sábado, setembro 10, 2016

Betanzos acolle a V Semana de Custodia do Territorio Fragas do Mandeo, o GDR Mariñas-Betanzos e varias asociacións da bisbarra programan a súa celebración para a segunda quincena de Setembro - Nas nosas comarcas está constituída unha entidade similar ás que organizan esta quinta semana, trata-se da asociación para a custodia do bosque atlántico 'Betula'


A Semana de Custodia é un evento anual no que se dan cita especialistas, expóñense experiencias e realízanse actuacións co obxecto de difundir entre os cidadáns os valores naturais da bisbarra e para promover a súa preservación a través da custodia do territorio. Desde Ártabra 21 chamamos a participar, neste tipo de iniciativas, tan necesarias, non só para salvar a nosa biodiversidade, ou zonas sensíbeis, humidais, cabeceiras de rios, fontes, especies da flora autóctona, ou a fauna en perigo; senón que tamén unha loita contra o acaparamento de terras por parte das multinacionais, recuperar o valor do rural e do monte, a loita contra desmesurada plantación de eucaliptos e piñeiros... e como unha actividade saudábel e en defensa da natureza e o ben común. Nas nosas comarcas do noroeste (Ferrolterra, Eume e Ortegal), está constituída unha entidade similar ás que organizan esta quinta semana, trata-se da asociación para a custodia do bosque atlántico 'Betula' que leva poucos anos en acción, mais que xa ten baixo a súa custodia algunhas hectáreas de zonas a protexer e coidar. Quen queira contribuír, doando ou deixando terras, participando ou axudando, pode face-lo, poñendo-se en contacto coa entidade:

correo-e: custodia.betula@gmail.com                         
twitter: @betulacustodia
Facebook: facebook.com/betulacustodia

Betanzos acolle este mes a V Semana de Custodia do Territorio Fragas do Mandeo, o GDR Mariñas-Betanzos e varias asociacións da bisbarra programan a súa celebración para a segunda quincena
.

Entre o 17 e 25 de setembro de 2016

A Fundación Fragas do Mandeo e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos programan a celebración da V Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo entre o 17 e 25 de setembro. O programa inclúe conferencias, actividades de voluntariado ambiental e unha eco-regata para a mellora dos espazos naturais da reserva da biosfera.

A Semana de Custodia é un evento anual no que se dan cita especialistas, expóñense experiencias e realízanse actuacións co obxecto de difundir entre os cidadáns os valores naturais da bisbarra e para promover a súa preservación a través da custodia do territorio. Esta fórmula de protección do patrimonio natural permite á cidadanía comprometerse directamente na conservación da natureza local mediante accións de voluntariado e de patrocinio, así como a propietarios de fincas e montes que formalizan acordos de custodia.

A edición deste ano leva o título Recuperando espazos naturais mediante a custodia do territorio. A primeira das actividades será o sábado día 17 de setembro pola tarde, para cando está programada a eco-regata na ría de Betanzos, data escollida para que coincida ben a marea. Esta actividade deportiva e lúdica consiste en competir pola recollida de lixo no xuncal. Será a súa terceira edición; na do 2015 os refugallos recollidos encheron dous contedores industriais (un volume total de 16 m3 ). Comezará ás 16:00 horas no porto de Betanzos, onde se recibirá ós voluntarios, lanchas e piraguas que se teñan inscrito. A saída das embarcacións cos seus equipos de voluntarios será inmediatamente en canto rematen as inscricións; a chegada está prevista para as 20:00. Haberá premios para os tres primeiros gañadores. Paralelamente, no porto haberá actividades infantís, música, comida e bebida.

Fernando Bandín:
O estado dos espazos naturais da bisbarra é manifestamente mellorable. Hai refugallos no xuncal que levan décadas no mesmo sitio. Ninguén os retira e xunto a eles van amoreándose os que día a día traen as mareas ou baixan polo río. Se non hai campañas oficiais para retiralos, os veciños debemos organizarnos para afrontar este problema na medida das nosas posibilidades”.
O domingo día 18 pola mañá haberá unha actuación de voluntariado ambiental para eliminar especies exóticas invasoras e recoller lixo na praia da Alameda (Ponte do Porco, Miño). Por quinto ano, os participantes poderán axudar a conservar o mellor hábitat dunar presente no espazo natural protexido Betanzos-Mandeo.

A xornada de conferencias será o sábado 24 pola mañá no Liceo de Betanzos, estando invitados á súa apertura o alcalde da vila, D. Ramón García, e o presidente do GDR Mariñas-Betanzos, D. José Antonio Santiso. Ó longo da mañá, cinco especialistas abordarán aspectos importantes para a recuperación do bosque autóctono e das zonas húmidas. A intervención dos doutores da Universidade de Santiago D. José Guitián, D. Javier Amigo e D. Manuel Antonio Rodríguez Guitián, permitirá coñecer en detalle a composición florística das fragas do Mandeo e a interdependencia entre a fauna e as árbores autóctonas. Na segunda parte, o Dr. Serafín González, investigador do CSIC e presidente da SGHN, expoñerá exemplos de recuperación de hábitats húmidos e D. Juan Neira, secretario do padroado de Fragas do Mandeo, os avances na creación da reserva de anfibios do Catorce (Coirós).

Fernando Bandín:
Os anfibios son o grupo animal máis ameazado do planeta. Sofren a destrución e contaminación dos seus hábitats, a introdución de especies exóticas invasoras e a aparición de enfermidades que acaban con eles, todo elo agravado co cambio climático. Por ese motivo temos a responsabilidade de velar pola conservación das poboacións locais. A mellor maneira de facelo é garantíndolles hábitats húmidos en bo estado de conservación para que desenvolvan con éxito o seu ciclo vital”.
O domingo día 25 será cando celebre Fragas do Mandeo a limpeza simultánea de ríos en toda Galicia promovida polo Proxecto Ríos (aínda que a xornada foi adiada unha semana por causa das eleccións, Fragas do Mandeo mantena para o día 25 por motivos organizativos). Dependendo do número de voluntarios que participen, repartiranse os equipos por distintas zonas do río Mendo para recoller canto refugallo atopen ó longo da mañá. O ano pasado participaron 54 entidades, e os 691 voluntarios recolleron 13,5 toneladas de lixo.

Fernando Bandín:
Durante todo o ano gozamos do río Mandeo e da ría de Betanzos. Son espazos de lecer onde paseamos, observamos a natureza, facemos deporte ou celebramos festas. Xa que logo, temos unha débeda pendente, e nada mellor que pagala dedicándolles un día ó ano no que fagamos algo práctico para mellorar o seu estado de conservación”.
Fragas do Mandeo anima a todo o mundo a participar e inscribirse nas actividades chamando ó teléfono 981 669 541 ou dirixindo un correo electrónico cos seus datos persoais a info@marinasbetanzos.org. O programa completo pode descargarse en www.fragasdomandeo.org

A V Semana de Custodia está organizada por Fragas do Mandeo e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que a financia na súa totalidade. Na organización da eco-regata tamén participan diversas asociacións locais. En distintas actividades colaboran os concellos de Betanzos, de Coirós e de Miño.

Fragas do Mandeo: É unha entidade de custodia do territorio non gobernamental e non lucrativa. Ten creado o fondo de conservación da natureza da comarca de As Mariñas, que lle permite adquirir fincas de interese ambiental para a protección a perpetuidade dos hábitats naturais. Máis información en www.fragasdomandeo.org

Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos: Este GDR foi constituído no ano 2008 coa finalidade de agrupar ás entidades comprometidas co desenvolvemento rural. Xestiona o Programa L EADER 2014-2020 e acadou no ano 2013 a declaración de reserva da biosfera para a bisbarra. Máis información en www.marinasbetanzos.com

Proxecto Ríos: É unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos ríos galegos. Nela participan 299 grupos de voluntarios (asociacións, centros de ensino, particulares...) e organiza este ano a IX edición da limpeza simultánea de ríos de toda Galicia. Máis información en www.proxectorios.org

Betanzos, 16 de setembro de 2016.

Fundación Fragas do Mandeo

correo@fragasdomandeo.org

www.fragasdomandeo.org

www.facebook.com/voluntariadomandeo

Fotografías:

Poden solicitarse imaxes a correo@fragasdomandeo.org ou descargarse da cuarta edición para a súa publicación en:

http://www.fragasdomandeo.org/galeria/iv-semana-de-custodia-nas-marinas-corunesas-e-terras-do-mandeo/

Lista de entidades participantes na organización da eco-regata:

Fragas do Mandeo.
Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos.
Asociación de Amigos dos Ríos de Betanzos.
Asociación Ría do Pedrido.
Sociedade Gastronómica, Cultural, Deportiva e Xuvenil Lar de Unta.
Asociación Cultural Casa Castillo Betanzos.
Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal.

PROGRAMA DAS V XORNADAS 2016. | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Fragas do Mandeo
-correo@fragasdomandeo.org-
9 de setembro de 2016 22:22
______

luns, setembro 05, 2016

Acompañamos a Patricia e ás súas fillas á Audiencia Provincial - Os días 6, 7 e 8 de setembro celebrarase na Coruña o xuízo contra o “presunto” violador das súas tres fillastras e a súa filla cando estas eran menores de idade - Bankia iniciou o proceso de execución hipotecaria, proceso que non se paralizou porque o cotitular da hipoteca é o “presunto”, que tería que asinar a solicitude do código de boas prácticas e aceptar a demanda de Patricia de dación en pago e oferta de vivenda social


A Coordinación Galega de PAHs e STOPs, acordou somar-se ao Chamamento á sociedade civil, das compañeiras e compañeiros de Stop Desafiuzamentos Compostela, para mobilizar-se e acompañar a Patricia e ás súas fillas, vítimas da violencia machista e institucional, perante anos, que saltou á luz en Novembro de 2014, agora vai ter lugar o xuízo penal na Audiencia Provincial da Coruña, os días 6, 7 e 8 de Setembro contra o “presunto”, maltratador de Patricia e violador das súas tres fillastras e a súa filla, cando estas eran menores de idade. U
n caso no que se xuntan pobreza enerxética, falta de alternativa habitacional, desatención pública e violencias machistas, non só contra unha muller senón tamén contra as súas fillas. Desde Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, integrante da Cordinación galega, tamén acordou secundar o chamado á mobilización e acompañamento.

DENUNCIA, PROTECCIÓN, XUSTIZA E REPARACIÓN
CONCENTRACIÓN, POLA MAÑÁ, ÁS 8:45 HS. DO MARTES 6 DE SETEMBRO, NA PRAZA DIANTE DO EDIFICIO DA AUDIENCIA PROVINCIAL DA CORUÑA. O XUÍZO ESTÁ PREVISTO QUE TEÑA LUGAR, ÁS 9 DA MAÑÁ NO XULGADO DO PENAL Nº1 (OS DÍAS 6, 7 E 8 DE SETEMBRO DE 2016).

Acompañamos a Patricia e ás súas fillas á Audiencia Provincial
Stop Desafiuzamentos Compostela acompaña a Patricia e as súas fillas no xuízo contra o “presunto” maltratador  e violador das fillas menores.

Os días 6, 7 e 8 de setembro celebrarase na Coruña o xuízo contra o “presunto” violador das súas tres fillastras e a súa filla cando estas eran menores de idade.

Pedro Rañó Espasandín, natural da parroquia de Alón (Santa Comba) e residente na Baña, está acusado de violación continuada sobre a súa filla e as súas tres fillastras  durante nove anos, así como de maltrato continuado contra a súa parella, Patricia, nai das catro menores. Atópase en prisión preventiva desde novembro de 2014.

Desde Stop Desafiuzamentos Compostela pedímoslle á sociedade que acompañe estas mulleres e nenas os días 6, 7 e 8 de setembro durante o xuízo que se celebrará na Audiencia Provincial da Coruña (r/ Capitán Juan Varela).  | Mapa.

Patricia e as súas fillas terán que enfrontarse agora ao xuízo, terán que narrar o inferno en que viviron, e unhas persoas alí presentes xulgarán o responsable último desa situación, o acusado. Pero ninguén xulgará os que o apoian e alentan, os que miraron para outro lado e non fixeron nada. Ninguén dirá nada das institucións garantes dos nosos dereitos que non fixeron os deberes, que deixaron a Patricia e as súas fillas desprotexidas porque, no fondo, pensan que algo farían.

Patricia e as súas fillas non se enfrontan só a este xuízo, teñen sobre a súa cabeza a espada de Damocles do desafiuzamento da súa vivenda; Patricia ten sobre a súa cabeza a exclusión social que supón vivir e manter a súa familia con 426 euros; ten sobre a  súa cabeza o estigma social dun pobo que non entende por que non aguantou un pouco máis... e nós pensamos que é moito peso para unha soa cabeza. Bankia iniciou o proceso de execución hipotecaria, proceso que non se paralizou porque o cotitular da hipoteca é o “presunto”, que tería que asinar a solicitude do código de boas prácticas e aceptar a demanda de Patricia de dación en pago e oferta de vivenda social. Pero, claro, o “presunto” está en prisión e non vai asinar nada. E, en palabras da responsable de Bankia, NON se pode facer nada.

Violencia dun suxeito, violencia dunha veciñanza que mira para outro lado, violencia dunhas institucións que aparentemente lles garanten ás mulleres vítimas unha vida normalizada tras a denuncia e, na realidade, empúrranas ao enrevesado mundo do papelorio, do volva vostede mañá, do fáltalle este requisito…, violencia dun banco, violencia do noso silencio.

Desde Stop Desafiuzamentos Compostela pedímoslle á sociedade civil, a esa parte que non quere ser partícipe ni cómplice desta situación, que se mobilice, que se sume, que faga oír a súa voz, que nos acompañe para que elas saiban que non están soas.

Algúns medios informando dos feitos:

Prisión provisional para o home acusado de violar aos seus tres hijastras e a súa filla. | O xuíz atribúelle tres delitos de agresión sexual mentres segue a instrución. | La Voz de Galicia. | Xurxo Melchor. | Santiago 28 de novembro de 2014 17:53 | Ir á Web.

Detido por violar a tres hijastras e á súa filla menor durante oito anos. | As vítimas confesaron os abusos á súa nai cando rompeu co home, natural de Santa Comba, ao que denunciara por maltrato. | Xurxo Melchor. Santiago / La Voz de Galicia. 28 de Novembro de 2014 08:44. | Ir á Web.

A Fiscalía pide 67 anos de cárcere para o home acusado de violar á súa filla e a tres hijastras. | A nai, veciña da Baña, descubriu as agresións tras botar de casa ao seu marido por sufrir maltratos. | xurxo melchorsantiago / La Voz de Galicia, 10 de Maio de 2016. Actualizado ás 05:00 h. | Ir á Web.

Denuncian o desahucio para unha familia bañesa agredida. | A nai, co marido xa entre rejas, asume unha hipoteca e a manutención de seis acodes, segundo Stop Desafiuzamentos. | O.D. VILLAR A BAÑA El Correo Gallego.  | 15.05.2016 | Ir á Web.

Stop Desahucios Compostela denuncia un novo caso dunha vítima de violencia de xénero. | Kaos en La Red. Por Stop Desahucios - Compostela. | Stop Desafiuzamentos Compostela envía denuncia para visualizar un novo caso, esta vez nunha vítima de violencia de xénero. Muller nai de catro fillas violadas polo seu marido ao que o fiscal pide 67 anos de cárcere. Resaltan que é un caso no que se xuntan pobreza enerxética, falta de alternativa habitacional, desatención pública e violencia de xénero non só contra unha muller senón tamén contra as súas fillas. 11 de Maio de 2016 | Ir á Web.

Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/1673896709604554/

 Stop Desafiuzamentos Compostela

https://www.facebook.com/StopDesahuciosCompostela/

stopdesahucioscompostela@gmail.com
Compostela, a 31 de Agosto de 2016

---

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com


Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol
_______