PASAXE SEGURA XA !
Os 28 xefes de estado e de goberno europeos, pretenden firmar un inmoral e ilegal Acordo entre os vindeiros xoves e venres que é cando se xunta o Consello Europeo, polo que as mobilizacións están convocando-se en toda Europa para o hoxe mércores 16 de Marzo, ás cales desde Ártabra 21 queremos amosar o noso incondicional apoio. Tamén está convocada con antelación unha manifestación para este sábado 19 de Marzo, ás 7 da tarde, no mesmo lugar que de manter-se a convocatoria, tamén apoiariamos.
Como diciamos, en moitas cidades da Galiza e europeas están-se convocando mobilizacións. En Ferrol imos-nos mobilizar contra o vergoñento Acordo sobre Refuxiadas entre a UE e Turquía, porque é ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Polo que ante esta situación, esiximos ao Goberno español que non apoie o devandito acordo e o vete. E para esixir medidas urxentes xustas, solidarias e conforme aos dereitos humanos e das persoas refuxiadas, ante a maior crise humanitaria á que se enfronta Europa.
Organizacións sindicais, forzas políticas e movementos sociais súmase á xornada de mobilización europea o 16 de marzo con motivo do pre-acordo sobre persoas refuxiadas.
Manifesto Unitario
UN ACORDO ILEGAL E INMORAL QUE ATENTA CONTRA OS DEREITOS HUMANOS
As organizacións asinantes consideran inmoral o Acordo da UE-Turquía. É vergoñoso, ilegal e vulnera a Carta de Dereitos Humanos, a Carta de Dereitos Fundamentais da UE e a Convención do Estatuto do Refuxiado. Ante esta situación, instan o Goberno español a non apoiar o devandito acordo e convocan a cidadanía a concentracións cidadás o próximo 16 de marzo.
As organizacións asinantes deste comunicado denunciamos que a Unión Europea trata as persoas refuxiadas como moeda de cambio co Goberno de Turquía ao tempo que pon de manifesto a deterioración do proxecto europeo cun acordo que traslada a crise das persoas refuxiadas fóra das súas fronteiras.
O acordo previo adoptado o 7 de marzo polo Consello de Europa con Turquía evidencia a absoluta insensibilidade da UE e os Estados membros ante a crise humanitaria das persoas refuxiadas que arriscan a súa vida fuxindo da guerra.
A Unión Europea, ademais de incumprir a legalidade internacional, elude a súa responsabilidade de dar resposta aos milleiros de refuxiados e refuxiadas que se amorean nas súas fronteiras, mediante un acordo con Turquía para deportar a ese país a todos os inmigrantes, económicos e tamén demandantes de asilo, que cheguen á UE a través deste país, a cambio de que os Estados membros recoloquen o mesmo número de refuxiados asentados en territorio turco.
A Unión Europea urdiu un plan que vulnera a especial protección que o dereito internacional lles recoñece ás persoas que demandan asilo mediante a asimilación de inmigrantes económicos e refuxiados, todos eles considerados «ilegais». Expulsarase a Turquía as persoas refuxiadas que chegaron a Europa por esta vía.
A Unión Europea comprou as devolucións a Turquía por 3.000 millóns de euros, polos custos de xestión, e 3.000 millóns adicionais en 2018, sen ningún mecanismo de control do destino do orzamento. Este acordo ampliase ademais coa eliminación do requisito de visado para as cidadás e cidadáns turcos en Europa a partir de xuño de 2016 e a axilización da entrada de Turquía na UE. Obviouse, curiosamente, que o Goberno de Erdogan viola de forma reiterada dereitos fundamentais como a liberdade sindical, o dereito laboral, a liberdade de prensa e expresión -como o recente caso do diario Zanan, próximo á oposición ao Goberno turco-, ou o exterminio do pobo kurdo.
Os refuxiados e as refuxiadas son seres humanos que foxen da guerra e buscan a protección internacional, facer deles unha mercadoría para o intercambio económico é inhumano e non dará lugar a unha resposta máis humanitaria: pagar a Turquía non eliminará o perigo ao que sirios, iraquís e outros pobos están expostos nos seus propios países.
O sistema un-por-un (intercambio de refuxiados sirios) non ten sentido e é unha violación do dereito internacional e dos tratados da UE.
A UE non debería nin sequera considerar pagarlle a Turquía para manter as persoas refuxiadas en campamentos inhumanos sen ningunha perspectiva, e non debería haber ningún intercambio entre o seu mantemento fóra de Europa e a aceleración das negociacións de adhesión á UE.
As organizacións asinantes deste manifesto, levamos moito tempo defendendo que a comunidade internacional debería investir tempo e recursos en restablecer a paz en Oriente Medio, asumindo a súa responsabilidade nesta crise humanitaria que ven derivada en moitos casos das intervencións militares imperialistas levadas a cabo pola UE e EEUU, en función dos seus intereses xeoestratéxicos, en moitos dos países dos que proceden estas persoas.
As organizacións asinantes deste manifesto consideramos pois unha inmoralidade e unha grande hipocrisía o que está a facer a UE coas persoas refuxiadas e inmigrantes en xeral e manifestamos o noso máis absoluto rexeitamento á política da UE e dos seus Estados membros ante a maior crise humanitaria desde a segunda guerra mundial. Europa ten capacidade de resposta e de solución da mesma o que non ten é vontade política para facelo.
Por todo isto, en consecuencia, esiximos do Goberno español o total rexeitamento do principio de acordo con Turquía, no próximo Consello Europeo do 17 de marzo.
Por último, ante a gravidade dos feitos que estamos a denunciar, animamos a todas as organizacións sociais e políticas, e a todo o pobo no seu conxunto, a que promovan e participen nas mobilizacións que se convocan en todo o Estado español para a tarde deste 16 de marzo, para denunciar a actitude de Gobernos e institucións europeas e para esixir medidas urxentes ante a maior crise humanitaria á que se enfronta Europa.
ORGANIZACIÓNS:
CCOO-Galicia; CIG; UGT-Galicia; Anova; BNG; En Marea; EU; PSdG; Podemos; Asemblea de Cooperación Pola Paz Galicia; Coordinadora Galega de ONGD; Foro Galego de Inmigración; Seminario Galego de Educación para a Paz.
___________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon