luns, abril 18, 2016

A eurodiputada galega Lídia Senra, foi este sábado 16 de Abril, a encargada de abrir na Pobra de Trives a xornada “As figuras de protección medio ambiental da Unión Europea en zonas de montaña” - Fotos e Audio


Lídia Senra reivindica políticas activas para manter a actividade agraria e gandeira nas zonas de montaña. | A eurodeputada abre en Trives a xornada organizada polo GUE/NGL e AGEe sobre as figuras de protección medioambiental nestas zonas. | Chama a esixir responsabilidade política para que o Día Internacional das Montañas e das persoas que viven nelas sexa todos os días do ano.


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), foi este sábado a encargada de abrir na Pobra de Trives a xornada “As figuras de protección medio ambiental da Unión Europea en zonas de montaña”, un evento aberto que durante toda a xornada de hoxe está a reunir diferentes persoas técnicas expertas en figuras de protección medio ambiental, así como labregas e labregos galegos titulares de experiencias de produción en zonas de alta montaña e representantes de Parques Naturais. O obxectivo é poñer en valor as figuras de protección e analizalas e debater sobre elas como unha vía máis para contribuír a manter a montaña viva.

Durante a presentación, Lídia Senra reivindicou o papel das montañas e a necesidade de que desde as institucións políticas "non se esqueza ás persoas que viven nelas para poder manter vivas estas zonas", instando a que o Día Internacional das Montañas -que se celebra todos os anos no 11 de decembro, nunha data instaurada polas Nacións Unidas, pase a ser todos os días do ano e non só un.

Senra fixo fincapé na necesidade de afondar no coñecemento das figuras de protección ambiental para as zonas de montaña, co obxectivo de "explorar como aproveitar mellor este marco e como desenvolver actividades dentro del". Así, definiu como ante todo, “informativa” a xornada en Trives, se ben o obxectivo é poder presentar tamén iniciativas nos Parlamentos Europeo, Estatal e Galego que defendan a montaña galega.  Senra afirmou que organizar xornadas como a deste sábado en Trives é “moi importante para visibilizar a problemática das montañas e das labregas, labregos e persoas que desenvolven nelas outras actividades".

Na xornada, á que na sesión da mañá participaron preto dun cento de persoas, participan como ponentes Guzmán Ouro Vilariño, enxeñeiro de Montes, técnico agrícola e xefe do Servizo de Conservación da Natureza de Lugo, que foi presentado polo alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez. Tamén estivo pola mañá a dirixente do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane e os expertos Víctor Andrés Álvarez Arias e Xosé Santos Otero, nunha mesa presentada polo deputado de AGE no Parlamento Galego, Antón Sánchez.

Xa na sesión da tarde, a pastora Neves Fernández e o membro de Labregos Daiquí, Manuel García, falarán sobre as súas experiencias na montaña, presentados pola membro de Anova na montaña luguesa Vanesa Garrido Blanco. O alcalde de Somiedo, Belarmino Fernández, será o encargado de pechar a xornada, falando do Parque Natural asturiano, nunha mesa que presentará o deputado de En Marea no Estado español Miguel Anxo Fernán-Vello.

As desta fin de semana son xa as segundas xornadas de montaña que organiza o GUE/NGL na Galiza en colaboración con AGEe. Na xornada no 2015, celebrada en Becerreá, púxose a énfase en que a actividade agraria é fundamental para manter a montaña viva, igual que é fundamental para isto poder dispoñer duns servizos públicos e de calidade en canto a sanidade, ensinanza e servizos sociais, para que as persoas poidan vivir con calidade de vida nas montañas.


Valoración da Xornada por parte de Lídia Senra | Acceder/Baixar Audio en formato mp3 (16.04.2016).


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)

Equipa de Comunicación AGEe.
lidia.senra@europarl.europa.eu

http://ageuropa.gal/

twitter  Facebook

Enviado por:

SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
16 de abril de 2016 13:24
16 de abril de 2016 18:47

__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon