xoves, maio 18, 2017

A todo gas, liquado, ...Por Iván Rivas


Por Ivan Rivas [*]
18.05.2017


A decisión do BNG de absterse no Parlamento galego na iniciativa do PP para "adaptar" Reganosa ao subministro de gas licuado é mostra dunha absoluta incompetencia da que o ou a súa responsable debería dar explicacións públicas.

Sobre Reganosa pesan catro sentenzas xudiciais [1] que impedirían que esta planta seguise aberta se non é grazas a absolucións políticas como a que adoptou en 2016 un goberno do PP en funcións que lle facilitou os trámites e a eximiu de cumprir coa legalidade [2]. É por tanto obvio que non se pode modernizar o que é ilegal do mesmo modo que non lle podo dar unha altura máis á miña casa se non teño permiso para construír. Se ademais censuramos as axudas políticas que permiten o funcionamento e ubicación de ENCE debemos facer o mesmo con Reganosa por moito que o actual goberno mugardés se afeite cara arriba. E se alguén no BNG quere manter posicionamentos mornos respecto de problemas estruturais desta cidade é libre de facelo pero non contará coa complicidade do BNG de Ferrol.

Publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol | 16 de Maio de 2017

[*] Iván Rivas Rico, -A Pontenova 1976, é arquitecto de profesión, concelleiro e portavoz do grupo municipal do BNG en Ferrol desde xaneiro de 2012, na anterior etapa e na actualidade. Foi candidato á Alcaldía polo BNG - Asembleas Abertas, para as eleccións locais do 24 de maio deste 2015. Ten conta no facebook: https://www.facebook.com/ivan.rivasrico .

---

Notas (De Ártabra 21).-

[1] Sentenzas | Perante o pasado ano 2016, ditaron-se tres sentenza e un auto do Tribunal Supremo, e xa en 2012 houbera outra sentenza da mesma instancia xudicial superior. A Terceira Sentenza firme contra Reganosa anulou a autorización para a construción da planta regasificadora en Mugardos, encostada ao complexo petroquímico do Grupo Tojeiro (Forestal del Atlántico e Imegasa). E unha cuarta sentenza a favor do movemento opositor a Reganosa, anulara o Plan de Emerxencias Exterior da planta de gas.

 [2] Exención do Goberno Español | Despois de declarada ilegal Reganosa, polas sentenzas firmes do tribunal supremo, polo entón goberno en funcións do estado (27.05.2016), resolveu eximir a planta de gas de someterse á avaliación ambiental e concedeu-lle a autorización de funcionamento, nun intento de burlar as sentenzas do alto tribunal, todo isto cun apoio mediático imperdoábel, da Xunta de Galicia e do Goberno Municipal de Mugardos (Hoxe cesado por unha moción de censura). O movemento opositor a Reganosa, con amplo apoio político, decidiu recorrer as resolucións gobernamentais sinaladas.



____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon