xoves, xuño 30, 2016

Balaladas pola prevención do suicídio: Como noutras vilas e cidades da Galiza, hoxe xoves 30 de Xuño, en Ferrol, está convocada unha concentración na Praza do Concello, 10 minutos antes das 8 da tarde, hora na que comezarán as balaladas


O movemento galego de saúde mental e SOS Sanidade pública convocan unha Mobilización cunha badalada en prevención do suicidio este vindeiro Xoves, 30 de Xuño en toda Galiza.


POR UN PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DE SUICIDIO

En Ferrol esta convocatoria será  na Praza de Armas, ás 19:50hs cunha CONCENTRACIÓN e  darase a badalada ás 20:00hs.

1 badalada en lembranza da morte de 1 persoa cada día.
1 badalada en lembranza da morte dese mesmo día.

PLAN GALEGO DE PREVENCIÓN DO SUICIDIO, XA!

En Galicia morre por suicidio unha persoa cada día. Esa realidade agravouse dende o comezo da crise alcanzando no ano 2014 o seu teito con 394 mortes por esta causa.

As políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galicia fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerables incrementando o risco de suicidio na sociedade. Desas políticas cómpre destacar como especialmente importantes: a carencia de políticas activas de emprego e un elevadísimo paro prolongado, a redución da protección social, o deterioro da sanidade pública e en particular o debilitamento da Atención Primaria de Saúde, a tolerancia gubernamental coa banca e a súa agresividade respecto ó cobro dos préstamos hipotecarios coa conseguinte vaga de desafiuzamentos.

Pero Galicia padeceu dende sempre elevadas taxas de suicidio. Sofre un grave problema de saúde pública tal como o define a Organización Mundial da Saúde (OMS). Só agora, cando este estado de cousas se ve agravado pola crise , nos decatamos de que convivimos impasibles cunha realidade intolerable. Realidade diante da cal os gobernos non só non fixeron nada senón que mesmo negaron as cifras das propias institucións oficiais, chegando no caso da Xunta e do partido gobernante en Galicia a rexeitar no Parlamento Galego nesta lexislatura (ata en tres ocasións) iniciativas realizadas pola oposición propoñendo elaborar o plan de prevención.

As recomendación da OMS comezan por afirmar que o suicidio pode previrse eficazmente e rematan por presentar o obxectivo de reducir en cada país nun 10% para o ano 2020 o número de mortes por esta causa. Imperativamente chama ós Gobernos a liderar e a desenvolver Plans de Prevención do Suicidio.

Sobre esta base, nós, o Movemento Galego da Saúde Mental, respostando a ese mandato e cumprindo co noso compromiso fundacional, iniciamos o pasado 3 de maio a campaña Badaladas pola prevención do suicidio, coa finalidade de sensibilizar á sociedade fronte a esta cuestión, e para reclamar o cumprimento das obrigas que os nosos gobernantes  teñen coa protección da saúde e da vida da poboación. É así que esiximos que con urxencia se elabore ese plan, por unha comisión técnica capaz e crible, cun carácter multisectorial, articulado co necesario Plan Galego de Saúde Mental, e dotado suficientemente.

É por todo iso que xunto con SOS-Galicia facemos convocatoria para o 30 de xuño en diferentes cidades e vilas de Galicia ás 8 da tarde, para que soen badaladas para recordar a toda a sociedade que unha persoa máis morreu por suicidio na nosa terra ese día, e que seguimos sen un plan de prevención.

30 DE XUÑO ÁS 8 DA TARDE, BADALADAS POLA PREVENCIÓN DO SUICIDIO

ACODE ÁS CONCENTRACIÓNS

Web do Movemento Galego da Saúde Mental:

http://movementogalegosaudemental.gal/

https://www.facebook.com/movementogalegodasaudemental

Enviado por:
cig-saude.ferrol@sergas.es
-cig-saude.ferrol@sergas.es-
29 de junho de 2016 10:26
Dende CIG-Saúde apoiamos o chamamento a cidadanía a participar na convocatoria do Movemento Galego da Saúde Mental, Profesionais saúde mental de Ferrolterra,   SOS Sanidade pública a unha CONCENTRACIÓN cunha BADALADA na Praza do Concello-Armas este vindeiro xoves, 30 de xuño a partir das 19,50 horas.
__________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon