sábado, xullo 02, 2016

Festival do Río Castro en Narahio, hoxe sábado 2 de Xullo, concello de San Sadurniño - Un festival cheo de reivindicación, xogos para todas as idades, postos de artesanía, actividades de lecer as merendas, fraternidade e moita e boa música


Hoxe sábado, 2 de Xullo de 2016, vai ter lugar en Narahio, parroquia do Concello de San Sadurniño, como todos os primeiros sábados do mes de Xullo desde hai 22 anos, o Festival do Río Castro. Un festival cheo de reivindicación, xogos para todas as idades, postos de artesanía, actividades de lecer as merendas, fraternidade e moita e boa música.

O Festival do Río Castro naceu aló polo ano 1994 coa intención de reivindicar a conservación do río través da música e das actividades ao aire libre. Desde aquela a cita anual foi converténdose nun referente en toda a comarca e no resto de Galiza.

"Seguimos mantendo a filosofía que nos viu nacer: reivindicar a cultura e o respecto polo ambiente por medio dunha xornada de festa que, en certa maneira, tenta recuperar o espírito das romarías campestres de antano, hoxe alagadas na lucería, os escenarios móbiles e os ritmos monocordes de alén do Atlántico".

Un festival con historia e con moitos folgos para continuar na senda da construción de país, na defensa do medio ambiente, e da nosa lingua e cultura nacional.

As ideas que movían ao Festival, chegaron ao Concello de San Sadurniño, un concello adherido á Carta de Aalborg, e traballando na práctica eses compromisos, declarado-se sostíbel e que vive e reivindica o xeito de vivir do rural, as súa múltiples iniciativas a prol da veciñanza e de mellora da súa calidade de vida, a substentabilidade, a participación cidadá e os orzamentos participativos, a defensa e promoción da nosa lingua, o coidado do territorio, as iniciativas para asentar poboación, ... a promoción da cultura e a formación, son a súas bandeiras.


PROGRAMA 2016

Desde primeiras horas da mañá convidámoste a que veñas de merenda á beira do río Castro. Porén, para irmos quentando motores de cara á troula da noite, tamén temos preparado un completo programa de actividades ao pé do río durante a tarde.

Desde as 15:30hs. - A partir das 15’30, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) faranos pasar unha tarde ben entretida con actividades pensadas para grandes e pequenos sempre arredor dese xeito distinto de pasalo ben que tiñan os nosos maiores e que, de non ser por eles, estaría perdido para sempre.

Ás 17:30hs. - A Gramola Gominola, un grupo de música infantil, en galego, pensado para as máis pequenas e pequenos da casa. Pero non é un grupo máis, non é o de sempre, é unha banda de rock!!

Sobre as 18:30hs. - Campionato de xogos populares. Ide afiando os tronzadores, poñendo a tono os músculos para tirardes pola corda e afinando a puntería para atinar na chave.

Ás 22:30hs. - Empezaremos coa música:

Pesdelán, é música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos ao público, pretende recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia.

Zurrumalla, música tradicional, arredor da que montan festa en calquera lugar e a calquera hora cun amplo repertorio cantable e bailable.

Cuchufellos, traen Ritmos electrizantes e pezas cargadas de enerxía positiva, que transmiten nun directo explosivo, intenso, ás veces imprevisible, que non deixan a ninguén indiferente.

Quempallou, é un grupo musical tradicional de folk galego, un punto fundamental da súa música é buscar un estilo moi bailable para goce tanto dos propios músicos coma do público, sexa da idade que sexa, pasodobres, rumbas, muiñeiras, polcas...

Moita máis información, o programa completo e detallado, como chegar, o respecto ao medio ambiente, e sobre todo ao Río, a historia do Festival, ... e moito mais no seu sitio na rede, non deixes de entrar e marca-lo na axenda para todos os primeiros sábados do mes de Xullo. E a gozar, dos xogos, das merendas, da música e do espazo natural, ... E moi importante non deixes de comprar a Camiseta.

______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon