A Coordinadora de Ferrolterra do Foro Galego de Inmigración, como membro de STOP Deportacións, faise eco da confirmación de que o vindeiro domingo 17 de xaneiro terá lugar un voo de deportación con destino a Nixeria.
Recentemente celebramos que os concellos de Ferrol e Narón aprobaran en sesión plenaria unha moción que os declara libres de CIEs, e os compromete a non realizar identificacións nin redadas raciais. Aínda así, temos que lanzar esta alerta sabedoras de que nos próximos días se producirán redadas policiais por parte doutros corpos de seguridade, coa fin de capturar persoas desta nacionalidade, e sen que teñan cometido delito algún, que podan encher as prazas vacantes neses vergoñentos avións da compañía Air Europa. Unha compañía que cobra máis de 12 millóns de euros ó ano por este desprezable negocio. Temos que lembrar que o Protocolo para as Repatriacións dos corpos de seguridade permiten prácticas brutais, como o uso de golpes, violencia, mordazas, sedantes, etc. Osamuyi Aikpitanyi, de nacionalidade nixeriana, morreu asfixiado nun destes procedementos de deportación no ano 2007.
Esta alerta non ten por obxectivo atemorizar á poboación, senón todo o contrario: aportar información a tódolos veciños e veciñas para que podan actuar e organizarse colectivamente, por exemplo, denunciando intensamente as redadas policiais das que sexan testemuña -xa que soen producirse en espazos públicos e nos medios de transporte-, intensificando a campaña de Boicot a Air Europa, despregando redes de coidado entre veciñas e veciños, difundindo esta mensaxe nas redes sociais, e imprimindo o cartaz que incluímos neste comunicado para realizar pegatinas para colocar en estacións de tren, autobús, etc …
Animamos a toda a cidadanía a colaborar para conseguir que estas prácticas, lonxe por completo dos dereitos constitucionais e humanos, teñan cumprido fin. Para iso, convidámolos a participar no boicot ás empresas que o fan posible, evitando viaxar con Air Europa, Swift Air, Halcon Viajes, Viajes Ecuador, Latitudes, Iberrail, Touring Club e Travelplán, así como aloxarse nos Hoteis Be Live.
Un saúdo,
Susana Alaniz, Foro Galego de Inmigración – Coordinadora Ferrolterra
Email - ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com
Facebook - https://www.facebook.com/forodeinmigracionferrolterra2015/
Enviado por:
Foro Inmigracion Ferrol
-ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com-
16 de janeiro de 2016 17:53
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon