Por Xavier Ron [*]
17.03.2016
REFUXIÁNDONOS PARA SER E ENTENDER.
A condición humana en perigo: unha sociedade enferma?
0. A cor do ceo xúntase coa do mar ao chegar á illa grega de Lesbos. Un azul que debera tinguir de esperanza o horizonte dos centos e centos de persoas que se vén na obriga de chegar a Europa arriscando a súa vida no mar. Unha illa que deu lugar aos versos máis fermosos da poeta Safo, evocando que o amor non coñece fronteiras e que se ergue por riba mesmo das convencións e das normas absurdas que impón o medo corrector.
1. Desde que as Torres Xemelgas caeran coma un pesadelo sobre o corazón do imperio do capitalismo, todo mudou. Ese medo corrector impúxose coma un pensamento único. Percorreu as vontades do mundo dominante e asulagouno todo co virus da adhesión irreflexiva das xentes, que aceptaron a cambio dunha falaz seguridade renunciar ao valor da liberdade. Liberdade de pensamento. Liberdade para camiñar, ir e voltar. Liberdade para decidir. Só o capital, e aquilo que produce rendibilidade, era e é autorizado a traspasar fronteiras.
2. Mentres, imponse de forma definitiva ese abafo conceptual que nos somerxe baixo o imperio da vixilancia máis absoluta, como describe moi ben Ramonet na súa recente publicación. O máis triste é que nesa pendente que leva directa ao baleiro da condición humana, as persoas aceptan desintegrarse na rede invisible que tece esa vixilancia a través dos sofisticados medios introducidos nas proclamadas redes sociais. A doutrina neoliberal é hexemónica, moi lonxe da agonía que todos desexamos, e somete ao ser neoliberal a unha serie de valores grazas a un mecanismo de ‘persuasión’ que combina alienación (Marx), autoexplotación (Byung Chul-Han) e adhesión afectiva (Hunyandi).
3. Nunca houbo tanta información e, ao mesmo tempo, tanta indiferenza. Gramsci non soportaba a indiferenza: sabía perfectamente que foi o medio escollido pola ideoloxías nazi, fascista e franquista para acomodarse nas institucións e retorcer as leis ao seu libre albedrío.
4. Día tras día esta sociedade do espectáculo e do relato, verdadeiros iconos do posmodernismo máis perigoso, asiste ao padecemento de milleiros e milleiros de persoas. Un padecemento que, en primeira instancia, responde a múltiples causas, moitas delas emparentadas coa acción das potencias occidentais en África e Oriente Medio. Unha verdadeira irresponsabilidade alí….e aquí, hoxe e agora, cando a illa de Lesbos, paradigma do que soporta Grecia, se converte nunha especie de sartego de esperanzas.
5. De forma imparable, as advertencias que lanzamos durante estes anos sobre a perigosa deriva de Europa convertéronse nunha dura realidade. As consecuencias máis tráxicas, posiblemente, aínda estean por chegar e asomarse á fiestra da distanciada e indiferente sociedade europea.
6. Cantas persoas se lanzaron a rúa para protestar enerxicamente contra a Lei de Estranxeiría, contra a Directiva da Vergoña, contra a existencia dos CIE’s, e hoxe contra a existencia das deportacións exprés, dos voos de deportación e das devolucións en quente?
7. As formas de proceder contra as persoas migrantes. A elaboración e aplicación de normativas racistas, que relegan a unha especie de limbo e non-dereito, un estado de sitio permanente ás persoas migrantes, unido a unha absoluta falta de escrúpulos dos medios de comunicación de masa, inocularon un imaxinario delictivo, estereotipado, estigmatizado e segregador. O imaxinario que explica a distancia existente hoxe con respecto ás persoas refuxiadas, tal como sinalaremos máis adiante.
8. Cando se fala de Europa e dos seus valores…a cales debemos referirnos? A que tradición, cando no esencial os diferentes estados membros viven de costas uns aos outros? Cando só asistimos a marcos de imposición “negociada” de tipo mercantil, económico ou financieiro? Onde eses mesmos marcos son aplicados aos procesos sociais e humanos? Realmente aprendimos algo do acontecido en Europa durante o século XX? Ou, tal como demostran os acontecementos hoxe, permaneceron durmidos e latentes os instintos que permitiron a existencia dos fascismos do século XX?
9. E non pode ser casual o novo enfoque militar da OTAN que dispón dunha poderosa frota no mar Exeo composta de 5 fragatas e entre 10 e 15 navíos. O obxectivo sendo “loitar contra os fluxos migratorios”. Do mesmo xeito que asistimos á mudanza da Operación Mare Nostrum, que incluía salvamento, pola Operación Tritón, da Frontex, que só implica control e vixilancia. A OTAN declara inimigos ás persoas migrantes que escapan da violencia de todo tipo, principalmente da guerra en Siria.
10. O negocio militar produce mortes. En realidade, son asasinatos premeditados, xa que é sabido que o establecemento de procedementos máis restritivos no perímetro europeo significa idear estratexias máis arriscadas para escapar do inferno e chegar ao desexado refuxio europeo. E non pode producir máis noxo que escoitar a Donald Tusk, presidente do Consello Europeo, dicir que Europa debe ser menos atractiva para que as persoas migrantes non veñan. De aí o emprego da OTAN: quere ser un mecanismo de disuasión, mais só provocará máis mortes, máis asasinatos.
11. Por iso, anoxa ver a resposta da Unión Europea ás necesidades existenciais das persoas migrantes e refuxiadas. Non é só esta resposta militar. Tampouco o desexo de seguir afortalando o perímetro da Europa-fortaleza, tal como sucede todos os días no valo de Ceuta-Melilla. É o desexo de destruír todo vestixio de humanidade na construción de Europa. A sucesión dos acontecementos é terrible: estados-membros que deciden pechar fronteiras e violar con total impunidade os dereitos humanos (Austria, Macedonia, Hungría, Polonia). Un perigoso nacionalismo con improntas racistas e mesmo rememorativas do pasado nazi asoma e faise forte. O efecto colateral é que os partidos políticos que se denominan ‘democráticos’, por medo ao ascenso desta extrema dereita, adoptan un comportamento tamén racista e introducen normativas anti-persoas. Unha UE incapaz, por desexo propio, de ser hospitalaria, de respectar as convencións asinadas e ratificadas. E isto exprésase co aldraxante tratado “comercial” que a UE desexa establecer con Turquía para que este país, a cambio de 6.000 millóns de euros, reciba a deportación masiva de persoas migrantes e refuxiadas chegadas a Grecia. Preténdese legalizar un enorme secuestro, o da condición humana: e iso non o podemos permitir. Nesta ceremonia caníbal perde a DEMOCRACIA, perden OS DEREITOS HUMANOS, perden as PERSOAS.
12. E isto sucede, en realidade, sen que os distintos acontecementos esnaquicen de forma penetrante a epiderme de indiferenza en que vive a sociedade española e galega. En datas recentes coñecíamos os resultados da enquisa do CIS de febreiro con respecto ás preocupacións que ten a sociedade e nela hai, con respecto ao tema que convoca estas liñas, un inciso valorativo que produce unha certa tristura. Dáse un 0% de valoración no tocante a quen vé como un problema a situación dos refuxiados. Esta alarmante porcentaxe únese á do 0% con respecto ao racismo na sociedade española e a un escasísimo 0,1% que considera un problema as guerras existentes hoxe. Deshumanización. Individualismo esaxerado que impide ver a implicación e repercusión colectiva.
Publicado no sitio de AGAMME - Asociación galega contra o maltrato a menores. | 15.03.2016
[*] Xabier Ron Fernández, nado en Lión o 16 de Febreiro de 1969, profesor de lingua francesa. Activista, membro do Foro Galego de Inmigración. Elixido deputado do Parlamento de Galicia nas autonómicas de 2012 por Alternativa Galega de Esquerda. Membro da Dirección Nacional de Esquerda Unida.
jose.javier.ron.fernandez@parlamentodegalicia.gal
Nota.- Cartaz anunciado a Manifestación convocada para este sábado 19 de Marzo en Ferrol, ás 7 da tarde na Praza Amada Garcia (Diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia).
+ Info en:
http://artabra21.blogspot.com.es/2016/03/convocatoria-urxente-en-apoio-as.html
________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon