.
Por André Abeledo Fernández [*]
14.03.2016
Esta Europa do Euro é tamén a Europa sen memoria, esta é a Europa dos mercados que non a das persoas, esta é a Europa da liberdade de comercio que non a dos dereitos humanos.
Unha vez máis Europa ensina a súa verdadeira cara, a cara dos verdugos que non a dos salvadores, dúas guerras mundiais sumadas á infinidade de xenocidios e abusos que enchen a historia da vella Europa non a fixeron máis humana, a barbarie segue imperando, a barbarie capitalista que goberna o mundo tamén goberna á hipócrita Europa.
Os medios de comunicación falan dos refuxiados como dos "ninguén" de Eduardo Galeano, a ninguén lles importa o seu destino, ninguén se indigna o suficiente, ninguén fai o suficiente, ninguén esta a a altura.
Miles de nenas e nenos desaparecidos, secuestrados para non se sabe ben que, explotación sexual?, trafico de órganos?, como pode ser que os pobos de Europa non tomen as rúas reclamando xustiza?, asustados porque nesta Europa do século XXI as crianzas poidan desaparecer sen deixar rastro algún.
Vemos longas filas de crianzas, mulleres, anciáns, homes, persoas, camiñando sen destino, humillados, mal tratad@s, reprimidos, no medio do barro, mollados, xeados, descalzos, farrapentos, parece coma se os campos de concentración da vergonza volvesen para avergoñarnos, pero o dramático é que é unha realidade que a ninguén parece importar o suficiente para facer nada respecto diso.
A Unión Europea xa demostrou que é pouco máis que unha unión económica que beneficia a unha minoría, é unha unión baseada no libre mercado e na deshumanización da sociedade, é unha unión entre desiguais, é un tratado para que as oligarquías repártanse o poder a maior escala e con máis beneficios.
Os pobos europeos debemos repudiar esta Europa vella, con vellos vicios, onde os seres humanos só importan cando dan algún beneficio, como os refuxiados importaban cando servían como coartada para poder participar nunha guerra de espolio.
Pasará o tempo e os libros de historia recollerán estes anos como anos negros, recordarán como unha vez máis centenares de miles de seres humanos foron tratados como lixo e as futuras xeracións preguntaranse como foi posible que ninguén dixese nada para defender aos "ninguén".
[*] André Abeledo Fernández, é un activista sindical, social e político de Ferrolterra. Traballador e membro do Comité de Empresa de Mercadona; e coordinador de Esquerda Unida de Narón. Concelleiro por EU en Narón. Militante do PCG e organizado sindicalmente na CIG.
Contas de André no facebook e no twitter.
Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
16 de março de 2016 01:00
__________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon