domingo, abril 03, 2016

Moción aprobada polo Pleno do Concello de Narón para a conmemoración do 14 de Abril, e a proclamación da II República que saíu aprobada cos votos favorables de BNG, EU NARÓN, PSOE e TEGA


MOCIÓN DE ESQUERDA UNIDA DE NARÓN PARA A CONMEMORACIÓN DO 14 DE ABRIL, E A PROCLAMACIÓN DA II REPÚBLICA.

ESTA MOCIÓN SAÍU APROBADA COS VOTOS FAVORABLES DE EU NARÓN, TEGA, PSOE E BNG.


ELEXIMOS SE ABSTIVO E O PP VOTOU EN CONTRA.

O CONCELLEIRO DE “EU NARÓN” ANDRÉ ABELEDO, NO PLENO DE MARZO DO CONCELLO DE NARÓN DEFENDENDO A MOCIÓN DO 14 DE ABRIL E A REPÚBLICA.

Miguel Hernández, ese gran poeta comunista que rematou a súa luminosa vida no mes de marzo de hai 74 anos nunha cadea fascista, deixounos dito: “Xamais renunciaremos nin ao máis vello dos nosos soños”.

O 14 de abril de 1931-teñamos ben presente que como consecuencia da vitoria nas eleccións municipais das forzas republicanas, cuestión nada banal que adoita esquecerse- proclamouse a II República. Cúmprense, pois, 85 anos do que foi o primeiro réxime democrático da nosa historia, dun sistema que instaurou un verdadeiro Estado de Dereito e proclamou a primeira constitución democrática de España. Esta Constitución plasmou o principio de igualdade dos españois perante a lei, ao definir España como “unha república de traballadores de toda clase que se organiza en réxime de Liberdade e de Xustiza”. O principio de soberanía popular, estableceu o sufraxio universal para homes e mulleres maiores de 23 anos. En economía a propiedade privada quedou suxeita aos intereses da economía nacional. Constituíuse un “Estado integral, compatible coa autonomía dos Municipios e as Rexións”. O principio de laicidade establecía que “o Estado, as rexións, as provincias e os Municipios, non manterán, favorecerán, nin auxiliarán economicamente ás Igrexas, Asociacións e Institucións relixiosas”, recoñecendo, ademais, o matrimonio civil e o divorcio, así como o ensino primario laico, gratuíto e obrigatorio, e con liberdade de cátedra.

A II República promoveu o avance na transformación da nosa sociedade, na defensa das liberdades individuais e colectivas, e na consecución da xustiza social.

Este sistema democrático acabou coa derrota na Guerra Civil para dar paso a máis de 40 anos de franquismo, de represión e de retrocesos.

O 14 de abril ten que ser unha data reivindicativa para reclamar o dereito á República e facer unha homenaxe a todos os alcaldes e concelleiros dos concellos daquel período, así como condenar o golpe de estado franquista contra a II República. Moitos dos que estamos hoxe aquí de vivir en aquel momento histórico houbésemos sido paseados.

Quen esquece a súa historia esta condenado a repetila”, dixo hai séculos Marco Tulio Cicerón, gran verdade histórica que precisamos ter na memoria.

Porque a mal chamada Guerra Civil non foi unha guerra ad usum, senón a resposta a un golpe de estado perpetrado por militares traidores perpetrado ao ditado da oligarquía que temía perder os seus privilexios; un golpe de estado contra un goberno lexitimo xurdido das urnas; un golpe de estado covarde que provocou unha guerra brutal, onde os golpistas do chamado bando Nacional contaron con a inestimable axuda dos gobernos fascista Benito Mussolini e nazi de Adolf Hitler, que puxeron tropas e armamento de todo tipo ao servizo dunha causa que acabaría masacrando unha boa parte do pobo español, nun verdadeiro xenocidio ideolóxico que acabaría enchendo de cadáveres, moitos deles aínda sen identificar, todo o territorio español. Mais, convén lembrar aquel pe dun dos debuxos de guerra de Castelao: “Non enterran cadáveres, enterran semente”.

Algúns din que cando falamos de memoria, xustiza e reparación se reabren feridas, pero, como se vai reabrir o que nunca se pechou?; como se pode perdoar cando nunca se pediu perdón? Teñamos presente que na Alemaña negar o holocausto é delito. Non se debe esquecer sen máis.

Por Narón, polo noso concello tamén pasou a besta fascista. As cifras contan unha pequena parte do horror e o terror que se viviu, pero só temos datos estimados, tan só coñecemos a punta do iceberg da barbarie, posto que algúns aínda teiman en perder a Memoria.

Temos documentados un total de 93 asasinados en Narón, unha parte deles mariñeiros que se mantiveron fieis á República, á legalidade, cando o golpe. No Val foron fusilados e enterrados no cemiterio 48 mariñeiros do acorazado "España” e do vapor "Domine”. En San Mateo foron fusilados e enterrados no cemiterio 17 mariñeiros do “Mar Cantábrico”.

Nove veciños de Narón foron fusilados, quince foron paseados e asasinados nas nosas cunetas, un foi apaleado ata a morte, dous morreron en enfrontamento armado, outro morreu en prisión...

Estas 93 persoas foron asasinadas, pero tamén están os represaliados, os que foron depurados, os desterrados, os escapados e exiliados, os presos, os multados...

Como terrible anécdota do terror das hordas Nacional Católicas do Franquismo, destas beatas persoas que loitaban por “Deus” e “España”, esta o feito de que o día 26 de Decembro, supoño que para celebrar o Natal, no Val foron fusilados máis de 20 mariñeiros do citado acorazado "España”.

O próximo día 13 de Abril Memoria Histórica acompañada por todas e todos os que queremos ter Memoria fará no cemiterio do Val e no de San Mateo unha ofrenda floral en homenaxe a todas e todos os represaliad@s.

Honor e Gloria aos nosos mártires.

Saúde e República. A pola terceira.

https://youtu.be/ec9XsLY8XEE vía @YouTube


Grupo Municipal de Esquerda Unida de Narón


Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter.

Achegate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
1 de abril de 2016 16:57

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon