Este xoves 2 de Xuño, ás 7 da tarde no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño, en Ferrol, vai ter lugar un Acto en Ferrol, do movemento opositor a Reganosa, despois de 17 anos de Loita contra o despropósito gasista instalado no corazón da nosa Ría. Un sen fin de mobilizacións e actos, de multas, detencións, porradas e prisión do que fora Patrón Maior da Cofradía de Pescadores/as de Ferrol, o compañeiro Bastida; mais tamén de razóns medio ambientais e de seguridade, tres Sentenzas firmes do Tribunal Supremo veu-nos dar a razón. O Goberno Español, exime a Reganosa do trámite de avaliación de impacto ambiental, antepoñendo un suposto carácter estratéxico da regasificadora de Mugardos, á vida e seguridade das persoas que moramos na contorna da Ría de Ferrol. Desde Ártabra 21 queremos recoñecer, como temos feito outras veces, esta loita contra a corrupción política e económica; pola dignidade, a vida, a seguridade das persoas e a defensa da Ría.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, convida a toda a cidadanía, a o Acto que, co lema:
“O SUPREMO XA FALOU.
QUEIRAN OU NON DÉRONNOS A RAZÓN”
vaise celebrar o
Xoves, 2 de xuño, ás 7 da tarde
Centro Cultural Carvalho Calero
Praza do Inferniño – Ferrol
Será
un acto musical e poético, con intervencións en apoio á loita contra
Reganosa, ao que asistirá a avogada do Comité Cidadán Patricia Gabeiras, e ao que
están confirmando a súa participación numerosas asociacións, entidades, partidos e
persoas vinculadas de sempre á defensa da legalidade, da Ría e da Vida.
Na loita desde 1999
Reganosa é unha ameaza para a vida humana e o medio ambiente e pode chegar a converterse nunha enorme traxedia, no caso dun accidente na Planta ou no gaseiro. Nesta localización, dentro da Ría, con 40.000 habitantes ao redor, non hai Plan de Emerxencia capaz de facer fronte a catástrofe que provocará, encostado como está ademais ao Complexo Petroquímico, “Forestal del Atlántico - Imegasa”.
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol dende ano 1999, en ausencia e sen amparo das Administracións, veuse na obriga de defender a Vida, a Ría e a Legalidade ameazadas pola construción da Planta de Gas de Reganosa. Foron ditadas tres sentenzas favorábeis do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirmaba que Reganosa está baseada nunha flagrante ilegalidade e non cumpre coa normativa esixida para a construción deste tipo de instalacións. Dúas sentenzas anulaban a falsa tramitación ambiental que fixo Reganosa. A terceira sentenza anulaba o cambio de usos dos terreos nos que se construíu a Planta. A modificación do Plan Xeral de Ordenación de Mugardos, feita polo Concello, que serviu para que se instalara a Planta, é ilegal como ven de sentenciar dito Tribunal.
Agora, despois de 10 anos das sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Tres Sentenzas firmes do Tribunal Supremo, veñen confirmar a ilegalidade de Reganosa, mais Goberno Español, exime a Reganosa do trámite de avaliación de impacto ambiental, antepoñendo un suposto carácter estratéxico da regasificadora de Mugardos, á vida e seguridade das persoas que moramos na contorna da Ría de Ferrol.
A regasificadora entrou ilegalmente en funcionamento o 4 de maio de 2007, como ilegais tamén foron as entradas na Ría dos 210 gaseiros que abasteceron, até o momento, a Planta e sobre uns 14 que viñeron a cargar.
Houbo buques como o caso do gaseiro “LNG Rivers”, que o 6 de xuño de 2008, a causa do forte vento, tivo que abortar a primeira entrada na Ría, facendo unha perigosa manobra. Ante este feito o Comité Cidadán pediulle ao Ministerio de Fomento, aclaración do acontecido. Na súa explicación o Ministerio asume o incumprimento da normativa que regula a entrada de gaseiros, antepoñendo os intereses de Reganosa as nosas vidas e seguridade. Igual que outros en diferentes momentos, este mesmo buque tivo incidentes parecidos en Decembro de 2010.
Estamos diante do maior fraude cometido no noso país coa escusa de que o gas é estratéxico para Galiza... Mentres o Goberno Español e a Xunta de Galicia fan caso omiso das Sentenzas dos Tribunais. É Mais lexislan para burlar estas Sentenzas das maiores instancias xudiciais.
Tras as sentenzas do Tribunal Supremo, que declaran ilegal a Reganosa, esiximos o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
- QUE SE CUMPRAN AS SENTENZAS DO TRIBUNAL SUPREMO XA!
- POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA !!
- CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !!
- MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
- PECHE XA!!
- PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon