretendemos aplicar vellos remedios aos mesmos males que afectan á nosa economía, ao noso traballo e á nosa sociedade dende hai moitos anos.

Queremos defender a idea de que os que producimos toda a riqueza do país co noso traballo e esforzo debemos ser os que decidamos que se fai con esa riqueza, utilizándoa para mellorar as condicións de vida da maioría.

Non aspiramos a que as persoas traballen para malvivir, senón a que mediante o seu traballo e a súa participación, constrúan unha sociedade con dereitos inalienábeis, na que a cobertura das necesidades básicas sexa un feito e non unha ilusión. Non é tarefa doada, pero se non loitamos xa teremos perdido de antemán e seguiremos sempre a expensas do que decidan outros.

Por todo isto dirixímonos a vós aproveitando estas Eleccións Xerais. O voto a Comunistas da Galiza-PCPE é o voto útil o 20 de decembro, malia a que nos medios de comunicación non oiades mencionar ao noso partido e pareza que o máis útil é votar a algún dos partidos do capital.

Un voto útil contra os recortes e contra a perda de dereitos laborais. O voto a Comunistas da Galiza-PCPE serve para frear os recortes laborais, económicos, sociais ou democráticos. Os datos das eleccións son estudados polos capitalistas e os próximos gobernos saberán que non poderán facer o mesmo que ata agora, se enfrente teñen a unha parte cada vez maior do pobo traballador organizado e decidido a loitar polos seus dereitos, que só estarán garantidos cando sexamos os traballadores/as quen esteamos realmente no poder.

Un voto con conciencia histórica. O voto a Comunistas da Galiza-PCPE serve para afortalar a única organización que, a día de hoxe, queda no noso país conservando o fío vermello da loita e a memoria de miles de traballadores/as que, durante xeracións, foron encarcerados e sufriron a represión e incluso a morte por defender o mesmo que nós defendemos hoxendía: o poder do obreiro e non do patrón e a economía ao servizo da maioría social e non duns poucos.

Un voto para a liberación da muller traballadora. O voto a Comunistas da Galiza-PCPE serve para romper as cadeas da dobre opresión, que nos oprimen como traballadoras e como mulleres, e abrir a vía para a definitiva conquista da igualdade laboral e social a todos os niveis.

Talvez esteades pensando en votar a novas organizacións políticas que din representar ao cidadán corrente. Só vos pedimos que reflexionedes sobre o que cambiou na vosa contorna dende que eles apareceron. Nada cambiou sustancialmente. Non o vai facer, porque estes partidos seguen empeñados en resolver os problemas da maioría con vellas fórmulas pensadas para manternos sempre sometidos. A explotación laboral e os despedimentos non van acabar goberne o PP, o PSOE, PODEMOS ou Ciudadanos!

Nós non nos diriximos a vós como simples “cidadáns”, porque simples “cidadáns” son tamén os grandes empresarios que deciden miles de despedimentos. Non; nós dirixímonos a vós porque vivides do voso traballo e do voso esforzo e porque sodes vós os que xerades cada día a enorme riqueza deste país que, xestionada e planificada centralmente, bastaría para cubrir amplamente as necesidades de toda a poboación.

Votar a Comunistas da Galiza-PCPE é dicir que queremos que se produza un cambio radical na situación actual. É dicir que queremos empezar a construír unha sociedade distinta, que estará máis preto cantos máis sexamos os que apostemos por ela. Non será doado construíla, pero para poder construíla é necesario dar as costas aos que queren que sigamos por este calello sen saída que só nos conduce a máis paro, a peores condicións laborais e de vida e cara ao benestar unicamente duns poucos e non de todos e todas.

Plantexámosvos que non só apoiedes co voso voto a Comunistas da Galiza-PCPE, senón que tamén vos organicedes no Partido Comunista, o partido que unicamente defende os intereses da maioría traballadora fronte ás grandes empresas e os seus gobernos, que é conscente de que o pequeno propietario está condenado fronte ao monopolio, que quere pensións dignas para os que traballaron toda a súa vida, que quere que a mocidade de extracción obreira e popular poida ter un futuro estábel e autónomo, que quere que a riqueza que xeramos, en definitiva, se utilice para mellorar a vida de todos e de todas.

A pertenza á Unión Europea e ao euro encadéanos, alónxanos desa sociedade de persoas libres e parece imposíbel un futuro fóra deles. Pensamos que hai que romper con esas cadeas e que hai que facelo para sentar as bases que permitan poñer fin á explotación do home polo home e duns países sobre os outros.

Pedímosvos que votedes a Comunistas da Galiza-PCPE e vos organicedes no partido. Que vos sumedes ao proceso de verdadeiro cambio que necesita o noso país. Pedímosvos que deades as costas aos que queren seguir xestionando a explotación. Pedímosvos que aportedes o voso gran de area e que, cos e coas comunistas, digades un rotundo NON aos explotadores, e un rotundo SI aos explotados. Un rotundo SI ao pobo traballador no seu conxunto, aos nosos dereitos e á mellora das nosas condicións de vida, algo que é imposíbel neste capitalismo moribundo que necesita a guerra e o espolio para poder sobrevivir.

Vota Comunistas da Galiza-PCPE

Ideas programáticas de Comunistas da Galiza-PCPE para as Eleccións Xerais

20 de decembro de 2015

Comunistas da Galiza-PCPE, como Partido da clase obreira, centra a súa proposta política, e electoral, no avance da clase obreira cara á súa liberación da escravitude capitalista. Se todo o producimos todo o decidimos. Comunistas da Galiza-PCPE é a voz da clase obreira.

Comunistas da Galiza-PCPE expón catro eixos esenciais da nosa proposta política. Trátase dunhas liñas reitoras que marcan o noso traballo antes, durante e despois das eleccións.

EIXO 1.- Todo para a clase obreira

Comunistas da Galiza-PCPE, como Partido da clase obreira, centra a súa proposta política, e electoral, no avance da clase obreira cara á conquista dos seus dereitos. Se todo o producimos todo o decidimos. Así, Comunistas da Galiza-PCPE é a voz da clase obreira.

EIXO 2.- Nacionalización dos sectores estratéxicos

Os grandes monopolios controlan toda a economía española, arruínan aos pequenos e medianos produtores e establecen o seu poder ditatorial axudados polos partidos políticos burgueses e reformistas. Expropiar aos expropiadores é unha prioridade para establecer un poder democrático e a xustiza social na nosa sociedade.

EIXO 3.- Saída do euro, a UE e a OTAN

A Unión Europea é a estrutura política do imperialismo para impor a ditadura do capital hoxe. O seu brazo económico é o euro, e o seu brazo militar é a OTAN como instrumento de violencia superior. A clase obreira ha destruír estas estruturas de poder do inimigo de clase para avanzar cara á súa emancipación.

EIXO 4.- Organizar o contraataque, tomar o poder, construír o socialismo-comunismo.

É o momento histórico de dar fin ao sistema capitalista. Un sistema que está en quebra e é incapaz de dar xa nada positivo á Humanidade, aos pobos e á clase obreira. Agrupar as forzas, unir as traballadoras e aos traballadores, organizar o contraataque e liberarnos da ditadura do capital. É o momento de dar paso á nova sociedade, ao poder obreiro, ao socialismo e ao comunismo.

Estes catro eixos principais desenvólvense nunha serie de medidas máis concretas, inmediatas ou a medio prazo, que teñen como obxectivo principal aliviar a situación de emerxencia que vive a maioría social do noso país, confrontando co brutal ataque contra os dereitos laborais, sociais e democráticos que estamos a vivir, para poder desenvolver a conciencia de loita revolucionaria que permita organizar o contraataque e a toma do poder para a construción do socialismo-comunismo.

a) A loita contra a explotación laboral é un dos elementos principais da loita dos e as comunistas. Comunistas da Galiza-PCPE loita polo fin de toda explotación, pero é necesario comezar por unha serie de medidas de choque fundamentais que se conxuguen cunha protección dos dereitos democráticos máis básicos de quen loitan por eles:
  • Derrogación de todas as contrarreformas laborais dos últimos anos. Recuperación da indemnización por despedimento de 45 días en todos os casos.
  • Eliminación das fórmulas de contratación que escravizan á mocidade obreira.
  • Salario Mínimo Interprofesional fixado para a plena cobertura das necesidades das familias traballadoras.
  • Redución da xornada laboral a 35 horas sen rebaixa salarial.
  • Defensa das pensións, rebaixa da idade legal de xubilación aos 60 anos.
  • Prestación por desemprego de carácter indefinido e sen condicións.
  • Plena igualdade salarial entre homes e mulleres. Xa abonda da dobre escala salarial.
  • Derrogación inmediata da Lei Orgánica de Seguridade Cidadá (Lei Mordaza) para evitar que a defensa dos dereitos sexa criminalizada.
b) É necesario xerar postos de traballo estábeis, con salarios dignos e que permitan unha vida autónoma para os traballadores e traballadoras de todas as idades. Cada vez soportamos maiores taxas de estacionalidade, temporalidade e precariedade laboral.

Sen industria non hai futuro, sen industria estamos condenados a converternos en simples provedores de servizos para turistas. Propomos as seguintes medidas inmediatas:
  • Paralización de todo plan industrial e/ou de reconversión tendente á desaparición de sectores como a minaría, a siderurxia ou os estaleiros.
  • Incorporación dos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares aos persoais principais. Fin da subcontratación.
  • Paralización das subvencións e das exencións fiscais ao capital monopolista e nacionalización das instalacións de empresas deslocalizadas e en concurso de acredores.
  • Plan de investimentos para a modernización de instalacións, equipamentos e infraestruturas en empresas de capital público.
  • Creación dunha división tecnolóxica no Ministerio de Industria para a investigación, desenvolvemento e provisión de patentes propias, limitando ao máximo a dependencia tecnolóxica estranxeira.
  • Avanzar na diversificación industrial, sentando as bases para un pleno desenvolvemento do noso potencial económico, humano e científico.
  • Desenvolvemento máximo das normativas de seguridade laboral en todos os sectores da produción, sen excepcións. Control estrito da súa aplicación. Incremento das sancións e penas ás empresas que as incumpran.
c) Hai que defender os servizos públicos porque son da maioría social, porque atenden e benefician á maioría obreira e popular deste país. Non queremos máis recortes, senón a ampliación das prestacións en todos os ámbitos e unhas condicións laborais dignas para os e as profesionais afectados. Defendemos que os actuais servizos públicos se amplíen e se universalicen, como medida para garantir a plena igualdade de todos os traballadores e traballadoras.

SANIDADE

O sistema sanitario español está sometido ao poder das grandes empresas farmacéuticas e do sector dos seguros. Estas empresas posúen hospitais, servizos de ambulancias e ofrecen toda unha serie de servizos á conta das arcas públicas. Son auténticos parasitos que se enriquecen a costa do sufrimento da maioría obreira e popular.

Defendemos unha sanidade exclusivamente pública, tanto no financiamento como na titularidade e a xestión, universal, integral, sen copagos e que, baseada en criterios científicos e allea ao ánimo de lucro, teña como obxecto a protección, promoción e restauración da saúde individual e colectiva.

En consecuencia, opoñémonos a todo tipo de concertos sanitarios e propoñemos a súa inmediata derrogación.

Fóra as empresas que parasitan a sanidade: todas as actividades actualmente externalizadas en hospitais, centros de saúde ou calquera outro tipo de instalación sanitaria do SNS (limpeza, mantemento, cociña, lavandaría, laboratorios, ambulancias,…) serán reintegradas á xestión pública directa e as súas traballadoras/es considerados como persoal sanitario dependente do sistema público.

Rescate, sen pago de lucro cesante, e integración na rede pública do SNS daqueles centros sanitarios privatizados que sexan considerados necesarios para a atención á saúde da poboación, e rescisión dos contratos en vigor con aqueles que non resulten necesarios.

Incremento e estabilización dos persoais sanitarios e reorganización da atención, abrindo as quendas necesarias para optimizar e utilizar ao 100% as instalacións sanitarias públicas. Basta de contratación precaria e da subcontratación dos traballadores/as da saúde.

Formación médica e do resto do persoal sanitario, en todos os seus niveis, integramente en institucións docentes e sanitarias de titularidade e xestión públicas.

Incompatibilidade estrita para todo o persoal sanitario do SNS con calquera traballo ou relación mercantil coa sanidade privada.

Planificación baixo control obreiro e popular a través de Consellos de Saúde, dos recursos e funcionamento do SNS, a todos os niveis territoriais e en todos os centros sanitarios, en función exclusiva de obxectivos de saúde definidos a partir do estado de saúde da poboación.

Atención integral á muller e á súa saúde reprodutiva, incluíndo o exercicio do dereito ao aborto libre, gratuíto e en condicións sanitariamente seguras dentro do SNS. Ilegalización da mal chamada “obxección de conciencia” dos médicos.

Inclusión da saúde laboral, xunto coa xestión das incapacidades laborais e dos accidentes de traballo, no ámbito das competencias do SNS, que contará coa participación decisiva das/dos traballadoras/es.

 Industria farmacéutica de titularidade e xestión públicas para fabricar os medicamentos de maior uso así como para desenvolver novos fármacos e produtos sanitarios, tanto mediante investigación propia como en colaboración coas Universidades Públicas e Organismos Públicos de Investigación.

Financiamento completo polo sistema público de saúde para toda a poboación dos medicamentos rexistrados no SNS, e dispensación directa aos pacientes baixo control de persoal de farmacia nos centros sanitarios públicos.

Rede asistencial a persoas dependentes con medios humanos e materiais adecuados e suficientes.

Programa de combate ás drogodependencias, protección e atención dos enfermos e persecución do tráfico.

Educación en prevención sanitaria.

EDUCACIÓN

No ámbito educativo danse problemas similares aos da sanidade. Cada vez ten maior peso o sector privado/concertado, e ameázase con novas privatizacións e a entrega de máis tramos educativos a mans privadas. É necesario expor unha serie de medidas mínimas inmediatas:
  • Garantir o dereito á educación a toda a clase traballadora: gratuidade sen copagos (libros, material escolar,…) de todos os niveis educativos desde a escola infantil até a Universidade.
  • Por unha Educación Pública, de calidade, que imparta unha docencia con base científica sen ningún tipo de inxerencia relixiosa ou de andrómenas equivalentes: Fóra a relixión das escolas!
  • Eliminación da concertación, e nacionalización sen custo para o pobo de todos aqueles centros educativos concertados.
  • Nacionalización do resto de centros educativos que se consideren necesarios para que a rede pública funcione co máximo de garantías.
  • Xestión pública directa dos servizos actualmente privatizados/externalizados nos centros educativos (actividades “extraescolares”, comedor, limpeza, conserxería, mantemento,…) con subrogación das/dos traballadoras/é ao persoal do centro.
  • Establecemento de estruturas democráticas de control e decisión nos centros educativos públicos: Consellos Escolares en Colexios e Institutos con capacidades plenas de decisión, e elección do Equipo Directivo mediante votación directa de traballadoras/es, nais, pais e alumnas/os.
  • Bolsas-Salario en función da situación socio-laboral de cada estudante e familia para que o dereito ao acceso aos estudos universitarios sexa efectivo para todas/todos os fillos da clase traballadora: NON aos créditos ou bolsas-préstamo!
  • Financiamento da Universidade Pública (inicialmente con, polo menos, o 1,5% do PIB) que garanta o cumprimento das súas funcións docentes e investigadoras ao servizo da satisfacción das necesidades da inmensa maioría social e do medio ambiente.
  • Planificación e equilibrio territorial na oferta de prazas e titulacións universitarias: mapas de docencia e investigación baseados na coordinación entre as Universidades Públicas e non na competencia entre elas.
  • Por unha Universidade exclusivamente Pública: nin un só €, metro cadrado ou instalación pública para concertos ou concesións á Universidade Privada; nin unha bolsa para estudos en Universidades privadas; incompatibilidade entre o traballo en Universidade Pública e Privada tanto para profesorado como para persoal de administración e servizos; os centros públicos educativos, sanitarios ou de calquera outro sector que estean acreditados, só impartirán docencia práctica para estudantes procedentes de centros educativos de titularidade e xestión públicas.
  • Financiamento estritamente público da investigación realizada en Universidades Públicas, garantindo a transferencia exclusiva ao sector público dos resultados e coñecementos xerados.
  • Poder decisorio sobre as políticas estratéxicas e orzamentarias de cada Universidade para os órganos colexiados (Claustro Universitario, Xuntas de Facultade ou Escola,…) onde se atopen adecuadamente representados todos os colectivos que conforman a comunidade universitaria. Os órganos de goberno, tanto unipersonais como colexiados, renderán periodicamente contas da súa xestión ante os mencionados órganos de representación no ámbito das súas competencias: rexeitamento ás propostas sobre “gobernanza” e competitividade das “comisións de expertos” elixidas ad hoc.
  • Universidade libre de corpos represivos: manter a autonomía universitaria tamén impedindo a entrada de policía aos Campus.
Os servizos públicos non se limitan á sanidade e á educación. Os servizos sociais son fundamentais para atender as situacións máis graves de desatención ou falta de recursos para afrontar as necesidades básicas da poboación.
  • Rexeitamento á Lei Integral sobre Violencia de Xénero por ineficaz na súa formulación e desenvolvemento. Traballamos por unir á clase obreira contra todo tipo de violencia, xa sexa física, psicolóxica, económica ou sexual que sistematicamente se exerce contra as mulleres.
  • Protección e atención pública e gratuíta nas situacións de malos tratos ou en risco de malos tratos.
  • Socialización do traballo reprodutivo a todos os niveis, facilitando a emancipación das mulleres e o seu acceso pleno á produción.
  • Dependentes: ampla rede asistencial a persoas dependentes, con medios humanos e materiais adecuados e suficientes.
  • Persoas sen vivenda e/ou ingresos permanentes: Albergues públicos onde se ofrezan: almorzo, comida e cea os 7 días da semana.
Ancianidade
  • Pensións suficientes para unha vida digna e independente dos/as maiores sans.
  • Gratuidade ou prezos simbólicos para todo tipo de ortopedias e aparellos de axuda á autonomía e mobilidade.
  • Coidados persoais gratuítos, non violatorios da intimidade e a autonomía dos anciáns sans.
  • Centros para a convivencia de maiores con dotación plena para unha vida sa e creativa.
  • Eliminación das barreiras arquitectónicas, por contornas adaptadas as persoas anciás.
  • Programas de estudo e lecer gratuítos ou a prezos accesíbeis.
Vivenda e transporte, necesidades que deben ser garantidas en todo caso a toda a poboación:
  • Por unha política de vivenda pública planificada por e para a clase traballadora: expropiación das vivendas actualmente en mans dos bancos, froito de desafiuzamentos hipotecarios e, con estas, conformación dunha bolsa de vivendas públicas en réxime de alugueiro, con prezos populares, para mozos, estudantes, pensionistas, traballadores e traballadoras.
  • Vivenda social de alugueiro: fiscalización e tasación dos millóns de vivendas baleiras.
  • Plena restauración das zonas vellas e rehabilitación integral das casas baratas.
  • Tolerancia cero contra os desafiuzamentos, cortes de luz, auga, gas por parte de bancos e compañías monopolistas.
  • IBI gratuíto para a primeira vivenda.
  • Transporte público colectivo barato, ecolóxico, con atención especial ás conexións entre o rural, os barrios, os polígonos industriais, as zonas comerciais e os centros de estudo.
  • Reapertura das rutas pechadas e establecemento de rutas circulares que conecten as cidades cos municipios da súa contorna.
  • Gratuidade para traballadores en desemprego, xubilados, estudantes con baixos recursos e persoas con contratos precarios; redución do seu prezo a un nivel simbólico no resto dos casos.
En xeral, todos os servizos prestados polas administracións públicas deben ser garantidos e saír do ámbito da xestión privada de forma inmediata:
  • A creación inmediata dun Ente Público de Servizos que administre os servizos públicos non expresados anteriormente, garantindo o mantemento e creación de novos empregos, con condicións salariais e laborais dignas.
  • Fin da contratación precaria e da subcontratación.
  • Servizos socializados para posibilitar o descanso, a conciliación e favorecer a emancipación da muller e do home traballador respecto das tarefas do fogar.
  • ardarías públicas e gratuítas. A moi baixo prezo: Lavandarías. Planchadurías. Despachos de comida para levar. Comedores públicos.
d) Non cabe falar dun futuro para a clase obreira e os sectores populares se non existen unhas condicións xerais de vida dignas. A protección do medio ambiente das accións depredadoras e parasitarias do capital privado é unha prioridade no traballo de Comunistas da Galiza-PCPE.

Planificación da economía e a produción en función exclusiva da satisfacción das necesidades obxectivas da inmensa maioría social, combatendo o consumismo consustancial ao sistema capitalista e garantindo unha vida digna para todo o pobo traballador, en que unha ciencia e unha cultura libres das ataduras dos monopolios se orienten ao pleno desenvolvemento individual e colectivo.

Cara á soberanía enerxética, priorización dos recursos enerxéticos propios no marco dunha produción baseada na satisfacción das necesidades populares e non dos monopolios.

Defensa da continuidade da minaría do carbón, mediante a nacionalización do sector, como fonte de xeración eléctrica autóctona e con claro carácter estratéxico, substituíndo as explotacións ao descuberto por unidades produtivas de interior, mantendo o emprego, garantindo a estabilidade do sector, e asegurando a estrita aplicación de todas as medidas de control ambiental.

Control, vixilancia e verificación das emisións contaminantes das instalacións industriais, dotando do persoal técnico suficiente ás administracións públicas para a realización das inspeccións necesarias.

Paralización da construción de centrais hidroeléctricas superfluas e atentatorias contra o medio ambiente.

Non á depredadora especulación urbanística que, á vez que xera un inmenso parque de vivendas infrautilizadas, destrúe ecolóxica e paisaxisticamente tanto o litoral como os nosos bosques, e condena ao desafiuzamento por centos de miles de familias traballadoras.

Potenciación real do transporte colectivo de titularidade e xestión públicas, planificado ao servizo das/dos traballadores, priorizando as comunicacións de proximidade e a prezos baixos ou mesmo gratuíto para mozos, parados/as e pensionistas.

Socialización de todas as zonas ecolóxicas consideradas de interese. Propiedade do Estado de ríos e todo o litoral. Prohibición en todo o territorio e costas da extracción de hidrocarburos pola técnica do “fracking”.

Protección do mar e das costas contra as catástrofes petroleiras. Regulamentación do tráfico marítimo por augas xurisdiccionais reducindo o perigo de accidentes costeiros. Prohibición de aproximación para os navíos que non cumpran coas normas existentes. Profundización progresiva desta normativa.

Socialización e xestión estatal de todas as fontes de enerxía: diversificación e descentralización da produción enerxética e impulso da investigación, desenvolvemento e implantación das enerxías renovábeis.

Socialización dos recursos hídricos e xestión planificada e científica das formas e métodos de cultivo: planificación dos cultivos en función das necesidades alimentarias do pobo garantindo a soberanía alimentaria. Oposición ao Plan Hidrolóxico Nacional e aos transvasamentos tal como están expostos.

Planificación da produción atendendo á satisfacción das necesidades sociais reais, e non ás inducidas polos monopolios para o crecente incremento da súa taxa de ganancia.

Reindustrialización orientada á produción baseada nos recursos locais e, consecuentemente, priorización do consumo de produtos locais ou de proximidade.

Pesca e piscicultura sustentábeis e acordes coas necesidades populares.

Apoio á agricultura ecolóxica.

Apertura do debate sobre os transxénicos e a súa imposición polos monopolios da industria alimentaria.

Impulso orzamentario á repoboación do campo e restablecemento das actividades agropecuarias.

Promoción dun uso produtivo e sustentábel dos montes e campos, en coordinación coas Comunidades de Montes ou outras estruturas democráticas con raizame histórica, cun adecuado sistema de rendición de contas na súa xestión.

Impulso á recuperación das prácticas tradicionais de cooperación nas tarefas agrícolas.

Política inflexíbel, preventiva, ao longo de todo o ano, de limpeza, vixilancia e demais medidas de protección do monte contra o lume.

Dotacións idóneas para os parques de bombeiros. Desenvolvemento adecuado e suficiente do apoio aéreo á extinción.

Fabricación e deseño de produtos coa máxima durabilidade e funcionalidade que o desenvolvemento tecnolóxico permita en cada momento, combatendo a obsolescencia programada e reducindo ao mínimo os produtos de usar e tirar.

Redución progresiva da utilización de bolsas de plástico dun só uso até a súa prohibición definitiva.

Sistematización da recollida de residuos reparábeis ou reutilizábeis, confrontando cos monopolios das bebidas interesados na utilización de envases rexeitábeis.

Redución, recuperación e reciclaxe de residuos.

Eliminación progresiva da vertedura e incineración de residuos mediante a aplicación dos coñecementos científico-tecnolóxicos á súa reutilización e reciclado.

Saneamento integral das rías e ríos. Penalización severa contra a súa polución pola industria ou por particulares. Prevención e penalización de todo tipo de contaminacións.

Peche das centrais nucleares e inmediata aplicación de plans de emprego estábel para os persoais afectados, vinculados a plans de reactivación económica para as comarcas afectadas.

e) A preocupación pola agricultura e a gandaría e os traballadores e traballadoras destes sectores tamén están na axenda de Comunistas da Galiza-PCPE. No esencial, é fundamental a defensa do pequeno propietario fronte ao capital monopolista.

Coa saída da UE, cesarán as limitacións e cotas impostas que hoxe pesan sobre os sectores produtivos e extractivos do campo e da pesca.

Fomento das cooperativas de produtores que organicen e desenvolvan a actividade económica en todos os subsectores, réxime que, xunto a un plan sectorial de industrialización, garanta o peche dos ciclos de produción e distribución.

Creación dun grupo público lácteo e nacionalización das grandes empresas monopolistas agrogandeiras, pesqueiras, e conserveiras.

Bolsa de emprego público para a utilización de terreos desaproveitados con fins agropecuarios.

Recuperación dos caladoiros litorais.

Potenciación da acuicultura e da silvicultura desde os recursos autóctonos.

Plan xeral integral de redución do impacto ambiental da produción e o consumo.

Ampliación dos territorios protexidos e das figuras de protección. Potenciación das fontes de enerxía renovábeis na perspectiva da autosuficiencia e substitución progresiva do consumo de combustíbeis fósiles, garantindo o emprego nas comarcas afectadas.

f) O pequeno comerciante tamén é vítima da agresividade do gran capital. Comunistas da Galiza-PCPE loita pola alianza da clase obreira con quen sofre o poder dos monopolios. Por iso plantexamos unhas primeiras medidas de choque:
  • Redución das abrumadoras cargas impositivas que os afogan. Incremento das mesmas aplicado ás grandes empresas.
  • Obrigatoriedade do peche de todo o comercio en fin de semana.
  • Fin das políticas de liberalización horaria.
  • Prohibición de apertura de novas grandes superficies.
g) O ocio, a cultura, a arte e o deporte non son exclusivos para quen pode pagalos. Propoñemos unha serie de medidas para xeralizar o acceso á cultura entre as masas, buscando un esparcemento e un ocio colectivos, integradores e alonxados do consumismo e o individualismo que impoñen as empresas privadas.

Ampliar os horarios de apertura das bibliotecas públicas, incluíndo as fins de semana, coa correspondente ampliación dos cadros de persoal.

Centros de ensino, incluída a Universidad Popular Gratuíta, que empregen aos e ás paradas da docencia e den acceso aos e ás fillas de todo o pobo traballador.

Estes centros e as ensinanzas que ofrezan deben estar orientadas a cubrir as necesidades daqueles traballadores que queren compatibilizar a súa rutina laboral coa ampliación dos seus coñecementos e cultura. Con horarios compatíbeis co laboral.

Residencias de estudantes a prezos simbólicos, con prazas suficientes para atender as necesidades da mocidade de extracción obreira e popular.

Financiamento de libros e material escolar ás familias sen recursos.

Promoción da cultura, a arte e o deporte como maneiras de realización colectiva e individual do pobo traballador, contrapostos ao consumo pasivo.

Reivindicación da cultura, a arte e o deporte, como dereitos e necesidades de tod@s, e non como privilexios.

Acceso ilimitado e gratuíto a espazos e medios de creación e disfrute dos bens referidos.

Oficialización e fomento e defensa real das linguas propias, en todas as actividades públicas de cada nación ou pobo de España.

Fomento do intercambio cultural co resto de pobos do mundo.

Devolución do patrimonio histórico en mans do Ministerio de Defensa e da igrexa.

Eliminación da simboloxía fascista dos nosos pobos e cidades.

h) A mocidade de extracción obreira e popular é vítima principal da xestión capitalista. Se queremos un futuro para a mocidade, debemos comezar pola loita contra todas as medidas que utilizan aos e ás mozas como carne de canón e como escusa para rebaixar aínda máis as xa de por si malas condicións laborais da clase obreira.

Especificamente para os e os traballadores novos, expomos as seguintes medidas, que completan as anteriormente sinaladas:
  • VIVENDA PARA MOZAS: Parque de vivendas de alugueiro social para novos estudantes e traballadores. Cando o alugueiro supoña máis do 50% do salario e o soldo estea por baixo dos 1200 euros, subsidio ou pensión de axuda á vivenda.
  • EDUCACIÓN: Educación 100% gratuíta, pública, científica e de calidade a todos os niveis–Rede de escolas a distancia – Acceso ao estudo de idiomas – Educación para mozos traballadores (universidades populares, cursos nocturnos, redución xornada laboral, a distancia, excedencia para o estudo) con Universidades Populares ou Formación en Centros de Traballo – Prácticas remuneradas ao 100% en todos os casos – Prohibición do encadeamento de períodos de prácticas ou bolsas – Incorporación efectiva e real dos estudantes á xestión nos seus centros de estudo.
  • TRABALLO XUVENIL: Eliminación de todos os contratos precarios encubertos como de formación, prácticas, etc. –– Fin das ETT – Centros de estudo nos centros de traballo – Eliminación do Plan de Garantía Xuvenil – Plan de emprego de inserción xuvenil – Eliminación da dobre escala salarial.
  • LECER: Medidas para o acceso ao deporte apoiando aqueles non maioritarios - Complexos deportivos por cada barrio/distrito – Condicións vantaxosas de acceso ao cine, teatro e resto de espectáculos públicos - Gratuidade das instalacións deportivas públicas na localidade de residencia. Desconto do 50% en calquera outro municipio.
  • CULTURA: Medidas de apoio para que a mocidade obreira e popular cre a cultura – Apoio actividades artísticas amateur– Círculos de interese – Movementos masivos extraescolares – Rede de bibliotecas e centros de cultura. Desconto igual ao IVE en produtos e servizos de Lecer e Cultura: libros, música, cine, teatro, espectáculos deportivos…
  • TRANSPORTE: Transporte Universal: gratuidade do transporte público á marxe da administración da que dependa devandito transporte - Desconto no resto de transportes de 25% - Non aos seguros de vehículos máis caros para os mozos – Non aos vehículos de alugueiro máis caros para mozos.
  • MOCIDADE INMIGRANTE: Partidas orzamentarias para apoiar iniciativas que promovan a total inclusión da mocidade inmigrante – Loita contra o racismo e o fascismo en todas as súas formas – Acceso universal ao sistema de saúde e seguridade social da poboación inmigrante novo – Acceso público e gratuíto para o tratamento buco-dental a toda a infancia e a mocidade.
  • MOCIDADE EMIGRANTE: Programas de apoio ao retorno da mocidade emigrada – Programas de emprego para promocionar o retorno dos mozos emigrados – Recoñecemento no Réxime da Seguridade Social dos períodos laborais realizados noutros países.
  • SAÚDE: Forma de concienciación contra as drogas desde os barrios aos centros de estudo dende a infancia – Combate ás ‘rutas’ das drogas – Promoción de hábitos saudábeis na alimentación – Fomento do deporte - Educación sexual en canto á práctica e as orientacións sexuais – Acceso aos anticonceptivos.
  • VIAXES: Promoción para a mocidade de viaxes por toda España– Promoción de viaxes por Europa para que os mozos coñezan outros países.
  • AXUDA A FAMILIAS NOVAS OBREIRAS: Axudas familias novas ou con fillos – Casas berce – gardarías – asesoramento a familias novas.
  • MULLER NOVA: Loita contra o machismo en todas as súas formas – Concienciación da igualdade de xéneros desde a infancia – Apoio ás novas nais para que se poidan incorporar á vida social e política activa, mediante a socialización do traballo reprodutivo con gardarías, ludotecas, etc. – Equiparación do salario respecto ao traballador novo e a muller maior tendo en conta o salario medio de 1300 euros netos.
O proxecto do Comunistas da Galiza-PCPE é moi ambicioso. Sabemos que, baixo as actuais condicións, é imposíbel realizalo por completo e que os mecanismos fiscais e orzamentarios estatais están sometidos aos ditados de institucións supraestatais e da lóxica imposta polo capital privado. É posíbel romper con estes mecanismos, é necesario romper coas cadeas da UE, o FMI e o BCE, e iso debe realizarse mentres se implantan as seguintes medidas:
  • Política orzamentaria e fiscal
  • Drástico incremento do gasto social.
  • Todo o peso do fisco sobre as grandes fortunas.
  • Retirada de todas as axudas e subvencións destinadas as grandes empresas e superficies.
  • Eliminación das bonificacións no IBI ás grandes empresas e superficies. Incremento da súa carga impositiva.
  • Rebaixa do IBI a os sectores obreiros e populares.
  • Retirada do financiamento público a todas as actividades relixiosas.
  • Cobro de impostos á igrexa e as institucións sociais e culturais vinculadas a mesma.
  • Control popular real dos orzamentos.
  • Drástica baixada dos soldos dos cargos institucionais.
  • Eliminación de todas as medidas recadatorias represivas e antipopulares.
  • Elaboración e debate de orzamentos desde instancias de base.
As nosas propostas son para a ruptura, para o inicio da construcción doutra sociedade. Para iso é necesario dar uns primeiros pasos valientes e decididos para a desvinculación do Estado Español de toda estrutura imperialista e contraria aos intereses dos pobos.

Loitamos decididamente por:
  • A saída unilateral da UE e do euro, recuperando a soberanía económica con poder obreiro e popular.
  • A non aprobación do TTIP e doutros tratados similares a niveis bilaterais ou multilaterais.
  • A saída unilateral da OTAN e o peche de todas as bases militares extranxeiras.
  • A redución do gasto militar e o seu destino a partidas sociais.
  • Unha política de paz e amizade entre os pobos. Ningunha participación en operacións imperialistas. Declaración do Estado Español como país neutral.
É necesario organizar o contraataque, tomar o poder, construír o socialismo-comunismo. Para iso hai que fortalecer as ferramentas de organización obreira e popular. O Partido Comunista e as organizacións sindicais, cunha proposta nítida e capaz de artellar á clase obreira e aos sectores populares en todo o país.

Por iso defendemos a alianza social da clase obreira e os sectores populares no que denominamos a Fronte Obreira e Popular polo Socialismo, cuxas ferramentas fundamentais son os Comités para a Unidade Obreira (CUO) en cada centro de traballo, máis alá de siglas sindicais, e os Comités Populares nos barrios e pobos para, mediante a loita obreira e popular constante e crecente, cambiar a correlación de forzas e desaloxar á burguesía do poder.

O teu voto, para Comunistas da Galiza-PCPE. O teu sitio, en Comunistas da Galiza-PCPE

Para poder seguir avanzando con máis forza, pedímosche que votes a Comunistas da Galiza-PCPE pero, sobre todo, que te organices con nós, para ser máis fortes e poder tomar o noso futuro nas nosas propias mans e construír unha sociedade de persoas con dereitos e dignidade.

O TEU VOTO PARA O PODER OBREIRO

O TEU VOTO PARA O PARTIDO COMUNISTA

Conta facebook na Galiza:
https://www.facebook.com/Comunistas-Da-Galiza-Pcpe-1539392602978916/

Web estatal:
http://www.pcpe.es/

Correo-e:
comunistasdagaliza@gmail.com

Enviado por:
Comunistas da Galiza P.C.P.E.
-comunistasdagaliza@gmail.com-
6 de dezembro de 2015 15:14
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon