mércores, abril 05, 2017

A tese Cunha-Urgorri, que nega a afectación da Ría polo impacto de Reganosa, carece de rigor e é contraria a estudos europeos feitos ao abeiro da CE, que cualifican o uso de biocidas e arrefriamento da auga como contaminación mariña

Tags


A tese Cunha-Urgorri, que nega a afectación da Ría polo impacto de Reganosa, carece de rigor e é contraria a estudos europeos feitos ao abeiro da CE, que cualifican o uso de biocidas e arrefriamento da auga como contaminación mariña
.

Diferentes medios publicaban estes días a tese da investigadora da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Xela Cunha, dirixida por Vitoriano Urgorri - responsable da estación-, na que se afirma que “a planta de gas de Reganosa non ten afectación nas augas da Ría”. Na entrevista publicada na Voz (26-03-2017) ven a dicir: “A estación da Graña e Reganosa levan traballando en conxunto desde finais de 2006”. A tese abarca desde o ano 2007 até o 2013 e dí que, “segundo os estudios na estación máis próxima á planta de Reganosa (dos catro estudados), non existen ningún descenso na riqueza especifica, é dicir, no número de especies que hai, e na abundancia, no número de exemplares de cada unha das especies”. En cambio, ”nas outras tres estacións observouse que foron descendendo os valores paulatinamente”.

O resultado do “estudo” publicado agora, ven a coincidir coa opinión do director do estudo, Victoriano Urgorri, que xa no seu momento fixo por encargo un informe mediombiental que non puña obxeccións á relocalización da planta de Reganosa no interior da Ría, nunhas declaracións a El Pais, o 19 de Nov. 2007 di, a instalación de Reganosa non supón, segundo Urgorri, "un problema ambiental". Un informe realizado por este e outros biólogos coas universidades de Santiago e Vigo, desmenten aos mariscadores, que vaticinaron un descenso na temperatura das aguas e un grave prexuízo para o marisqueo. Procede denunciar aquí o tratamento irregular que Augas de Galicia dá aos rexistros de datos de temperatura de saída da auga utilizada (un requisito imprescindible para a autorización de verteduras), utilizando só os valores medios diarios, co que os valores máximos e mínimos quedan totalmente enmascarados.

A tese onde se estuda o número de especies en catro estacións situadas desde 50 a 400 metros arredor da planta, asegúrase que na máis próxima a Reganosa foi na que os valores de abundancia e riqueza específica se mantiveron máis ou menos similares, desde 2007 a decembro de 2013. Baixo a opinión deste Comité, carece de rigor a comparación, ao non ter en conta factores como a degradación da Ría por vertidos urbanos, ou vertidos industriais, nas zonas das outras tres estacións estudadas. Ignórase a influencia das mareas e correntes que fan que o efecto do proceso de regasificación de Reganosa, se faga extensivo a toda a Ría, e non só localizado nun radio ao redor da mesma. Ademais, aplicando o sentido común, chégase á conclusión de que ao absorber Reganosa 13.200 Tons./hora de auga da Ría, máis que o caudal medio do Rio Xubia, que conten microorganismos, larvas, algas, animais... plancto en xeral, a base da vida da Ría, que logo se trata con hipoclorito sódico (lixivia), e vertida á Ría cos restos de ese hipoclorito, esterilizada e devolta á Ría cunha redución da súa temperatura de 6ºC, ao longo destes 10 anos de funcionamento de Reganosa, algunha pegada habería que esperar que deixara no ecosistema da Ría. Outra cousa é que cos datos reais, a produción da planta nos 10 anos desde a súa posta en marcha, estivo sempre por baixo do 30 %, co que o volume de auga utilizada até agora é moito menor do nominal, e polo tanto os efectos que se producen, sempre son menores, que se a planta funcionara tal e como foi planificada. Este Comité non pode máis que rechazar esta tese por interesada e manipulada. Ademais, nada novidosa por estar dirixida por un veterano defensor de Reganosa, Victoriano Urgorri, empresa para a que elaborou varios informes neste mesmo sentido (Outro Informe onde xa aparecía Xela Cunha Veira - 29 de febreiro de 2016, vamos nada novidoso o que sae agora na prensa, senón pura propaganda).

Existen ademais estudos científicos que certifican que o sistema de limpeza de “fouling” (restos orgánicos nos sistemas de refrixeracións), que utilizan as industrias do tipo de Reganosa, a base de biocidas (hipocloritos), presentan unha alta toxicidade para os organismos do medio mariño. Estudos como os realizados ao abeiro da directiva marco sobre a estratexia mariña, Directiva 2008/56/CE do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de Xuño de 2008, pola que se establece un marco de acción comunitaria para a política do medio mariño, que ten o obxectivo do bo estado ecolóxico das augas mariñas para o 2020. A Comunidade Europea, considera contaminación mariña o arrefriamento das augas e o uso de biocidas. Todas as plantas costeiras de GNL de EE.UU. (na costa e en alta mar) utilizan sistemas de circuíto pechado de regasificación queimando parte do gas que regasifican.

Reiteramos que a planta de gas de Reganosa é unha instalación perigosa, un produto da corrupción político-financeira deste pais. A relocalización da planta no interior da Ría, nos terreos do Grupo Tojeiro, non tiveron máis razóns, que facilitar que este puidera afacerse con 30 millóns de euros, e blindar a permanencia in situ do complexo petroquímico de Forestal. Reganosa é unha instalación ilegal que o Supremo determinou en 4 Sentenzas. O Goberno en funcións de Rajoi, en desacato ás sentenzas, decidiu excluír a Reganosa da aplicación da lei, e outorgoulle pola vía de urxencia unha nova autorización.

A planta de Reganosa, cuxo funcionamento no 2016 non pasou do 28%, cústanos á cidadanía perto de 60 millóns de euros ao ano, namentres se mantén pechado o gasoducto de Tui, que abastecía de gas a Galicia, para xustificar o timo de Reganosa.

A planta de Reganosa levantouse sobre un recheo e dragado ilegais (máis superficie da concedida), onde se soterraron miles de toneladas de vertidos contaminantes sen illamento xeotextil, a carón dos bancos marisqueiros de A Barca, Noville e Sta. Lucia. Reganosa utiliza auga da ría para regasificar, modelo non contemplado na autorización de construción. Son 13.200 Tons/hora de auga tratada con hipoclorito sódico (lixivia) para a eliminación de microorganismos.

En Punta Promontoiro radica hoxe o principal foco de contaminación da nosa Ria, xunto á planta de Reganosa, o complexo petroquímico de Forestal ten autorizado pola Xunta verquer á Ría 27 millóns de tons/ano (Desde a entrada en funcionamento até setembro de 2008, Reganosa levaba vertido á Ría máis de 115 millóns de metros cúbicos de augas residuais sen control, polo que foi multada no seu momento).

A Tese de Xela Cunha, negando o carácter nocivo para o ecosistema da Ría, é un traballo de encargo ao servizo de quen o paga. Semella outros estudos “científicos”, como os que se realizaron cando se regulou o uso do tabaco, que probaban que o tabaco non era daniño para a saúde, financiados polas tabacaleiras; os que negaban o carácter nocivo do amianto, ou os que negan o cambio climático, pagados polas petroleiras. Esta tese máis que ocultar, amosa o carácter corrupto do produto.

Ferrol a 1 de Abril de 2017

Sopa química que sae dos vaporizadores de Reganosa
Sopa química que sae dos vaporizadores de Reganosa
Enseada de Santa Lucía


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc



Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
1 de abril de 2017 21:49
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon