sábado, xaneiro 16, 2016

Os retos do nacionalismo en 2016, ... Por Xavier Vence Deza


Polo seu interese político, transcribimos o Discurso de Xavier Vence Deza, porta-voz nacional do BNG na Homenaxe a Castelao do pasado 9 de Xaneiro de 2016, en Rianxo. Pois o BNG é unha peza clave na esquerda política e social da Galiza. Nas pasadas eleccións do 20 de Decembro do 2015, sufriu unha derrota electoral de moi importantes consecuencias, ao perder a súa representación nas Cortes Xerais do polo de agora Reino de España. Representación que viña sustentado desde había 20 anos. Desta vez o BNG apostou por unha candidatura de unidade a través de Nós Candidatura Galega que obtivo só 70.464 votos un 4,32% dos votos validos emitidos na Galiza e cero deputad@s. Cando en 2011 o Bloque Nacionalista Galego obtivera 184.037 votos o 11,18% dos votos válidos, cun resultado de 2 deputadas. Mentres En Marea que mesmo competía co BNG, arrebatando-lle máis de 100.000 votos, mais que ía máis aló dentro do "Espazo Podemos" (Como así o define Xosé Manuel Beiras), tivo 408.370 votos e o 25,04% dos votos validos emitidos a nivel galego, cun resultado de 6 deputa@s (Fonte). Mas que pola matemática parlamentaria e a composición da Mesa do Parlamento, sumado á fórmula de non renunciar ás siglas que elixiron as cúpulas de Anova, EU, Podemos e o Encontro Cidadá por unha Marea Galega para presentar-se, parece ser que se van a quedar sen poder constituír grupo parlamentario propio. Co que isto significa de pancada política e anímica para as centos de miles de persoas que votaron a "candidatura do cambio e a confluencia", para ter un grupo parlamentario galego que representara a Galiza no Parlamento español.

Por Xavier Vence [*]
16.01.2016


Coma cada ano vimos aquí a Rianxo para render homenaxe a memoria do noso rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, grande patriota morto no exilio de Bos Aires e enterrado no cemiterio da Chacarita tal dia coma hoxe fai agora 66 anos.

Castelao deixounos unha inmensa obra literaria, artística e política, pero sobre todo deixounos o exemplo dunha vida de compromiso. Hai 100 anos aquel Castelao aínda novo, con 29 anos, deu un paso cara a un compromiso inquebrantábel con Galiza e o seu pobo, que foi agrandando día a día, até o seu último alento, sobrepoñéndose ás máis duras probas da represión, persecución, fracasos, desilusións, traizóns e exilio.

Do seu traballo iniciado hai cen anos con Risco e Losada Diéguez e cos Irmáns Vilar Ponte, Lugrís, Porteiro e tantos outros sairía adiante en 1916 a fundación das Irmandades da Fala, que afirman as nosas aspiracións nacionais e dan os primeiros pasos cara a creación do nacionalismo político organizado, coa Asemblea Nacionalista de Lugo en 1918 e, co nacemento Partido Galeguista en 1931, a caída da ditadura de Primo de Rivera.

Este ano será, pois, un bo ano para recordar e revivir Castelao, celebramos o Centenario das Irmandades da Fala, celebraremos o Ano Castelao coa programación especial que o noso compañeiro Leal pilota desde a Deputación de Pontevedra.

Para redondear a homenaxe ás persoas comprometidas no ronsel de Castelao temos un ano das Letras adicado ao noso poeta primordial, Manuel María, o que nos deixou milleiros de páxinas de palabras fermosas convertidas en consignas para o eterno combate:
o idioma é a vida
o coitelo da dor
o murmurio do vento
a palabra de amor
falando de Castelao, quedo con aquela súa “Invocación a Castelao” no libriño “Cantos rodados ...” publicado en 1976:
Home cabal/conciencia comunal/
forte penedo/contra a noite e o medo/...
Fe poderosa/que estea á patria nosa/...
Facho puro/alumando o escuro/
Castelao/Pai e irmao/
Verba de luz inxel:/Daniel!
Castelao, Bóveda, Manuel María exemplifican un século de loita, un século de sementeira e de organización, cos consabidos hiatos das dúas ditaduras, para darlle a este pobo autoestima e recoñecemento e, sobre todo, vontade de futuro. Futuro digno para as súas xentes, traballo na terra, democracia e plena capacidade para cultivar sen ataduras todas as dimensións da nosa cultura.

Construír unha nación con pleno recoñecemento institucional non é tarefa fácil nin apta para mentes cativas e tampouco para mentes ansiosas.

Son moitos os que queren que o nacionalismo desapareza, uns esmagándoo e outros por dilución. Persisten, pero tan persistente como o seu empecinamento é a nosa teimosa vontade de afirmación. Non nos dobregarán os que veñen de fronte, con todas as armas do poder, da represión, da potente maquinaria mediática, pero tampouco nos van despistar os cantos de serea da dilución. O nacionalismo é unha das realizacións máis importantes dos últimos 100 anos. É unha das fortalezas que ten este país. E seguirao sendo!!

Som@s os herdeir@s de Castelao e continuadores desta longa xeira secular que arela a construción dunha nación no mundo.

Desde Madrid non o entenden. Non o entenden nin os de sempre nin tampouco os “novísimos” que creen que iso do nacionalismo son cousas de sentimentos arcaicos, identitarios, ideoloxismos ou gañas de amolar, que no mellor dos casos non quedará máis remedio que aturar e como concesión condescendente “haberá que escoitar”.

Non entenden que o nacionalismo é algo máis  esencial: é a vontade de loitar polo futuro da xente dentro do noso país, polos intereses materiais da maioría, para compartir unha calidade de vida digna.

Unha nación que non sucumba á exclusión masiva da xente nova, que saia do pozo dese precariado que queren converter en miserento horizonte estrutural para a maioría.

Nós queremos una nación onde a xente nova teña un horizonte laboral digno no agro, no mar, nas fábricas, no comercio, nos servizos ou na investigación.

Unha nación con servizos públicos, educación e sanidade públicas, gratuítas e de calidade.

Non queremos ver como a emigración do noso aforro, da nosa electricidade, das sedes das nosas empresas, dos nosos impostos, etc levan detrás a emigración da nosa xente moza e de todo o seu talento.

Para darlle a volta a todo isto Galiza precisa que o nacionalismo avance na sociedade e avance electoralmente. Por todo iso temos que chegar ao corazón da xente, temos que “petar na ialma do pobo”, como nos propuña Castelao.

Este ano pasado tivemos eleccións municipais e as Xerais e este o ano teremos as galegas e, ao mellor, as xerais de novo.

Nas municipais demostramos que alí onde goberna o nacionalismo conseguimos referendar o respaldo da xente, como aquí en Rianxo. Parabéns a Adolfo e a todas e todos os que tedes a alta encomenda de facer país desde os concellos!

Pero, desde logo, nas Xerais saímos moi mal. A aposta por una candidatura nacional galega de unidade non frutificou coa ambición buscada, porque non podiamos aceptar subordinacións a forzas estatais, que outros aceptaron e preferiron antes que a nosa compañía. E con Nós-Candidatura Galega non conseguimos o respaldo necesario. É una experiencia e un resultado que nos obriga a repensar moitas cousas, repensar o que vén acontecendo na última década tanto no país coma no nacionalismo.

Temos que adoptar medidas audaces e valentes porque non podemos renunciar a ter unha presenza importante nas institucións nas que se decide o futuro do noso país e da nosa maioría social.

Acreditamos firmemente no proxecto nacionalista que representa o BNG, é necesario para o futuro deste país e temos que darlle a forma concreta, poñelo ao dia e a ton co que nos pide a sociedade, a nosa base social, para sermos vistos como a ferramenta útil pola maioría social da nosa nación.

Certo que tampouco lles saíu redonda a xogada aos poderes económicos do estado que tramaron a “operación 2+2” e investiron millóns de euros e miles de horas de platós en prime time para garantir, co auxilio de Ciudadanos, a continuidade dun goberno do PP queimado e corrupto, para completar o seu eufemístico Plan de Reformas, que xa sabemos que é realmente un plan para recortar, privatizar, precarizar e recentralizar todo.

Non lles saíu ben e van ter que reintentalo. Nós imos estar aí para impedilo e teremos que ver a mellor forma de facelo. Porque, ademais, Galiza ten que estar aí para defender os seus intereses nacionais, tamén en Madrid.

Pero hai que ser claros, amigos e amigas, o futuro do noso proxecto xógase aquí, nas galegas de 2016 e temos que conseguir a complicidade de boa parte da sociedade galega.

As galegas de 2016 teñen que marcar un punto de inflexión. Este país ten a obriga de derrotar o PP e nós, o BNG, imos estar aí.

Cómpre traballar con intelixencia, ilusión e xenerosidade para derrotar ao PP e poñer couto aos anos máis lesivos para a maioría social galega e para o autogoberno. É unha prioridade inverter o proceso de centralización en marcha e sentar as bases para unha mudanza cualitativa. Non vai ser fácil pero non é imposíbel. Derrotar o PP ten que ser a prioridade absoluta na conxuntura na que estamos, porque o precisa o país e porque o propio proxecto nacionalista xógase moito nesa cita.

O nacionalismo ten moitos flancos abertos. Movémonos nun escenario moi convulso social e politicamente. A sociedade móvese entre a frustración e a indignación. Hai un inxente esforzo das elites e das súas potentes máquinas de adoutrinamento para amainar esa indignación e “orientala” do xeito menos perigoso para os seus intereses estratéxicos. Nese contexto, a aínda recente fragmentación do nacionalismo e a da esquerda española crean un panorama tremendamente entrambilicado e cambiante. Hai contextos onde a criatividade nas alianzas e a unidade de acción son a mellor garantía para avanzar.
 
Nesta realidade fuxidía e complexa hai que tomar decisións valentes na Asemblea Nacional para reforzar o proxecto que representa o BNG e convén recordar as palabras de Alexandre Bóveda, o estratega con Castelao da unidade e organización do nacionalismo na República e do pacto do 36:
No camiño que nos trazamos, hai moitas dificultades que vencer; hai moitos rodeos que dar; haberá que bolinear moitas vegadas. Mais que ninguén perda a súa fé, que ninguén abandone a esperanza de chegar a termo. As voltas do camiño poden semellar retrocesos, mais son pasos adiante que ninguén terá forza dabondo para nos obrigar a desandar” (A.B.)

O BNG ten que dar pasos neste ano para reforzarse como ferramenta útil que é da nosa nación. Imos xogar con serenidade pero con ambición para sermos motores dun cambio en profundidade, ben amarrado aos intereses do noso país e das nosas xentes. Conseguilo esixe un esforzo redobrado para crear complicidades e flexibilidade por parte de todos para sumar. É o tempo da política, poñendo o país por diante, abeirando ensimesmamentos e rutinas paralizantes. Toca navegar de bolina. Traballaremos con paciencia pero sen desmaio con ese norte, “petando na ialma do pobo”, como nos pedía Castelao, desde todos os recunchos da sociedade, desde os concellos, gañándonos a confianza e o apoio da xente; co traballo na rúa e nos parlamentos; coas alianzas que sexan precisas para avanzar, bolineando, pero avanzando.

Escoitando e aprendendo do noso pobo e da experiencia desas outras nacións irmáns que, como Escocia ou Cataluña, despois de “petar na ialma do pobo” durante anos con nacionalistas á fronte do autogoberno van agora coas velas inchadas rompendo ondas no océano da liberdade.

Que Castelao e Bóveda nos iluminen na nosa travesía!!!

Viva Galiza Ceibe
Rianxo, 9 de xaneiro de 2016


Artigo publicado no seu blogue persoal o domingo, 10 de xaneiro de 2016.

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... Na actualidade é Portavoz Nacional do BNG.

Enviado por:
inácio GZ
inaciogz@gmail.com
15 de janeiro de 2016 20:30

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon