venres, xaneiro 22, 2016

O Parlamento Europeo freou un acto delegado orientado a mermar as esixencias nutritivas e de información de alimentos infantís e provintes de cerais - Lídia Senra: "Unha institución dominada polos lobbies non respecta nada; tampouco a saúde das nenas e nenos"


Lídia Senra: "Unha institución dominada polos lobbies non respecta nada; tampouco a saúde das nenas e nenos". | O PE freou hoxe un acto delegado orientado a mermar as esixencias nutritivas e de información de alimentos infantís e provintes de cerais. | Arias Cañete, defensor da proposta da CE de permitir até un 30% de azucres na comida infantil obviando que a OMS recomenda reducilo ao mínimo.


Estrasburgo, 20 Xaneiro 2016. A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, sinalou hoxe a súa satisfacción pola aprobación dunha resolución do Parlamento Europeo que se opón a un acto delegado co que a Comisión Europea (CE) pretendía mermar os requisitos específicos de composición e información dos alimentos elaborados a base de cereais e os alimentos infantís.

É sabido que o lobby da agroindustria é un dos máis poderosos do mundo [1], sendo a Comisión Europea unha das institucións máis marcadas pola súa influencia [2]. Por iso mesmo, sinala a eurodeputada de AGEe, "non pode deixar de indignarnos situacións como a que vimos esta mañá, con un Comisario Europeo defendendo que a alimentación infantil poda conter residuos de pesticidas ou que un 30% da enerxía que aporten sexa proporcionada por azucres, cando a OMS sinala que non se debe engadir azucre nin sal aos complementos alimenticios infantís e, en todo caso, os azucres 'libres' deben ser inferiores ao 5%".

Iso si, a elección do Comisario Miguel Arias Cañete para adoptar esta posición é bastante coherente se temos en conta que é o político europeo que máis se reúne con lobbies [3], e que até a organización Observatorio Europeo das Corporacións lle adicou un informe resaltando os seus intereses na industria agrogandeira e enerxética.

Esta modificación lexislativa tentouse realizar ademais a través dun acto delegado, procedemento que permite que a Comisión Europea poda adoptar actos non lexislativos de alcance xeral por si mesma. "O feito de que esta modificación se pretendera introducir a través dun acto delegado, evitando así o debate no Parlamento, resulta intolerábel", condenou Senra. "Se temos claro que ca comida non se xoga, ca alimentación das nenas e nenos inda menos".

Permisividade cos niveis de azucre, ca presenza do glifosato (polémico pesticida canceríxeno que conta cunha especial simpatía por parte da CE), a non publicación das actas de xuntanzas mantidas con empresas e ONG's, contradición das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) en canto á promoción de lactancia materna e presenza de sales e azucres na comida infantil, ocultación de datos das xuntanzas bilaterais mantidas pola Comisión Europea... Foron algunhas das críticas realizadas hoxe polo Parlamento Europeo a través da resolución presentada.

"A estratexia que pretendeu realizar hoxe a Comisión Europea para aprobar esta modificación da calidade da alimentación das crianzas demostra que unha institución dominada polos lobbies, polos intereses das grandes empresas, non respecta nada; nin tan sequera a saúde das nenas e nenos", criticou a eurodeputada galega. "É importante que o Parlamento teña parado esta tentativa hoxe. Temos que loitar con contundencia contra a grave situación de que as malas prácticas das industrias teñan como coartada a propia legalidade, tal e como se pretendeu hoxe e como, desgraciadamente, acontece demasiado a miúdo". [4]

Notas.-
[1] DUCH e FERNÁNDEZ, La Agroindustria bajo sospecha, Barcelona (2010).
[2] Guía de lobbies de Bruselas, Lobbies corporativos en la Unión Europea; Las relaciones entre la industria de los transgénicos y la comisión europea; "Los negocios de Bruselas"; "Los lobbys de Bruselas , el control de la UE".
[3] Datos sobre Miguel Arias Cañete, Observatorio de lobistas de Transparencia Internacional: http://www.integritywatch.eu/ec.html.
[4] Caso Hero Baby, "Lo vendemos porque es legal": http://www.dimequecomes.com/2015/02/hero-baby-lo-vendemos-porque-es-legal.html

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.



Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
20 de janeiro de 2016 18:03

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon