Unha decisión que pon en risco a nosa vida, a nosa seguridade e a da Ría, convertida nun mero trámite administrativo, por parte dun miserábel Goberno en funcións que aproba a autorización administrativa e o proxecto de execución das instalacións da planta de gas de Reganosa, que nos segue ameazando a pesar das tres Sentenzas firmes e inapelábeis do Tribunal Supremo contra este despropósito gasista, corrupto e construído no maior e absoluto desprezo dos dereitos das persoas e do medio ambiente. Desde Ártabra 21 queremos amosar a nosa oposición a tal decisión gobernamental e reiterar a nosa firme posición de seguir na loita até conseguir desmantelar a ilegal e perigosa regasificadora.
O Goberno Español, despois de 14 anos da primeira autorización revogada en sentenzas firmes, e de que o movemento social opositor ao despropósito gasista de Reganosa, demostrara a ilegalidade e perigosidade da Planta de Gas, fronte aos amaños e irresponsabilidades das administracións, fronte a corrupción política e as prácticas mafiosas da empresa; despois de que a xustiza lle dera a razón ao Comité Cidadán de Emerxencia, en tres Sentenzas do Tribunal Supremo; este Goberno volve conceder, nunha soa resolución express, a "autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta de gas". Autorización ao que numerosas entidades veciñais, sociais, ecoloxistas e organizacións políticas, presentaran alegacións en días pasados -o pasado día 1 de Xullo e unha ampliación o 5. Polo tanto o goberno tardou tan só 2 días en aprobar a Resolución.
Estamos por asegurar que a resolución foi redactada antes que rematara o período de alegacións. Moito antes que os trámites administrativos, que en todo momento foron considerados formais, tanto pola empresa como polas administracións (Xunta de Galicia e Goberno de España), ao facer "papel mollado" da garantía do procedemento administrativo, ao vulnerar en todo o procedemento os principios de legalidade, proporcionalidade, transparencia e igualdade, ante actos administrativos que antes de se tramitar xa estaban resolvidos publicamente a favor de Reganosa.
Os gobernos, neste caso, do Partido Popular, puxeron-se de parte e ao servizo dos intereses dos socios maioritarios de Reganosa, preparando informes de institucións e organismos controlados polo mesmo partido (Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, Concello de Mugardos, Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Dirección Xeral de Conservación da Natureza de la Xunta de Galicia, Augas de Galicia e Ministerio de Defensa), para certificar o "cumprimento dos parámetros normativos" da planta regasificadora.
Algún destes organismos están postos en cuestión por irregularidades manifestas, e imputados dous dos seus ex-altos-cargos, ao permitir o dragado da Ría, mentindo e ocultando informes desfavorábeis. Convertendo con mentiras e manipulación, o que é un simple negocio, dentro da burbulla enerxética, nun servizo estratéxico e de interese xeral. Simple, mas suculento negocio que enche os petos dos seus promotores privados con diñeiro público. Un apoio político e administrativo, facilitador dos trámites e concesións, mesmo manifestado a través de declaracións públicas, no caso do presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, ou por actuacións administrativas concretas, como a resolución gobernamental de eximir a Reganosa do sometemento a avaliación ambiental. Como noutrora fixera a administración Fraga co famoso pacto secreto, chamado Convenio de Colaboración, do 20 de xullo de 2000, onde participaba o Sr. Fraga representando á Xunta e outros cinco socios de Reganosa [Grupo Tojeiro, Endesa, FENOSA, Caixa Galicia e Sonatrach], cunha cláusula de confidencialidade para ocultar detalles comprometidos do mesmo. Con ese documento a Xunta de Galicia acordou participar cun 10% de capital de Reganosa, pero ademais comprometeu-se para a obtención dos permisos e licenzas da súa administración ou doutras, tamén para asegurar a viabilidade económica no caso de que existan problemas de rendibilidade e para facilitar axudas públicas.
Como se lle pode eximir a Reganosa da avaliación ambiental, se estamos diante dunha empresa potencialmente moi perigosa que ademais precisa dun plan de emerxencias exterior, validado e probado en simulacros, cousa que nunca se fixo, só de cando en vez fai-se funcionar ás 12 do mediodía unha sonora alarma. Unha planta de gas situada a moi poucos metros de núcleos de poboación e que no caso dunha emerxencia xeneralizara afectaría a máis de 50.000 persoas que moran na contorna da Ría.
Regasificadora ademais, encostada a un complexo petroquímico que almacena grande cantidade de produtos altamente tóxicos, perigosos e inflamábeis, unha central de xeración eléctrica e unha fábrica de colas (Forestal del Atlántico e Imegasa) que pola súa perigosidade, tamén necesita un plan de emerxencias exterior. Unha planta que utiliza centos de miles de litros da auga da ría, para vaporizar o gas, devolvendo esta, moito máis fría e sometida a un proceso químico intenso con produtos de limpeza e antifouling, e de cloración, con hipocloritos que eliminan a vida orgánica na auga utilizada.
Unha planta que recibe buques de grande porte cargados con ducias de miles de toneladas de gas natural licuado (LNG / GNL), que teñen que atravesar unha canle sinuosa, estreita e de fondo rochoso de 4.000 metros de lonxitude. Baixo unhas normas da Capitanía Marítima, rebaixadas ao ditado de Reganosa, nos condicionamentos a cumprir respecto ás orixinais, en único e exclusivo interese de Reganosa, deixando a un lado a seguridade e a vida das miles de persoas que moran na contorna.
Documentos:
Autorización outorgada o 7 de Xullo de 2016. | Resolución de 7 de xullo de 2016, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se outorga a Reganosa, autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado de Mugardos (A Coruña). | Publicado en: -BOE- núm. 165, de 9 de xullo de 2016, páxinas 48146 a 48158 (13 páxs.) Sección: III. Outras disposicións. Departamento: Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. Referencia: BOE-A-2016-6602. | Acceder/Baixar.
Autorización outorgada o 24 de Xullo de 2002. | Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas pola que se outorga a "Regasificadora do Noroeste, Sociedade Anónima" (REGANOSA) autorización administrativa previa para a instalación dunha planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos (A Coruña). | Publicado en: -BOE- núm. 176, de 24 de xullo de 2002, páxinas 6032 a 6033 (2 páxs). Sección: V. Anuncios - B. Outros anuncios oficiais. Departamento: Ministerio de Economía. | Acceder/baixar.
______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon