xoves, setembro 21, 2017

Ante a entrada na Ría do buque LNG Rioja Knutsen, cargado con gas natural licuado para a ilegal e perigosa Reganosa, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha concentración sonora, este venres 22 de setembro, ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia, diante do edifico da Xunta - Enlaces ás catro Sentenzas

Tags


CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
 VENRES 22 DE SETEMBRO, ÁS 7 DA TARDE (NOVO HORARIO)
NA PRAZA AMADA GARCIA, DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA



Este venres 22 de setembro de 2017, está prevista a entrada na Ría de Ferrol, dun novo buque gaseiro, o "LNG Rioja Knutsen", de bandeira española, cargado con miles de toneladas de gas natural licuado, que descargará nos tanques de Reganosa.

O buque "LNG Rioja Knutsen" ten unha eslora total de 290 metros, unha manga de 46 e un calado de 12,65 e unha capacidade de 170.000 metros cúbicos. Este buque de enorme porte e grande capacidade, terá que entrar pola bocana da Ría e cruzar o angosto, estreito, de pouco calado e de fondo rochoso, canle de máis de 4.500 metros, até chegar ao pantalán de descarga do peirao de Punta Promontoiro, situado no termo municipal de Mugardos. Onde Reganosa coa complicidade de políticos sen escrúpulos construíu unha planta de gas que nos ameaza todo-los días, aumentando exponencialmente esta ameaza, sempre que entra na Ría un buque LNG / GNL cargado, para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Mugardos. Este buque fai o gaseiro número 227 que descarga en Reganosa, desde que o fixera o "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Concentración sonora

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada dun novo buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, como ven sendo habitual sempre que entra un gaseiro cargado na Ría de Ferrol, convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, este venres ás 7 da tarde (novo horarío) , desta vez, volve-se ao emprazamento da Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.

Sentenzas

Perante o pasado ano 2016, ditaron-se tres sentenza e un auto do Tribunal Supremo, e xa en 2012 houbera outra sentenza da mesma instancia xudicial superior. A Terceira Sentenza firme contra Reganosa anulou a autorización para a construción da planta regasificadora en Mugardos, encostada ao complexo petroquímico do Grupo Tojeiro (Forestal del Atlántico e Imegasa). E unha cuarta sentenza a favor do movemento opositor a Reganosa, anulara o Plan de Emerxencias Exterior da planta de gas.

Recursos

Despois de declarada ilegal Reganosa, polas sentenzas firmes do tribunal supremo, polo entón goberno en funcións do estado (27.05.2016), resolveu eximir a planta de gas de someterse á avaliación ambiental e concedeu-lle a autorización de funcionamento, nun intento de burlar as sentenzas do alto tribunal, todo isto cun apoio mediático imperdoábel, da Xunta de Galicia e do Goberno Municipal de Mugardos (Hoxe cesado por unha moción de censura). O movemento opositor a Reganosa, con amplo apoio político, decidiu recorrer as resolucións gobernamentais sinaladas.

Tras as sentenzas do Tribunal Supremo, que declaran ilegal a Reganosa, esiximos o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRAN AS SENTENZAS DO TRIBUNAL SUPREMO XA!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !
  • PECHE XA !
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
19 de setembro de 2017 00:36
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon