Esquerda Unidade Narón presenta dúas mocións en Marzo unha solicitando o estudo da posibilidade de crear a "Concellería da Muller", entre outras medidas a prol dos dereitos da muller para acadar a plena igualdade e outra para a creación dunha oficina municipal de vida independente (OVI), e o fomento do emprego social como asistente persoal. Que continuación transcribimos.
Moción solicitando o estudo da posibilidade de crear a "Concellería da Muller", entre outras medidas a prol dos dereitos da muller para acadar a plena igualdade.
André Abeledo o concelleiro de EU Narón presenta para o pleno deste mes de Marzo unha moción solicitando o estudo da posibilidade de crear a "Concellería da Muller", entre outras medidas a prol dos dereitos da muller para acadar a plena igualdade, entre as medidas están:
Aprobar uns orzamentos específicos para programas de igualdade de xénero, e elevar aos gobernos central e autonómico as seguintes propostas; a despenalización total no Código Penal da Interrupción Voluntaria do Embarazo, pois a muller é a única dona do seu corpo e da súa vida, o desenrolo de políticas activas contra a explotación sexual das mulleres e pola abolición da prostitución, entendemos que hai unha gran hipocrisía neste asunto posto que a prostitución continua a estar no estado español nun limbo legal, como ni non existise, cando é un comercio da trata de mulleres deixa pingues beneficios, ou a modificación da lei Electoral Xeral para garantir, polo menos o 50%, algo que ten que ser posible posto que a muller representa máis do 50% da poboación.
Dende EU Narón entendemos que hai que artellar novas e mellores ferramentas para loitar contra a violencia machista e o patriarcado, estase a notar dende a escola unha involución en canto a igualdade da muller e o home, cada día mais rapazas e rapaces teñen comportamentos machistas que xa debían terse superado, ademais a violencia machista segue matando, ante esta situación excepcional é a nosa obriga tomar cartas no asunto e poñer os medios, o que está demostrado é que os que temos ou son insuficientes ou xa non valen e deben ser superados.
Texto da Moción:
Neste mes de marzo conmemorouse o día mundial da muller traballadora.
O 8 de marzo de 1857 as mulleres dunha fábrica novayorkina protestaron pola mellora das súas condicións laborais, e como consecuencia disto, o patrón fechounas dentro e prendeulles lume, o que acabou coa vida de 129 mulleres.
Dende entón a muller segue loitando polos seus dereitos como traballadora e tamén pola súa igualdade no social.
A desigualdade é a realidade que rodea a vida das mulleres, en todas as partes do mundo. Diferentes son os graos, ou a forma na que se mostra esa desigualdade. Pero en todas e cada unha das sociedades, culturas e relixións, as mulleres seguen estando nunha posición subordinada; as mulleres seguen sendo cidadás de segunda.
É indubidable que nas últimas décadas progresouse (nuns lugares máis que noutros), pero iso non pode conformarnos como sociedade, como administracións, como responsables institucionais. Debemos traballar para conseguir que o noso municipio sexa un espazo exento de discriminación e desigualdades.
Debemos desenvolver políticas públicas dirixidas á sensibilización cidadá, ás medidas sociais e laborais que sitúe ás mulleres en situación de igualdade, para poder facer realidade que as mulleres sexan, tamén, cidadás con plenos dereitos.
Facemos un recoñecemento expreso á loita histórica do movemento de mulleres e recoñecemos o feminismo como ferramenta irremplazable para conseguir elementos definitivos e consolidables de igualdade para todas e todos.
Por iso, desde esta Corporación Municipal, comprometémonos coas seguintes medidas:
- Constitución da Concellaría de Muller, estudar a necesidade de constituír a concelleira da muller con competencias e orzamento adecuado, desde onde se deberían coordinar as políticas transversais para a igualdade entre mulleres e homes.
- Aprobar uns orzamentos específicos para programas de igualdade de xénero. Acadar o compromiso do aumento anual do orzamento para políticas de igualdade de xénero, solicitar así mesmo tanto a Xunta de Galicia como ao Goberno Central o aumento das axudas neste senso.
- Modificación da lei de Réxime Electoral Xeral para garantir que as listas electorais contemplen, polo menos, un 50% de mulleres.
- Despenalización total no Código Penal da Interrupción Voluntaria do Embarazo, partindo do recoñecemento do dereito á IVE baseado na libre decisión da muller e que garanta a súa práctica nas 24 primeiras semanas na Sanidade Pública. Ademais esta cobertura, na Sanidade Pública, debe estar garantida en calquera momento da xestación se supón un perigo para a vida das mulleres. Garantir o Dereito ao aborto das mozas de 16 a 18 anos sen necesidade do consentimento familiar.
- Políticas activas contra a explotación sexual das mulleres e pola abolición da prostitución.
Moción para a creación dunha oficina municipal de vida independente (OVI), e o fomento do emprego social como asistente persoal.
O concelleiro de EU Narón André Abeledo presenta o pleno de Marzo unha Moción para a creación dunha oficina municipal de vida independente (OVI), e o fomento do emprego social como asistente persoal.
Dende EU Narón entendemos que estas medidas son necesarias, a "Lei de dependencia" debe ser algo mais que papel mollado. É previsible que ante este proxecto nos atopemos problemas en cuestións técnicas e burocráticas, pero estes non son tempos para poñer trabas, son tempos de traballar, de artellar solucións, de buscar xeitos de xerar emprego e benestar.
Estas son medidas para crear empregos dignos, son medidas para avanzar na famosa e esquecida lei de dependencia, son medidas para construír unha cidade máis humana.
Cantas veciñas e veciños precisan deste servizo nunha sociedade onde desgraciadamente o tempo é ouro?, cando dende a sanidade pública non se dan solucións, cando todos sabemos que os profesionais sanitarios teñen instrucións máis ou menos veladas de dar altas a xente enferma, sen preocuparse de si terán quen os coide cando cheguen as súas casas.
Ou cando sendo necesario o ingreso dunha persoa, nos atopamos de que non hai prazas, ou que as persoas e as súas familias non teñen capacidade económica para pagar o seu ingreso nunha residencia, porque estes son casos reais, que están na rúa, que forman parte do día a día, é a dramática, a terrible realidade que tantas familias viven.
Temos que camiñar cara a municipalizar este tipo de servizo, isto non debe ser un negocio, debe ser un servizo publico sen máis beneficio do que revirte na sociedade.
A quen se lle escapa que si quitamos o marxe de beneficio o estamos abaratando, porque os recursos irían directamente a salario e mellorar a calidade de servizo, e a ir ampliando o numero de persoas empregadas segundo aumenta a necesidade.
Este tipo de servizo non debía ser só municipal, debería ser competencia das administracións públicas.
Texto da moción:
Moción de EU Narón pola promoción da autonomía persoal e da vida independente de persoas con diversidade funcional, mediante a creación dunha Oficina municipal de Vida Independente e o fomento do emprego social como asistente persoal
Fundamentos
As institucións públicas, en xeneral, e a administración local, en particular, por ser a máis próxima da cidadanía, deben garantir a igualdade efectiva dos dereitos das persoas, e actuar de forma decidida para facilitar a promoción da autonomía persoal e a consecución da plena cidadanía de toda a poboación. Estamos a pensar, particularmente, no colectivo de persoas con diversidade funcional (discapacidade), que precisa contar cos necesarios medios específicos e coas novas formas de relación institucional para poder ter garantidos os citados fins. Estes medios serían: a asistencia persoal e as Oficinas de Vida Independente.
A promoción da autonomía e a vida independente é un dos principios que recoñece o dereito de todas as persoas a tomar decisións sobre a súa propia vida. No contexto internacional, este recoñecemento está plasmado no articulado da Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, aprobada pola Asemblea Xeneral da ONU en decembre de 2006 e ratificada por España no ano 2007. Aínda que o principio de vida independente orienta, de forma xeral, todas as actuacións dirixidas ás persoas con discapacidade, son necesarios programas específicos destinados a prestar apoios concretos, tanto materiais como humanos para a consecución deste obxectivo.
Entre elas, a Asistencia Persoal, canalizada a través de Oficinas de Vida Independente, que veñen demostrando grandes resultados naqueles lugares onde, ata a datas, se realizaron experiencias piloto. A asistencia persoal debe diferenciarse tanto dos coidados familiares como da asistencia domiciliaria ou institucional e, actualmente, constitúe un dereito recollido no ordenamento xurídico, aínda que non se teña establecido un mecanismo para garantirlle o financiamento público necesario para aplicala. A figura do asistente persoal correspóndese cunha persoa que, de forma profesional e remunerada, realiza, ou axuda a realizar, aquelas actividades que outra persoa quere facer e que non pode realizar por si mesma en función da súa diversidade funcional.
Pola súa parte, as Oficinas de Vida Independente (OVI) son entidades colaboradoras da xestión do servizo de prestación de horas de asistencia persoal dirixida a persoas con discapacidade física severa que realicen unha vida activa. Está baseado en Plans Individuais de Vida Independente (PIVI). Nos modelos existentes, o servizo da OVI se caracteriza pola participación dos afectados na elaboración dos seus propios Plans Individuais de Vida Independente (os documentos que establecen as necesidades de apoio en función das actividades diarias de cada persoa) e a selección dos asistentes persoais. Desta forma, son os participantes os que organizan horarios e tarefas (que poden ser de calquera tipo sempre que fosen pactadas previamente por ambas as partes).
A Oficina de Vida Independente local, prestaría servizo a persoas tanto menores como adultas que cumpran, ademais, as seguintes características:
- Persoas con discapacidade (xa sexa física, intelectual ou sensorial) que necesiten apoio para poder participar no seu entorno socio económico
- que teñan o recoñecemento legal da situación de Dependencia
- que desenrolen unha vida activa (estudos, traballo ou en busca activa de emprego, ou que participen en actividades asociativas e comunitarias)
- que dispoñan de vivenda, en calquera réxime
- que fosen seleccionadas polos servizos sociais e a xestora da OVI tomando en consideración todas as variables relevantes para as súas posibilidades de vida independente, e
- que asinen un contrato no que se recollan as normas de prestación deste servizo.
O Movemento de Vida Independente en España optou por denominar Oficina de Vida Independente (OVI) a este modelo organizativo con propósito emancipador. Estas OVI, ademais, poden ter diferentes formas xurídicas (asociación, cooperativa...), dependendo do modelo de xestión, o grado de dependencia administrativa...
En EU de Narón defendemos o modelo de cooperativa, aínda que non desbotamos calquera outra forma de organización sempre que se trate de entidades sen ánimo de lucro dirixidas e xestionadas polas propias persoas con diversidade funcional e con necesidade de asistencia persoal co obxectivo común de alcanzar a vida independente e por tanto o dereito por parte das persoas con diversidade funcional a elixir como, onde e con quen vivir.
Por todo elo, Esquerda Unida de Narón presenta para a súa aprobación as seguintes propostas de acordo:
- Este Concello acorda realizar os estudos necesarios para avaliar a demanda no municipio dos servizos de Asistencia Persoal para persoas con diversidade funcional que cumpran os anteditos requisitos poñendo en marcha unha Oficina municipal de Vida Independente (OVI) en Narón.
- Ofrecer, no caso de demanda, á Xunta de Galicia unha proposta de convenio de colaboración para a creación dun proxecto piloto de OVI local, xestionado dende o Concello coa participación do colectivo de usuarios e das asociacións existentes en Narón neste ámbito.
- Este proxecto piloto municipal, ademais, tamén permitiría contratar asistentes persoais do noso municipio, abrindo un novo xacemento ocupacional que pode chegar a ter unha importancia relevante.
ESQUERDA UNIDA DE NARÓN
Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter.
Achegate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.
Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
23 de março de 2016 19:24
27 de março de 2016 14:36
___________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon