mércores, febreiro 08, 2017

Apoio á iniciativa "Praza de Amada García" en Ferrol


A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática apoia a iniciativa surxida no Consello Sectorial da Muller de darlle o nome de Amada García á praza situada diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia de Ferrol.

Amada, executada o 27 de xaneiro de 1938 no castelo de San Felipe, ao poco tempo de dar a luz, encarnaría, neste caso, a representación de todos os homes e mulleres que sufriron represión e morte, na nosa cidade, pola defensa dos ideais de legalidade, liberdade e progreso social.

De feito, son moitos os colectivos cidadáns que, nos últimos anos, difunden as súas convocatorias nese lugar usando a denominación “Praza de Amada García” como así a recoñece a maioría da cidadanía.

Animamos ao Goberno Municipal que leve a cabo, canto antes, os tramites plenarios necesarios, para culminar esta merecida homenaxe.

Amada García Rodríguez, natural e veciña de Mugardos, militante do Partido Comunista, estaba casada con Gabriel Toimil Dopico e tiña unha filla. Era unha muller politicamente moi activa e boa oradora, unha líder natural, polo que se granxeou as antipatías dos sectores máis conservadores da sociedade mugardesa.

Ao producirse o golpe de estado de 1936, as autoridades locais de Mugardos organizan a resistencia cos escasos medios que estaban á súa disposición. Neses días, Amada García estivo no Concello dando ánimos e colaborando na medida das súas posibilidades, como moitos outros veciños.

Coa vitoria dos militares sublevados, estes deteñen, xulgan e condenan a un elevado número de veciño/as do Concello (causas 42/37 e 379/37), entre eles Amada.

Cando se dita a sentenza de morte contra ela, estaba embarazada, polo que se retrasou a execución á espera de que nacera o seu fillo Gabriel. Tres meses despois, o 27 de xaneiro de 1938, foi fusilada xunto con outros sete compañeiros, no Castelo de San Felipe.

Desde hai varios anos, esta Asociación e outros colectivos cidadás, realizan, o 27 de xaneiro, unha ofrenda floral no foso do Castelo, en lembranza de Amada e de todas e todos os represaliados pola ditadura fascista, homenaxe que este 2017 convertíuse en Acto Institucional do Concello de Ferrol.

--
Visita as nosas páxinas web:
www.memoriahistoricademocratica.org
http://memoriahistoricademocratica.wordpress.com
en facebook:Memoria Historica Democratica
en twitter: Memoria Ferrol  @memoriaferrol

Enviado por:
Memoria Histórica Democrática
-memoriahistoricademocratica@gmail.com-
7 de fevereiro de 2017 08:34
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon