domingo, marzo 13, 2016

Solidariedade con Txute que vai ser xulgado este luns 14 de Marzo en Ferrol, por feitos acontecidos na manifestación da CIG na Folga Xeral do 29 de Marzo de 2012 - Convocada concentración de apoio e solidariedade, o mesmo día diante dos Xulgados ás 9:30hs.


O vindeiro día 14 de marzo, será xulgado ás dez horas ao compañeiro Txute, un activista social e compañeiro solidario, por feitos acontecidos na manifestación da CIG na Folga Xeral do 29 de Marzo de 2012, onde unha persoa arrolou por atrás a manifetación, despois de adiantar violentamente a dous coches máis que agardaban o paso da mesma.

Desde Ártabra 21 queremos enviar o noso apoio e solidaridade ao compañeiro que vai ser xulgado. Diante deste xuízo está convocada unha concentración en solidariedade con Txute, o mesmo día ás 09:30 hs fronte aos xulgados de Ferrol.

Os feitos remítense ao 29 de marzo do 2012, día da Folga Xeral contra a reforma laboral do PP.

Como lembraredes moit@s un individuo abalanzou-se co seu vehículo contra a manifestación da CIG cando percorría as rúas de Ferrol. Unha persoa Patricia L. D. sufriu feridas de consideración. O mencionado individuo (Que responde ás iniciais D. F. F., estaba acusado dun delito de lesións por imprudencia grave polo que o fiscal solicitaba unha condena de seis meses de prisión e a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por dous anos) adiantou a dous coches que o precedían e subindo-se á beira-rúa intentou pasar a toda costa por entre a manifestación que pasaba con moita asistencia. Patricia intentou paralo, mais este seguiu para diante arrolando-a e pasándolle por encima. O cabreo dos manifestantes foi maiúsculo, como é comprensíbel e houbo xente que se abalanzou sobre o coche. Este home manifestou na súa declaración que foi o feito de levar unha bandeira do Reino de España o que motivou tal actitude que os manifestantes se botaran por riba do seu coche, cando a xente se botara contra el pola súa actitude contra eles e pretender romper a manifestación. A manifestante atropelada, Patricia L. D. que ía coa seu fillo e a súa nai (daquela delegada da CIG no centro de educación especial privatizado Souto de Leixa), chegou con el a un acordo económico, as lexións producidas a esta persoa foron moi graves (policontusiones, esguince cervical, lumbalxia postraumática, contusión en cadeira esquerda e erosións en perna esquerda, quedándolle como secuela unha alxia cervical).

A Txute tamén se lle ofreceu un acordo no cal admitía a culpa e pagaba unha cantidade, pero el non aceptou pois o agresor era a persoa que o intentou atropelar, el a vítima. "Como é lógico revolve-se-lhe a conciência ao ter que idemnizar a um agressor deste calibre, do que eu lego em leis nom compreendo como nom foi acusado de delitos maiores que os de tráfico,  tanto polas pessoas, polícia municipal  ou polos organizadores da manifestaçom".

Quen vai ser xulgado é Txute, compañeiro da CIG, daquela do grupo de desempregad@s, e agora mariscador a pé da ría de Ferrol. No vídeo que presenta a acusación pode-se ver que el é un máis dos que defenden a manifestación e se indignan co feito, o atropelo e a chulería do conductor agresor acelerando e desacelerando dando para trás e para diante de xeito ameazante. "As imagens que servem de acusaçom estam muito bem escolhidas polo feito de ver-se quando o carro retrocede e quando a gente bate nele , mas nom antes quando adianta a dous carros que estam antes (um deles da companheira Saria Alabau, conhecida de todas polo seu grande compromisso coa causa obreira e progressista em geral). Nom creio seja casualidade".

Polo seu intereses transcribimos un detalle do publicado polo SOV da CNT de Ferrol que publica na súa web o 12 de Marzo, onde denuncia o pacto da CIG, amosa a súa solidariedade con Txute e chama a concentrar-se:
"O 28 de setembro do pasado ano, a muller atropelada, o condutor e FJMR foron citados no Xulgado para a vista do sucedido. Días antes, o sindicato no que milita argallou unha reunión entre as partes para chegar a un acordo prexudicial, no máis amplo significado do termo. FJMR decidiu non acudir a este acordo, no que a agresión do condutor resultou ser imprudencia, a agresión contra este foi tal e motivada pola bandeira de España que levaba no coche, a aseguradora poñía os cartos e aquí paz e despois gloria.

Por iso, os que acudimos a apoiar a FJMR no xuízo atopámonos, non soamente que este non comparecía, senón que o xuízo se adiaba unicamente no que a el concernía, que o prexudicial acordo saía adiante, aceptando a muller atropelada pagar a parte que lle correspondía dos danos ao coche que a atropelou, pasando o agresor a ser considerado agredido e recibindo da súa compañía de seguros a parte da indemnización correspondente á vítima que esta accedeu a pagar como causante dos danos no vehículo.

Así, Mapfre e a CIG promoveron que a brutal agresión a unha manifestación convocada legalmente se saldase cunha retirada de carné e unha pena conmutada por días-multa, ao aceptar que fose xulgado como imprudencia. Imprudencia é levar tacóns e que se vaia o pedal, arrancar o coche e turrar contra unha masa de xente, por présa que teñas e por máis que teñas asimilado as mensaxes antisindicais, antiobreiras e antifolga, evidencia un evidente ánimo de lesionar e, probabelmente, un agravante de odio ao delito de lesións ou de homicidio en grao de tentativa cometido.

Como vemos, o prexudicial acordo fraco favor lle fixo a FJMR, acusado agora de algo que xa se aceptou como agresión e ao conxunto da clase obreira ferrolá, que agora poderá ser atropelada, como se dun videoxogo se tratase, coa simple condición de que o agresor teña seguro." [Nota (15.03.2016).- Ver os comentarios a esta nova que clarifican este assunto dando outra versión do mesmo, pois parece ser que a CIG non tivo nada que ver no acordo, e mesmo se posicionou con Txute na súa decisión] - [Nota (18.02.2016).- A CNT xa rectificou na súa web esta información pedindo desculpas, ver comentario 3º]
Non é casualidade que sexa Txute o único acusado (por certo non foi identificado in situ), xunto a Patricia. "Txute é um independentista conhecido, ao que só a proibiçom da A.N. o tem sem militância política neste momento, pessoa sempre solidária e consequente". Recentemente foi agredido, unha vez por parte da policía nun conflito de marisqueo e outra por uns fascistas agochados no mundo futboleiro.

"O companheiro Txute necessita solidariedade e arroupe, tanto das organizaçóns comezando, pola CIG, o seu sindicato, como das pessoas. Quando se fala de unidade temos que matinar que aqui está a mais grande delas. A solidariedade e defessa dos nossos, da clase obreira, diversos mais irmáns sempre. Pidem-lhe , dous anos de multa por danos e mais de 5000€ para arranjo do carro".

"É simplemente alucinante!"

Como xa mencionamos, hai unha concentración convocada diante do Edificio dos Xulgados de Ferrol, para o mesmo día do xuízo: o luns 14 de Marzo ás 9:30hs.

Unha concentración para arroupar ao compañeiro Txute. mais tamén no caso de non poder acudir á mesma, hai outras formas de solidariedade, a primeira falar con el (txutete[arroba]gmail.com), a segunda difundir o feito polos medios que se poida e a terceira estar atent@s a outras medidas que se poidan aplicar e apoialas.

Información baseada na enviada por:
Joam Tavia
-jtavia@gmail.com-
7 de março de 2016 19:03
________________

3 comentarios

Nom estou dacordo com a informaçom referida ao amanho. E como o artigo está baseado num envio meu vou precisar.
A CIG nom interviu no acordo entre o agressor e a companheira. Esta optou dentro da sua liberdade por um advogado particular e aceitou um arranjo económico.Portanto nom comparto a vissom dos companheiros da CNT.

Tés razom, mesmo no detalhe da nova publicada em Sermos Galiza, o próprio Txute aclara isto: "A decisión de non aceptar o trato foi apoiada, afirma, polo sindicato".

Detalhe contextualizado nova e enlace coa mesma completa:

Acordo

A finais de 2015 ía ter lugar o xuízo por estes feitos. O seu avogado propúxolle chegar a un pacto co que pagaría só 900 euros de multa e 800 euros de danos. “Negueime, négome a pagar un peso a quen intentou atropelar xente nunha manifestación”. A decisión de non aceptar o trato foi apoiada, afirma, polo sindicato.

O condutor do vehículo estaba acusado dun delito de lesións por imprudencia grave polo que o fiscal solicitaba no seu momento unha condena de seis meses de prisión e a privación do dereito a conducir vehículos a motor e ciclomotores por dous anos.

Enlace de Sermos Galiza:

http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/piden-12-000-euros-multa-activista-ferrolan-incidente-na-greve-xeral-2012/20160315104753045875.html

Agardo que com isto quede clarificado

A CNT rectifica a nova que publicou:

"Esta noticia foi editada a petición do portavoz da CIG, quen nos comunica que a vítima do atropelo rexeitou a súa asesoría legal que nun primeiro momento lle ofertaran, co que o acordo coa aseguradora foi promovido por un avogado particular que a representaba.

Lamentamos o equívoco e presentamos as nosas desculpas aos compañeiros da CIG".

Enlace:
http://www.cntgaliza.org/?q=node%2F1946

---


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon